10.500 gandeiros galegos optarán ás axudas ás agrupacións de defensa sanitaria da Xunta de Galicia
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/explotacion_ganadera.jpg)
Benefícianse destas axudas as entidades asociativas agrarias que están oficialmente recoñecidas como ADSG, e polo tanto inscritas no correspondente rexistro, e que se comprometeron a realizar polo menos o programa sanitario marco establecido pola consellería. Do total de entidades beneficiarias 52 corresponden a gando bovino, 8 de porcino, 3 de coellos, 3 de aves, 2 de visóns e 1 de ovino e cabrún. Nas resolucións tramitadas, prímase a aquelas ADSG que presenten maior número de explotacións integradas, maior censo gandeiro e maior número de veterinarios, ademais de favorecer a aquelas entidades que se fusionaran no último ano.
A través destas achegas subvenciónase a contratación dos servizos de 159 veterinarios, 79 deles en exclusividade, encargados da supervisión e execución do programa sanitario, acadando a axuda ata o 100% do custe do persoal contratado. Os veterinarios contratados polas agrupacións, ademais de executar os programas sanitarios voluntarios e participar na rede de vixilancia epidemiolóxica de Galicia, colaboran na formación sanitaria dos gandeiros, nas actuacións complementarias nos programas oficiais de erradicación, no control e fomento das prácticas en materia de benestar animal, e no establecemento de programas de desinfección, desratización ou desinsectación nas explotacións.
Unha vez recibida a resolución, as entidades beneficiarias poden solicitar antes do 1 de outubro de 2015 un anticipo do 42,85 % do total da subvención autorizada, sempre que non teñan abertos expedientes de reintegro de axudas de anos anteriores. O período subvencionable a través destas axudas remata o 28 de febreiro de 2016.
As ADSG
As ADSG son asociacións de gandeiros constituídas para elevar o nivel sanitario e produtivo e as condicións zootécnicas das súas explotacións, mediante o establecemento e execución de programas de profilaxe, loita contra as enfermidades dos animais e mellora das súas condicións hixiénicas e produtivas.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia