Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

La política gallega se prepara para afrontar un posible adelanto electoral autonómico si hay nuevas elecciones generales en junio

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:

No transcurso dun café de redacción, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón afirmou que as forzas políticas de ámbito estatal colaboraron máis nun escenario para convocar novas eleccións que na procura dun acordo: “Temos claro que se pode producir un adianto electoral e mesmo, o Presidente da Xunta pode estar valorando adiantar as eleccións galegas”. Sobre as negociación no Estado dixo, é un “postureo electoralista das vellas e novas forzas políticas”. A preguntas dos xornalistas sobre si a propia Ana Pontón será a candidata, a portavoz nacional respondeu que o proceso para a elección de candidato ou candidata rematará o día 30 de abril tras a votación das bases. O noso reto, dixo, é “ fortalecer unha alternativa nacionalista fronteo desastre que deixa a vella e nova política”.

Preguntada sobre a marca coa que concorrería o BNG, ante un posible adianto de eleccións xerais, a portavoz nacionalista confirmou que “o Bloque Nacionalista Galego se presentará con esta denominación” aínda que a candidatura sexa máis ampla. “ Na papeleta aparecerá a sigla do BNG porque identifica con claridade un proxecto político e unha alternativa para Galiza” aínda que nesa candidatura podan figurar outras plataformas que nos acompañen nesas eleccións. A portavoz nacional reiterou que dende o BNG “apostamos por unha alternativa nacionalista que se expresa sen subordinación nin dependencias de ningunha forza política estatal e que a súa prioridade non é outra máis que o rescate do noso país, o rescate social da maioría dos galegos e galegas e a construción dunha alternativa fronte o fracaso das forzas políticas de ámbito estatal”.

O BNG proclamará candidat@ á Presidencia da Xunta o 30 de abril como punto final do proceso de elección por parte da militancia a través de debates e votacións en asembleas comarcais por todo o país. Este proceso de elección desde abaixo arranca coa presentación de candidaturas entre os días 11 e o 20 do mes de abril, a posterior celebración das asembleas comarcais entre os días 21 e 27 e, finalmente, a designación no Consello Nacional da persoa elixida polas bases.

O máximo órgano de dirección entre asembleas deu luz verde ao cronograma presentado pola Executiva nacional, que ten en conta un posible adianto electoral dos comicios autonómicos, mesmo ao 26 de xuño en caso dunha tamén probable repetición das xerais.

Calquera militante pode postularse co único requisito de contar con cincuenta avais. “O BNG segue a ser un referente de transparencia, un referente democrático e de facilidades para que calquera militante poda participar en calquera proceso interno da organización”, subliñou Rubén Cela desde a Executiva nacional.

A preguntas dos xornalistas sobre as opcións da portavoz nacional, Cela salientou que serán as bases nacionalistas as que decidan quen é a persoa máis acaída para representar ao Bloque. “Aquí non hai dedazos, nin se toman as decisións, como no PP, en función do humor co que se levante o señor Feijóo. É a militancia quen manda”, resaltou.

Cela deixou claro o obxectivo final dun proceso que arranca coa elección do cabeza de cartel: Conformar unha candidatura de país que sexa clave para derrotar ao PP. “Ofrecer á sociedade galega unha candidatura de país, de ampla base social, que teña como absoluta prioridade a derrota do PP, a derrota das políticas da dereita dos gobernos do señor Feijóo que deixa como legado un país literalmente contra as cordas, con máis paro, precariedade, emigración, con peores servizos públicos, unha Galiza que oito anos despois está máis empobrecida e desprotexida”, explicou Rubén Cela.

Para darlle a volta a esta situación, subliñou o responsable de Comunicación da Executiva nacional, “a contribución do Bloque é ofrecerlle á cidadanía unhas candidaturas ca cabeza e co corazón en Galiza, sen ningún tipo de atadura, que non teñan que mirar para Génova ou para Ferraz pero tampouco para a Complutense de Madrid, que só teñan que pensar nos intereses dos galegos e das galegas á hora de facer as súas propostas políticas”.

En relación a fórmula de concorrencia, Cela indicou que a folla de ruta foi decida polos homes e mulleres do BNG na recente asemblea nacional, onde quedou clara a aposta por unha candidatura netamente de país, “sen ningún tipo de atadura con forzas políticas que non teña o seu ámbito de decisión en Galiza”. “Imos cumprir o mandato que nos deu a militancia fai tan só unhas semanas, respectando a vontade maioritaria do conxunto das bases do Bloque”, concluíu Cela.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:

O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, asegurou que o feito de que nin a oposición sexa quen de descartar que o PPdeG revalide a súa maioría absoluta nas vindeiras eleccións autonómicas é un bo punto de partida. Nunha entrevista concedida á Radio Galega, o dirixente admitiu que o obxectivo de acadar outra maioría é difícil, pero lembrou que tamén o era en 2009 e lográrono, tal e como volveu ocorrer no 2012. “O que temos que facer é explicar o que fixemos, recoñecer os fallos que tivemos e dicir o que queremos facer”, engadía.

