Con-Fío en Galicia, la muestra sobre la historia del textil, supera los 7.000 visitantes en su primer mes en la Cidade da Cultura

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destaca que un total de 7.392 persoas achegáronse ao Gaiás para visitar a mostra Con-Fío en Galicia no seu primeiro mes de exhibición.
A exposición, comisariada polo historiador Miguel Anxo Seixas Seoane, converte a Cidade da Cultura nunha pasarela de moda na que amosar o peso do téxtil galego no mundo. Ao longo de 300 pezas, a mostra ofrece un percorrido por un sector estratéxico a través de 100 looks singulares de moda feita en Galicia, reinterpretacións contemporáneas de indumentarias históricas, valiosas coleccións privadas e unha escolma de material fotográfico e audiovisual.
Cultura e Educación celebra o interese que está espertando entre o público unha mostra na que poden verse creacións de clásicos como Adolfo Domínguez, Roberto Verino, Antonio Pernas ou os deseñadores do grupo Galicia Moda (Gene Cabaleiro, Florentino, Caramelo, María Moreira...) xunto con novos valores como Eva Soto, Sara Coleman ou José Castro. Así, desde a súa apertura o 11 de marzo, ‘Con-Fío en Galicia’ recibiu unha media de 264 visitantes por día.
Especialmente destacable é tamén a aceptación que ‘Con-Fío en Galicia’ está a ter entre a comunidade educativa. Un total de 1.037 escolares pasaron xa pola exposición, onde ademais de coñecer a historia da moda ao longo dos dous andares do Museo Centro Gaiás, os participantes nas Visitas didácticas realizan actividades lúdico-didácticas que os axudan a fixar os coñecementos adquiridos.
‘Con-Fío en Galicia’ pode visitarse no Museo Centro Gaiás de martes a domingo, de 10 a 20 horas, e a entrada é de balde. Ademais, de martes a venres, o público conta cunha visita guiada ás 18:30 horas e sábados e domingos ás 12:30 e ás 18:30 horas. Un total de 290 persoas xa gozaron con estes percorridos guiados da man dos guías da Fundación Cidade da Cultura, nos que descubrir curiosidades e anécdotas das pezas que integran a mostra.
A Cidade da Cultura e o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro colaborarán na dinamización da mostra 'Con-Fío en Galicia'. A directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, Beatriz González-Loroño, e o presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Felicísimo Pereira Freijido, asinaron un acordo de colaboración para o desenvolvemento de actividades de dinamización da exposición ‘Con-Fío en Galicia’.
R.