Exposición Manuel Rodríguez López en Ferrol
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/manuelrodriguezlopez_ferrol.jpg)
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria financia e promove diversas iniciativas co fin de renderlle unha homenaxe acorde á trascendencia da obra de quen foi un dos promotores da Real Academia Galega e que destacou en múltiples facetas como folclorista, filólogo, filósofo, literato e pensador político.
O proxecto Manuel Rodríguez López, iniciado hai tres anos, está conformado por unha páxina web en galego, catalán, castelán e inglés, diversas publicacións e actividades, ademais desta mostra itinerante que xa percorreu parte da xeografía galega e mailo Centro Galego de Barcelona. Con el preténdese dar a coñecer a vida e obra deste autor de Paradela, que con moi poucos anos emigrou a Cataluña converténdose no poeta en lingua galega que difundiu o labor dos seus paisanos na comunidade onde emigraron, constituíndo a ponte entre Galicia e Cataluña e chegando a ser considerado o máis senlleiro da literatura galega do século XX.
A mostra sobre a vida e a obra do poeta poderase visitar no edificio do antigo Hospicio de Ferrol ata finais do mes de outubro. O seguinte destino será, xa en novembro, a biblioteca provincial de Pontevedra.
------------------
A mostra forma parte do Proxecto Manuel Rodríguez López emprendido por Galicia Digital e a familia do escritor, co apoio do Concello de Paradela, a Xunta de Galicia (Secretarías Xerais de Política Lingüística e de Cultura), a Deputación Provincial de Lugo e a Real Academia Galega.
Esta mostra itinerante comezou o seu percorrido na casa da cultura de Paradela para logo expoñerse en Lugo, Begonte, Portomarín, Sarria, Vilalba, Santiago, A Coruña, Barcelona, Madrid, na Fundación Eduardo Pondal de Ponteceso, na Biblioteca Anxo Casal de Compostela, na Casa das Palabras de Guitiriz e no Concello de Meira. O próximo mes de novembro irá á Biblioteca Provincial de Pontevedra.
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/manuelrodriguezlopezferrol2.jpg)
A exposición, na que colabora o Club de Prensa de Ferrol e permanecerá na cidade departamental ata finais do mes de outubro, será inaugurada ás 20,00 horas deste martes próximo en acto que presidirá o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez.
Fotografías: Man Castro
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia + Xulio Xiz