No tocante aos posibles candidatos para substituílo como secretario xeral, Rueda aseverou que hai que esperar ata o Congreso autonómico do partido para coñecelos. Así, a diferenza doutras formacións, o mandatario apuntou que no PP non hai autodescartes e sinalou que esa decisión non será unha cuestión de apetencias persoais, senón que entre todos escollerán e apoiarán ao elixido.

Por outra banda, o dirixente tamén afirmou que é unha realidade innegable que a corrupción ten feito moito dano á clase política, e recoñeceu que “seguro que nalgúns casos faltou contundencia”. Malia isto, o secretario xeral afirmou que a xente tamén ve que se toman medidas para que non se produzan novos casos e se esixen responsabilidades onde os houbo. Ao mesmo tempo tamén aclaraba que o camiño tampouco é considerar que todo o mundo é culpable ou que a presunción de inocencia é un dereito que non hai que ter en conta. Así mesmo, apuntou que os cidadáns tamén empezan a comprobar que todas as medidas tomadas durante a crise empezan a ter un sentido, as cousas comezan a mellorar e Galicia está en mellor situación que outras comunidades.

Por estes motivos, Rueda indicou que, agora mesmo, a previsión é que as eleccións se celebren en outubro, aínda que manifestaba que “formamos parte de España e non podemos ser alleos a súa situación política”. Fronte ao que acontece a nivel nacional, o mandatario resaltaba que ter un goberno con maioría absoluta como o de Galicia é moi importante para tomar unha serie de medidas e que “ese é o valor da estabilidade que da resultados”.
“Votar a Ciudadanos pode provocar que fagan presidente a un socialista”, dicía Rueda ao tempo que afirmaba que o único que asegura que goberne o PP é votar directamente polos populares.

Desta maneira se expresaba o secretario xeral ao ser preguntado polos rivais políticos, sinalando que Ciudadanos, pese a levar tempo en Galicia, “non ten estrutura, non se coñecen ás persoas e non ten implantación na nosa comunidade”. Ademais, recordou que a nivel nacional incumpriron unha por unha as súas afirmacións como que non apoiarían a candidatos que non foran o gañador ou que non pactarían co PSOE.

Nesta liña lembrou que houbo moitos gobernos que o pasado mes de xuño se formaron co único nexo de que non gobernara o PP e, pasados os meses, xa se ve que non funcionan. “Alí non goberna ninguén, peléxanse entre eles, non se falan, só hai desgoberno”, engadía.

Durante a entrevista, Rueda tamén lamentou a actitude incoherente do PSOE, que decide torpedear as fusións de concellos en Galicia a pesar de que a nivel estatal asinaron un pacto con Ciudadanos no que acordaban que había que promocionalas.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de Anova:

Anova-IN reunida o día 10 de abril de 2016 na cidade da Coruña, na Conferencia Política Nacional que supón a culminación do proceso de asambleas locais deliberativas abertas (Xeiras), resolveu que no proceso que se abre de cara ás eleccións nacionais galegas mantén, de maneira rotunda, a súa aposta estratéxica a prol dos procesos de confluencia. Desde a súa constitución, alá en xullo de 2012, Anova apostou decididamente por encetar o camiño da mestizaxe e da articulación de espazos de unidade popular. O proceso que deu lugar ao arquipélago de suxeitos políticos municipais e á constitución das candidaturas de unidade popular foi claramente exitoso desde aquel entón e supuxo un cualitativo salto adiante no que Anova participou acompañando a outros partidos e actores da cidadanía máis activa e consciente do país.

As eleccións ás Cortes españolas en decembro de 2015 certificaron a validez e acerto dos posicionamentos defendidos desde o noso nacemento: máis de 410.000 galegas e galegos deron respaldo ao proceso acumulativo e en construción permanente. O proceso que agora está xa lanzado de novo é un enriquecemento de todo o traballo feito nestes últimos anos. Polo tanto, desde Anova, saudamos e instamos a que todos os activos e contixentes humanos continúen traballando e inseríndose, con xenerosidade, en todos aqueles procesos abertos hoxe de cara ás eleccións ao Parlamento de Galiza, como son arestora:

Mareas en Común
Rede municipal de Ourense
“Intermareais” que están xurdindo en diferentes puntos do país
Etc.

Anova entende que todos estes procesos e todos os axentes deben participar fraternalmente e en pé de igualdade. Quen verdadeiramente artella e valida este camiño é a cidadanía que, a título individual, constrúe en plano de igualdade –sen distinción de militancias– o verdadeiro suxeito, que é o pobo. Ao fin e ao cabo, como dixo Ada Colau, todas somos xente. Esta construción deberá recoñecer os dereitos colectivos da nosa nación e, polo tanto tamén, o dereito a decidilo todo.
R.