Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

La capital de Galicia celebra el 28 de mayo el centenario de las Irmandades da Fala

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del Concello de Santiago de Compostela:

O Concello de Santiago sumarase o sábado, 28 de maio, á celebración do centenario das Irmandades da Fala. Farao cun amplo programa de actividades organizadas polos departamentos de Lingua e de Acción Cultural.

No día no que se conmemora o nacemento hai cen anos da Irmandade da Fala de Santiago, dez días despois da creada na Coruña, o programa de actividades lembrará o discurso co que se fundou a Irmandade compostelá, pronunciado por Luis Porteiro Garea. Este discurso estaba estruturado en doce puntos e o Concello incluíu na súa programación para o 28 de maio o mesmo número de actividades.

As asociacións Gentalha do Pichel, San Martiño Pinario e Cidade Vella colaboran nas propostas, entre as que se atopan mesas redondas e charlas coloquio sobre asuntos presentes no discurso de Porteiro Garea, como a responsabilidade do pobo galego no seu destino, a presenza da nosa lingua no ámbito da xustiza ou a realidade económica de Galicia.

Tamén haberá teatro e monicreques, con propostas que farán revivir a persoeiros vinculados dalgún xeito ás Irmandades, coma o fotógrafo Ksado ou María Miramontes; e intervencións artísticas que encherán a cidade vella de retratos de persoeiros das Irmandades. No apartado musical, están previstas actuacións en distintos espazos do centro histórico, con Ricardo Parada, a Escola Vivantes, Cantamadeira, O Fondo do Peto, Alba María ou O Caruncho.

Os escenarios das actividades tamén estarán relacionados coas Irmandades da Fala de Compostela: o claustro de Fonseca, a Facultade de Filosofía, a rúa do Vilar, a praza de Cervantes, o Instituto Rosalía de Castro…

O acto central desenvolverase no Panteón de Galegos Ilustres, en San Domingos de Bonaval. Será un recital poético no que van participar Salvador García-Bodaño, Helena Villar Janeiro, Claudio Rodríguez Fer e Lucía Novas. O evento pecharase cun concerto do tenor Joaquín Pixán e do pianista Manuel Pacheco, que interpretarán os temas do seu disco Ramón Cabanillas na música, porque lembrando a Cabanillas é como finalizaba o discurso de Porteiro Garea na fundación da Irmandade da Fala de Santiago.

As propostas do Concello para lembrar as Irmandades da Fala complétanse cunha exposición en catro quioscos da cidade que se atopan pechados. Trátase, en concreto, dos situados na Alameda, na praza de Vigo, en Xoán XXIII e na rúa Bernando Barreiro, no barrio de Sar.

A exposición trata de difundir a importancia das Irmandades da Fala, tanto na época na que xurdiron hai cen anos como na actualidade. Na mostra combínanse textos explicativos con imaxes relacionadas coa orixe das Irmandades, o seu ideario político e cultural, as súas etapas, as persoas que estiveron vinculadas a elas, ou a súa relación coa emigración. Tamén se fai referencia ao que foi o voceiro das Irmandades, A Nosa Terra.
R.