Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

A exposición sobre Manuel Rodríguez López chega a Meira

A mostra forma parte do Proxecto Manuel Rodríguez López emprendido por Galicia Digital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Xunta de Galicia (Secretarías Xerais de Política Lingüística e de Cultura), a Deputación Provincial de Lugo e a Real Academia Galega.

Esta mostra itinerante comezou o seu percorrido na casa da cultura de Paradela para logo expoñerse en Lugo, Begonte, Colexio de Paradela, Sarria, Portomarín, Vilalba, Santiago, A Coruña, Barcelona, Madrid, Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, Biblioteca Anxo Casal de Compostela e Casa das Palabras de Guitiriz.

Está composta por oito paneis dobles, nos que se reflicte de xeito moi gráfico a vida e obra do escritor paradelense, considerado o mellor poeta obreiro galego do século XX, que escribiu en Catalunya a maior parte da súa obra, e foi, ademais dun grande animador das actividades galegas en Catalunya, o vínculo perfecto entre Galicia e os galegos emigrantes no País catalán.

A exposición forma parte dun conxunto de catro mostras na Casa do Concello de Meira. Ademáis da de Manuel Rodríguez López están a de Avelino Díaz, o escritor meirego para o que se ten solicitado o Día das Letras de 2016; a de pinturas do artista de Bazar (Castro de Rei), Anxo Lamas, e de escultura do artista de Meira Manuel Pardo. As catro foron inauguradas coa asistencia das numerosas persoas participantes na III FESTA DE AFIRMACIÓN E DIGNIDADE que -organizada por Xermolos, a Irmandade Manuel María, e a Asociación Avelino Díaz, co Concello de Meira- comezou ese día no Pedregal de Irimia para continuar na Casa do Concello coa inauguración das exposicións e un recital de cancións na praza inmediata á Casa do Concello meirego.
X.X.