Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

El PPdeG cree que Galicia está blindada ante nuevos posibles recortes porque tiene "margen"

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, afirmou que “a Comunidade galega está blindada este ano contra a existencia de novos recortes porque hai marxe” logo de ter cumprido o obxectivo de déficit nos últimos anos. Respecto do primeiro aniversario dos novos gobernos municipais, Puy manifestou que “as improvisacións e as minorías que se creen con capacidade de gobernar como se tivesen maioría están a dar peores resultados que os gobernos que se basean nunha maioría estable e cun programa de goberno que poden aprobar e levar á práctica”.

Na comparecencia ante os medios de comunicación logo da reunión do Grupo Parlamentario para preparar o Pleno, Pedro Puy salientou que “levamos iniciativas de desenvolvemento económico e propostas e debates sobre actuacións futuras no ámbito da protección social de quen máis o precisa como consecuencia da crise”.

Dentro do ámbito económico, o portavoz popular destacou a comparecencia da conselleira do Mar e a proposición non de lei do Grupo Popular sobre o futuro do sector pesqueiro, así como a proposición non de lei sobre a autovía do Morrazo para que no presente ano estean en execución os dous primeiros tramos, así como a licitación do terceiro.

No ámbito social, Puy destacou a comparecencia do conselleiro de Política Social. “A maior marxe de endebedamento da Xunta como consecuencia de ter cumprido o criterio do déficit público en anos anteriores permite agora, por enriba dos recursos que o sistema aporta a Galicia e que implican un incremento do gasto, realizar investimentos e actuacións nos campos das políticas sociais, educativas ou sanitarias”, apuntou.

Cuestionado sobre a posibilidade de que sexan necesarios novos recortes, Pedro Puy sinalou que en Galicia “estamos tranquilos porque temos cumprido o déficit estes últimos anos e parece que non se vai chegar ao nivel do 0,7 por cento autorizado este ano para o conxunto das comunidades autónomas”.

O portavoz popular tomou como referencia o último informe da Autoridade Fiscal Independente (AiREF) para afirmar que “o previsible é que en Galicia non haxa recortes, senón que, como se está a comprobar coas últimas medidas aprobadas polo Goberno galego, temos maior capacidade para facer investimento e para contribuír á recuperación social de quen máis o precisa tras a crise”.

A nivel nacional, Puy lembrou que o Goberno de Rajoy “fixo un esforzo por combinar equilibradamente a necesidade de reducir un déficit público, xerado con gastos moitas veces dificilmente xustificables desde o punto de vista da recuperación económica, cunha recuperación da economía, acadando unha taxa de crecemento superior ao 3 por cento que permite xerar emprego e recuperar ingresos”.

“A posición do Goberno central alónxase dos maximalismos do cumprimento estrito do déficit, que tería malas consecuencias para a recuperación económica do país, pero evidencia un compromiso para reducir ese déficit, que xa pasou do 11 a pouco máis do 4 por cento”, sinalou.

A preguntas dos xornalistas sobre o primeiro aniversario dos novos gobernos municipais, Pedro Puy indicou que “a sensación é que onde hai estabilidade e un goberno que ten apoios e capacidade de tomar iniciativas as cousas van mellor, tanto en termos de aprobación dos orzamentos como nas políticas do día a día”.

O portavoz popular anotou que o PSOE “debe tomar en consideración o que está a ocorrer alí onde se entrega, antes incluso de coñecer os resultados electorais, a unhas coalicións de goberno que moitos dos seus membros non consideran as máis eficaces para gobernar”.

“Chama a atención que o PSOE só entenda a posibilidade de pactar nunha única dirección e cun único obxectivo, cando esta situación xa lle resta posibilidades de negociación, atándose de mans e pes e entregándose a unha única alternativa que lle esixe un prezo que non pode pagar”, dixo.
R.