As 27 Xornadas de Banda Deseñada de Ourense enchen o Museo Municipal de viñetas
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/banda_desenada_ourense2015.jpg)
A concelleira de Cultura, Belén Iglesias, destacaba a importancia do lugar expositivo: “un emblemático espazo cultural da cidade que irradia vitalidade con mostras coma esta”. Pero non serán as únicas obras que se poidan ver: o primeiro andar comparte espazo con “Creando nun garaxe”, exposición realizada polos alumnos da Escola Profesional de Banda Deseñada e Ilustración de Galicia. No segundo andar do museo estará a exposición das Axudas Injuve para la Creación Joven 2014, que comeza a súa exposición pública precisamente na nosa cidade.
As Xornadas inclúen tamén un premio á mellor iniciativa e traxectoria destacada no ámbito da BD galega, que este ano recaeu no podcast de radio Metrópoles delirantes polo grande labor de difusión do cómic feito en Galicia.
En palabras de José Luís Vázquez Che, da Fundación Benito Losada, o máis importante destas xornadas, amplamente consolidadas, “é que xeneran dinámicas profesionais”. Así, quixo mencionar que unha editorial vasca especializada en BD xa se interesou por publicar as obras dos gañadores, así como a existencia dunha tenda especializada en BD e nacida baixo o signo das Xornadas.
Porén, unha das novidades máis destacadas deste ano é a recuperación do fanzine das Xornadas, que acada o seu número 22 logo da parálise da edición anterior.
O organizador quixo agradecer, igualmente, o firme apoio do Concello de Ourense, que achega o 50% do orzamento das xornadas: o departamento de Belén Iglesias, alén dos espazos expositivos e da montaxe, dá 3.000 euros para as Xornadas e o Outono Fotográfico, mentres que a Concellería de Xuventude fai unha achega de 16.000 euros.
Palmarés do IV certame Benito Losada de BD
O xurado, composto polo libreiro especializado Ricardo Rodríguez, do Sindicato del Cómic, o guionista e especialista en BD Carlos Rafael, e a ilustradora Lucía Pérez, profesora na academia El Atelier, outorgoulle os premios da IV edición do Certame Benito Losada de BD a:
Na categoría para maiores de 17 anos até os 35
-1° Premio: Víctor L Pinel / Alicia Jaraba Abellan por "Pendulum" – 900€
-2° Premio: Alicia Jaraba Abellan por "Superheroes" – 300€
Mención de Honra para: Elisabet García Aires por "Chejov",
Mención de Honra para: Pablo A. Rosendo por "s/título",
Mención de Honra para: Xulia Pisón Egea por "A única maneira"
Na categoría para menores de 17 anos
-1° Premio: Breixo Mosquera Freire por "Volvendo á rutina" – 300€
Mención de Honra para: Carlos Fandiño Soto por "A abella e o dardo",
Mención de Honra para:Iria Couso Buján por "s/título",
Mención de Honra para: Ismael López Arias por "Antón e Cibrán"
Fotografía: http://culturagalega.gal/axenda.php?Cod_axnda=71524
Gabinete de Comunicación do Concello de Ourense