A Deputación de Ourense presenta o libro Vicente Risco, mestre de mestres
![](http://www.galiciadigital.com/images/notas/fotos/libro_vicente_risco_pres.jpg)
Manuel Baltar afirmou que Vicente Risco, “é un nome con letras de ouro e un personaxe senlleiro da nosa cultura, como tamén outros membros da súa familia que fixeron e están a facer de Ourense un referente para falar de pensamento político e de cultura con maiúsculas”, e destacou a frase coa que comeza a publicación: “A galeguización da escola inda a custar traballo cando Galiza sexa autónoma”, escrita por Vicente Risco en “El Pueblo Gallego” en 1931”.
Pola súa banda, Xosé Cid subliñou o importante traballo que Vicente Risco fixo pola pedagoxía, afirmando que formou mestres “coñecendo a súa historia e o seu territorio” e que se Ourense ten fama de formar bos mestres “iso ten moito que ver coa pegada deixada por Vicente Risco coa súa pedagoxía de alto nivel”.
Finalmente o autor, Xosé Fernández, explicou que a obra “analiza a figura de Vicente Risco dende a súa perspectiva como mestre, profesión na que ingresou en 1916 e se xubilou en 1954”. “Pero a súa vida transcendeu e foi máis aló do profesorado, e temos importantes exemplos diso, como que foi fundador da revista Nós, a importante achega que supuxo o seu plan pedagóxico; abriu plataformas de comunicación como a sección “Artes e letras” no xornal La Región, e mesmo participou no que poderíamos definir como obradoiros de café, entre os que destaca o afamado “Volter”. Unha labor de sementeira pedagóxica que, sen dúbidas, foi máis aló da aulas”, afirmou Xosé Fernández.
A obra estrutúrase en sete capítulos ao longo de máis de 500 páxinas, nos que se fai unha pormenorizada análise da vida e do labor docente de Vicente Risco, explicando as etapas da súa crianza, escolarización, os anos de instituto e a época universitaria, como as cuestións relacionadas co Risco e a lingua, a literatura popular, o Risco no Seminario de Estudos Galegos e finalmente o Vicente Risco como formador de mestres.
Gabinete de Comunicación da Deputación Provincial de Ourense