Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Medio Rural aplaude a decisión de Bruxelas de paliar a falla de liquidez das explotacións leiteiras

A conselleira do Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, valorou positivamente a decisión da Unión Europea de destinar 500 millóns de euros para paliar a falla de liquidez das explotacións leiteiras. En relación coas decisións adoptadas no Consello Extraordinario de Ministros, celebrado en Bruxelas, a responsable de Medio Rural e Mar trasladou que foi un encontro “no que se puxo en evidencia que ningún país da UE puxo enriba da mesa tantas medidas como o fixo España”. Con esta medida, dixo a conselleira, “cremos que Galicia sairá beneficiada posto que produce o 40% do leite” do Estado.

A conselleira do Medio Rural e do Mar tamén fixo referencia a unha xuntanza que terá lugar este xoves en Madrid e na que participarán todos os integrantes da cadea do leite. “Confío en que sexamos capaces de acadar un acordo que permita a construción de valor en torno ao leite e que manteña un prezo sustentable para o gandeiro”.

Medidas da Xunta e do Estado

A conselleira adiantou que o Estado está traballando en poñer en marcha o mecanismo legal que vai permitir transparentar a cesión do prezo nas marcas brancas. Así, dixo Rosa Quintana, “todas as normas que se están a desenvolver serven para poñer en marcha a construción de prezo, a transparencia na cadea e ver onde quedan os beneficios”. Neste sentido, lembrou que precisamente a Lei da Cadea Alimentaria é a normativa que pretende transparentar a construción de prezos, ao tempo que dixo que España foi o primeiro país en publicala.

Ademais, a conselleira avanzou que o Ministerio está xa tramitando a orde de achegas de 300 euros por vaca e tamén que proximamente irá ao Consello da Xunta a concesión da moratoria de 2 anos para préstamos de plans de mellora concedidos.

Finalmente, a titular de Medio Rural e Mar destacou que “a Xunta está ao lado do sector porque cremos que é un sector estratéxico, temos que apoialos porque, sen dúbida, teñen moito futuro e estou convencida de que imos na boa dirección”.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia