Deputación de Ourense e o Concello de A Veiga presentan a Trevinca como destino turístico "Starlight"
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/trevinca.jpg)
Na actualidade con esta nova incorporación son catorce os lugares do mundo que contan con certificado de destino turístico starlight, e Trevinca é o único lugar de Galicia que conta con este certificado. Un sistema de certificación que é avalado pola UNESCO, pola Unión Astronómica Internacional e pola Organización Mundial de Turismo.
Manuel Baltar destacou as condicións "excepcionais de determinadas áreas do concello de A Veiga para contemplar os ceos estrelados" e isto supón que A Veiga entra nunha dinámica e tamén a provincia de Ourense "dun segmento emerxente do turismo que é o astroturismo ou o turismo das estrelas". A Deputación de Ourense colaborou para que fose posible tramitar o expediente para esta certificación que recibiu o concello o pasado 4 de agosto.
O presidente da Deputación de Ourense recalcou que o concello de A Veiga é "un dos concellos máis extensos de Galicia case 300 quilómetros cadrados e é en A Veiga onde se pode estar no sitio máis alto de Galicia nesa Pena Trevinca e os seus 2.127 metros non é o único pico que sobrepasa os 2.000 metros, ten outros tres máis aparte de Pena Trevinca e estamos a falar tamén dun concello que reúne o maior conxunto do ecosistema de turbeiras e de lagoas de orixe glaciar da Península Ibérica despois dos Pirineos".
Pola súa banda, Juan Anta destacou que non sería posible chegar a este punto "sen a colaboración da Deputación de Ourense, a axuda dos asesores astronómicos e do meu antecesor que puxo a primeira pedra neste camiño".
Os asesores astronómicos fixeron un repaso polas características que ten o concello de A Veiga e polo que o converten nun sitio idóneo dende o que ver o ceo estrelado. Entre as súas principais características atópase a baixa contaminación lumínica que ten o concello, a súa gran altitude fai que a atmosfera mostre as súas mellores condicións e ademais, dende A Veiga, pódese ver a Vía Láctea de lado a lado.
No Concello de A Veiga realízanse diferentes actividades que se desenvolven en torno ao mundo da astronomía entre elas a observación de choiva de estrelas ou a segunda edición de Xornadas Astroturismo do Concello de A Veiga os días 11, 12 e 13 de setembro onde o ano pasado participou unha gran cantidade de xente de lonxe do concello. Óscar Blanco afirmou que a idea é facer de A Veiga, "un punto estratéxico na astronomía e nun referente a nivel nacional".
Deputación de Ourense