Galicia preséntase en Turquía como novo socio da Asociación Europea de Cidades históricas termais
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/hotel_balneario_mondariz_de.jpg)
O director de Competitividade de Turismo de Galicia, José Luís Maestro, presentou Galicia como destino termal nun escaparate internacional único xa que a Asemblea conta coa participación das autoridades turcas encabezadas polo Ministro de Sanidade, os mellores especialistas europeos do sector e representantes das principais cidades termais Europeas.
No encontro debateuse ademais, os principais obxectivos e liñas de actuación da Asociación para os próximos anos, con finalidade de facela máis competitiva e fomentar o seu crecemento sustentable.
Así mesmo, redactouse un documento que define o programa de actuación para o próximos tres anos e inclúe os obxectivos, os medios de financiamento, as ferramentas e os pasos a seguir para levalos a cabo. O obxectivo principal desta guía é reforzar catro alicerces esenciais para a Asociación: a dirección e a gobernanza; a construción e crecemento da rede europea; a comunicación e promoción e finalmente, a cooperación con posibles promotores.
Asociación Europea de Cidades Históricas e Termais
A Asociación Europea de Cidades Históricas e Termais (EHTTA) fundada en 2009, é unha rede composta por 36 cidades termais de 12 países europeos, onde figuran, entre outras, Evian e Vichy –Francia-, Bath -Reino Unido-, Ourense –España-,Baden Baden –Alemaña-, Acqui Terme e Montecatini –Italia-, Rexión de Karlovy Vary -República Checa-, Budapest –Hungría-, Spa –Bélxica- ou Bursa –Turquía-. Todas contan cun patrimonio arquitectónico singular e emblemático vinculado á presenza de augas termais con propiedades beneficiosas recoñecidas en toda Europa.
A Asociación ten como obxectivos o recoñecemento por parte da Unión Europea da singularidade cultural e innovadora das cidades membro, para poder desenvolver a súa actividade turística dentro dun plan transfronteirizo baixo a marca ‘Destino Europa’.
Así, a EHTTA estimula o desenvolvemento e reestruturación económica destas cidades termais, salvagardando o seu patrimonio histórico termal a través do intercambio de experiencias e boas prácticas a nivel europeo.
Os principais obxectivos da asociación, baseada na necesidade de impulsar e protexer o patrimonio cultural e artístico asociado ao termalismo ao longo do territorio de Europa, son:
- Crear unha rede de asociados forte, tanto de balnearios como de cidades e rexións termais promovendo o intercambio de experiencias entre os múltiples operadores culturais
- Promover o sistema a nivel Europeo implicando ás diversas institucións a través do apoio diversos Proxectos Europeos co obxectivo final de crear unha Ruta Europea de Balnearios e cidades termais.
- Impulsar, promover e desenvolver unha investigación analítica e estatística do sector termal, centrándose principalmente no patrimonio artístico, cultural, arquitectónico e nas propiedades terapéuticas.
Itinerario Cultural Europeo de Cidades Termais
A primeira acción levada a cabo por EHTTA foi a creación do Itinerario Cultural Europeo de Cidades Termais como unha ruta que nos conduce a través das vilas e cidades que se desenvolveron en Europa ao redor da cultura Termal.
A ruta une de forma virtual o patrimonio histórico e cultural das vilas e cidades termais e promociona a calidade das súas augas termais.
Este itinerario é unha das 26 rutas culturais recoñecidas polo Consello de Europa e entre as que figuran exemplos como o Camiño de Santiago.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia