El Consello da Cultura Galega (CCG) reedita Advento, una de las primeras obras del poeta chairego Manuel (Letras Galegas 2016)

Tiña apenas 19 anos cando Manuel María(1929-2004) escribiu o seu primeiro poemario, Muiñeiro de brétemas. Foi o inicio dunha escrita que o converteu nun dos máis prolíficos poetas da historia literaria galega. O presidente do Consello da Cultura Galega (CCG), Ramón Villares, presentou a reedición dunha das súas obras máis destacadas, Advento, que se encadra no marco das actividades da institución para conmemorar o homenaxeado o Día das Letras Galegas. A presentación da edición facsimilar contou coa presenza de Saleta Goi, viúva de Manuel María e presidenta da Fundación que leva o seu nome, e de Miguel Anxo Fernán-Vello, escritor e editor, responsable do estudo crítico que acompaña o texto.
“Naceu poeta e morreu poeta, pero no medio foi tamén moitas outras cousas” apuntou Ramón Villares, presidente do CCG, na presentación desenvolvida esta mañá. A escolla deste texto para a súa reedición descansa principalmente en dúas razóns: a primeira, que Advento, en palabras de Villares, “resulta moi representativa de toda a súa traxectoria”. Idea na que afondou Miguel Anxo Fernán Vello ao definila “como un libro capital na obra de Manuel María pero tamén na poesía galega contemporánea”. A segunda razón está no feito de que se editou en Bos Aires, en 1954, e “permite renovar o constante compromiso do CCG coa cultura galega feita no exterior” engadiu Ramón Villares. Sobre esta idea afondou Saleta Goi, quen quixo destacar “o parello que ten esta obra coa vida dun emigrante, que vai e ven”.
Hai varias datas que marcan este texto. A primeira é o outono de 1951, ano en que Manuel María escribiu o texto. A segunda é 1952, cando foi recoñecida co Premio Castelao de Poesía, no marco dos concursos literarios que convoca o Centro Galego de Bos Aires, que facilitou que boa arte dos poetas e ensaístas galegos tivesen oportunidades de recoñecemento e difusión ás que non podían aspirar en Galicia. A terceira é o 6 de xullo de 1954, cando saíu do prelo en Bos Aires a cargo do selo editorial Ediciones Galicia, dependente do Centro Galego, con ilustración de Luís Seoane.
Destaca Advento por ser unha das primeiras obras que o deu a coñecer como poeta, porque marca un diálogo coa cultura galega que se mantiña vizosa en ambas as dúas beiras do Atlántico e porque pecha un período de crise existencial e relixiosa que logo continúa con vieiros poéticos diferentes despois do poemario Terra Chá. Advento forma parte da produción da denominada Escola da Tebra, movemento caracterizado polo clima dun "eu lírico" angustiado, pola soidade e pola desesperanza.
Esta edición conta con 500 exemplares numerados de carácter non venal. Inclúe, ademais do texto en edición facsímile, dúas cartas de Manuel María, un limiar de Ramón Villares e un estudo crítico de Miguel Anxo Fernán Vello. Ademais, editáronse 150 exemplares máis do texto para levar á Feira Internacional do Libro de Bos Aires, onde se presentará o vindeiro 30 de abril co apoio do Instituto arxentino da cultura galega e no que participarán a escritora Josefina Delgado e do presidente do Consello da Cultura Galega.

Fotografía 2: Consello da Cultura Galega
R.