Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

ADEGA celebra a súa Asemblea Xeral

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) celebrará a súa asemblea xeral anual en Carballo. Durante o sábado 12 de marzo terán lugar diversas actividades abertas ao público, mentres que o domingo 13 decorrerá a asemblea de socios e socias. A celebración da asemblea de ADEGA en Carballo pretende ser un impulso para a súa delegación na Costa da Morte, creada no ano pasado.
A asemblea abrirase o sábado cunha mesa redonda sobre a situación ambiental na comarca de Bergantiños. Após a inauguración oficial, haberá un roteiro até a Fervenza de Entrecruces, un monumento natural ameazado por un proxecto de minicentral hidroeléctrica ao que se está a opor ADEGA e unha Plataforma local.
O sábado pola tarde presentarase a iniciativa lexislativa popular para a protección, a conservación e a mellora dos ríos galegos (http://www.ilprios.org). Esta iniciativa, apoiada conxuntamente por ADEGA e por outras organizacións (ecoloxistas, colectivos locais que se opoñen a encoros, asociacións de veciños, sindicatos,…), pretende mobilizar unha vez máis á sociedade galega en defensa do rico e ameazado patrimonio natural e cultural dos ríos.
No domingo 13 presentaranse e debateranse os informes de actividades, de organización e económico. Tamén se aprobará o programa de traballo e o orzamento para o presente ano. Entre as actividades a desenvolver por ADEGA neste ano, alén da devandita iniciativa lexislativa popular, merecen destaque o Proxecto Ríos (http://www.proxectorios.org) e o
Programa de     autocompostaxe (http://www.adegagaliza.org/EA/autoc/autoc1.htm).
Na asemblea elixirase unha nova Xunta Directiva Xeral para os próximos dous anos. Na única candidatura presentada figura como presidente Xan Duro e como secretario xeral Daniel Vispo.
O domingo ás 18.30 h presentaranse publicamente e aos medios de información os acordos da Asemblea Xeral.
Adega