Chamamento da Xunta a todas as organizacións profesionais agrarias para que se sumen ao acordo lácteo
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/explotacion_ganadera_4.jpg)
Ángeles Vázquez transmitiulles que Medio Rural xestionará en 2016 un total de 503.522.539 euros, un 4,56% máis que no ano 2015 e por riba da media do incremento do orzamento xeral da Xunta. Este aumento suporá que haberá case 22 millóns de euros máis para destinar ao agro galego, tal e como destacou a conselleira.
A titular de Medio Rural dixo que consideraba oportuno convocar aos representantes destas organizacións para presentarlles os orzamentos da Consellería, tras facelo onte na Cámara autonómica. Engadiu que a xuntanza serviu tamén para que puideran manifestar as súas inquedanzas e achegas en relación cos grandes temas que interesan ao medio rural galego.
Prezos do leite
Sobre a evolución dos prezos do leite, a conselleira lembrou que se incrementaron levemente no último mes e manifestou, unha vez máis, o seu desexo de que esta suba fose maior. Dixo que non está satisfeita con este incremento, pero que sería moito peor se a evolución fóra á baixa, polo que cualificou como un “paso positivo” este crecemento.
A conselleira fixo tamén unha chamada a todas as organizacións profesionais agrarias a que se sumen ao acordo lácteo porque –sinalou– “é o mellor que poden facer por Galicia”. Deste xeito, engadiu, “instarían a que se cumprira o acordo dende o principio ata o final”. En todo caso, advertiu de novo que “esta Consellería vai estar vixiante” sobre o cumprimento do acordo. Lembrou que o primeiro informe sobre a súa evolución será público no mes de decembro, tal e como se acordou entre as partes, na liña de que cada trimestre se emitise un documento sobre o particular. Estes estudos permitirán coñecer con toda transparencia os prezos pagados e cobrados por todos os actores da cadea de valor e máis en concreto os prezos de cesión.
Fotografía: Carlos Rodríguez Arias.
Gabinete de Comunicación da Xunta de Galicia