Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O Outono Fotográfico inaugura o ciclo festivo e cultural máis importante do ano en Ourense

O Liceo acolleu a presentación da edición número 33 do Outono Fotográfico, un certame espallado por 22 cidades de Galicia e do Norte de Portugal que segue mantendo na nosa cidade o seu músculo principal. Esta nova edición organiza un total de 87 exposicións, 41 delas en Ourense, cunha nómina de 308 autores entre os que hai novos valores da fotografía e nomes propios, coma os de Vari Caramés ou Manuel Sendón.

“O outono inicia en Ourense o ciclo festivo e cultural máis importante do ano: as Xornadas de Banda Deseñada, o Magosto ou o Festival de Cine comparten un cartel de primeirísimo nivel co Outono Fotográfico”, aseguraba o alcalde da cidade, Jesús Vázquez, na presentación do festival.

O Concello de Ourense pon a disposición do público catro espazos expositivos: O Museo Municipal da rúa Lepanto, que nos achegará aos problemas das mulleres na India, Substantivos femininos, os Espantallos de Manuel Sendón ou contrastes entre os brancos e os negros das propostas de Iván Merayo e Berto Macei. Tamén haberá Outono Fotográfico nos centros cívicos da Cuña (con mostras do colectivo Potiños) e A Ponte, onde se exporá a nova colección fotográfica do Clube Alpino ourensán. O Auditorio será o cuarto espazo expositivo municipal, coa presenza da obra Miradas do presente ou pegadas do Futuro, traballo do colectivo ourensán Fotosíntese.

Cómpre destacar o esforzo económico e humano das áreas de Xuventude e Cultura, representadas polas concelleiras Sofía Godoy e Belén Iglesias, “que apostan polo Outono coma un investimento no futuro da sociedade ourensá”, dixo o alcalde Jesús Vázquez. Entre as dúas concellerías achegan 15.500 euros.

Máis info: http://outonofotografico.com/
Gabinete de Comunicación do Concello de Ourense