Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

La figura de Valle-Inclán recorrerá Galicia con la propuesta escénica La maleta del maestro, de la Escuela de Teatro Valle-Innova

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A Escola de Teatro Valle-Innova levará a figura e a obra de Valle-Inclán polas catro provincias galegas coa iniciativa A maleta do mestre, un proxecto escénico conformado por catro montaxes teatrais que se representan en diversos escenarios entre xullo de 2016 e outubro de 2017 e que teñen como eixo central o Valle-Inclán viaxeiro.

A iniciativa enmárcase dentro das actividades promovidas pola Fundación Valle-Inclán, coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, para celebrar o 150º aniversario do nacemento do dramaturgo galego. Os responsables das dúas institucións, José Juan Durán e Anxo Lorenzo, respectivamente, presentaron o programa da fundación, nunha rolda de prensa que tamén contou coa participación da secretaria territorial da Xunta de Galicia en Pontevedra, Ana Ortiz.

A proposta escénica ‘A maleta do mestre’ inclúe a performance ‘A viaxe marabillosa. Valle estético’, o espectáculo de teatro de rúa ‘Estacións valleinclanianas’, a obra teatral de corte clásico ‘Que os leve o vento’ e a visita guiada dramatizada ‘A ruta das verbas. O Salnés de Valle-Inclán’. Paradas de tren, portos e praias son algúns dos escenarios previstos para estes espectáculos, que chegarán desde o vindeiro 29 de abril aos concellos de Vilanova de Arousa, de Cambados, de Pontevedra, da Pobra do Caramiñal e de Santiago de Compostela, entre outros.

A programación promovida pola fundación co apoio da Consellería de Cultura e Educación complétase con edicións conmemorativas e iniciativas no ámbito educativo. Deste xeito, sairá do prelo un novo número da colección da revista ‘Bradomín’, que lles dará voz a xoves estudosos da obra do escritor, así como a profesores e profesoras de ensino secundario –coa publicación de diversos traballos de investigación e divulgación sobre diferentes aspectos da figura e da creación literaria do autor.

Tamén verá a luz a publicación dunha obra na que Javier Serrano Alonso, profesor da Universidade de Compostela / Grupo de Investigación Valle-Inclán reúne a biografía do dramaturgo completada e actualizada e, co obxectivo de fomentar a creación literaria, porase en marcha o I Premio Fundación Valle-Inclán, dirixido ao alumnado de educación secundaria dos municipios valleinclanianos.

Un amplo abano de iniciativas literarias, representacións escénicas, ciclos de cine, exposicións, actuacións multiartísticas, charlas e obradoiros, entre outros, conforman o extenso programa de actividades que se desenvolverán en Galicia ao longo deste ano e mais do que vén con motivo do 150 aniversario do nacemento do dramaturgo, novelista, poeta e ensaísta Ramón María del Valle-Inclán.

Trátase dunha completa programación colectiva promovida pola Xunta en colaboración coas principais entidades e organismos vinculados dalgún xeito á figura deste dramaturgo universal, como é o caso dos concellos da Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa, a Asociación Amigos de Valle-Inclán, a Fundación que leva o seu nome, a Universidade de Santiago a través da Cátedra Valle-Inclán, o Consello da Cultura Galega, o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) o Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) e a Deputación de Pontevedra.

A programación completa está accesible en www.cultura.gal

Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia.
R.