Los sindicatos CC.OO. y UGT reclaman a los partidos políticos un pacto por el crecimiento

O secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO, Xosé Manuel Sánchez Aguión, afirma que o Goberno galego que saia das eleccións o vindeiro outubro «deberá promover un pacto polo crecemento económico, o emprego de calidade e a igualdade social». Así o expresou o sindicalista durante a súa intervención no Fórum Europa-Tribuna Galicia, en Santiago de Compostela.
Segundo o secretario xeral de CCOO, os traballadores e traballadoras de Galicia «xogamos moito» nas vindeiras dúas citas electorais, as eleccións xerais do 26 de xuño e as autonómicas do outono. «A cidadanía ten a oportunidade, co seu voto, de deter os recortes económicos e de dereitos sociais e laborais», salientou.
Fronte aos dirixentes políticos, sindicais e empresariais que se deron cita neste acto informativo, Sánchez Aguión concretou que o dito pacto terá tres obxectivos prioritarios: a reactivación económica e a xeración de emprego de calidade, a aposta polo noso tecido produtivo e pola súa diversificación e o reforzamento dos servizos públicos e a protección social.
Para Sánchez Aguión, non é posible o emprego «digno» que non vai acompañado de «salarios igualmente dignos». Por esta razón, fixo unha firme defensa da proposta de CCOO de incrementar o salario mínimo interprofesional (SMI) ata os 800 euros mensuais no primeiro ano da lexislatura. Progresivamente, iría aumentando co obxectivo de que ao remate do mandato se achegue ao 60 % do salario medio.
O dirixente sindical culpou as políticas de austeridade de incrementaren as desigualdades sociais e a precariedade no canto de atallar a crise. «A sociedade española que sae da recesión é máis inxusta», denunciou Aguión. O secretario xeral de CCOO apuntou tamén que a desigualdade e a precariedade «teñen rostro de muller», por seren as traballadoras as máis afectadas, xunto coa mocidade. Canto aos mozos e mozas, Aguión alertou da súa situación «especialmente preocupante», con «graves» dificultades para accederen ao primeiro emprego que, «se chega, adoita ser precario».
A desigualdade aumentou en Galicia e no conxunto de España pola crise e, «sobre todo, polo xeito que tivo o PP de xestionala», censurou Aguión. Segundo os recentes datos do INE, máis da cuarta parte da poboación galega ten ingresos inferiores a 650 euros netos mensuais, polo que se sitúa «por baixo do limiar de pobreza». Neste senso, o sindicalista defendeu a iniciativa lexislativa popular (ILP) que promoven de consún CCOO e UGT, coa que se pretende que as Cortes aproben unha prestación de ingresos mínimos. Financiaríase a través dos orzamentos xerais do Estado e configuraríase como unha prestación de 426 euros mensuais, cun incremento da contía en función do número de integrantes da unidade familiar. Onte mesmo rexistráronse no Congreso as sinaturas necesarias para que se poña en marcha o proceso lexislativo.

Con esta premisa, CCOO, como sindicato, «defendemos intereses de parte: os intereses da clase traballadora». Porén, isto non resulta incompatible «coa procura de espazos de interese xeral», apuntou.
Fotografía: Gabinete de Comunicación de CC.OO.-Galicia
R.