Beiras apuesta por el ideario del 15M para En Marea tras los resultados del 26J. El PPdeG arranca la precampaña sin autocomplacencia

Unha delegación de Anova formada polo Voceiro Nacional, Xosé Manuel Beiras; a deputada en Cortes, Alexandra Fernández; o Coordinador Nacional, Antón Sánchez; a Secretaria de Organización, Esther Duro e o Responsábel de Relacións Políticas, Raúl Asegurado, acudiu a Madrid a unha xunta de delegacións das confluencias que tivo lugar na sede de Podemos.
Á saída da xunta e interpelado polos xornalistas, Xosé Manuel Beiras afirmou que “houbo unha achega de cada un dos grupos. A diagnose no fundamental ten coincidencia en cais poden ser as causas do desenlace do 26-X, tanto no que atinxe ás variábeis exóxenas pero tamén na análise dos fallos que consideramos que tamén houbo”. Explicou que se van recoller nun informe que se vai elaborar de seguido.
Neste eido, insistiu na necesidade de reforzar a coordinación e a intercomunicación. E engadiu que “consideráse que se rematou unha fase do proceso” e que é preciso avanzar e abordar unha nova etapa. A preguntas dos xornalistas sobre os resultados na Galiza, Beiras sinalou que expuxo a opinión provisional de Anova e a avaliación dos “resultados é agridoce. Considerábamos que esta nova convocatoria debería ser utilizada por En Marea para dar un salto adiante, e iso non sucedeu, pero de todos os xeitos segue a estar nunha gran posición”.
“Por outra parte, se trasladásemos os resultados destas elecións en Galiza ás elecións galegas, hai que dicer que o PP non gobernaría. E finalmente isto foi un episodio pero o importante é como avanzamos, a ampliación de En Marea, a captación para o proxecto de En Marea de continxencias de cidadanía nacionalista de esquerdas que foi deixando o BNG, a grande organización nacionalista, e que non conseguimos que se sumase a En Marea, e isto hai que amplialo. E se somos intelixentes, e o facemos ben, podemos ser a alternativa que remate en Galiza con Frijol, como lle chamo eu”.
Xosé Manuel Beiras sinalou que unha das chaves está en que actuamos de xeito que a cidadanía que nos apoiou, a impresión que lle demos foi que estaba sementado e que a nova colleita ía vir coa gracia de deus. Polo tanto, non houbo unha estratexia e unha metodoloxía segundo a cal non podemos dar por feito os resultados porque temos un inimigo moi poderoso e moi bestial, absolutamente desalmado, e representa un réxime que a Troika non esta disposta a renunciar”.
En canto á fórmula IU-Podemos, Beiras lembrou que “hai que facer memoria, o que se fixo a nivel de Estado entre IU e Podemos, fixémolo en Galiza xa no 2012 entre Anova e EU”, en clara alusión a AGE. Demos a sorpresa de saltar ao 15% dos votos e con 9 deputados. Logo repetimos con Lidia Senra no Parlamento Europeo e despois foron as mareas municipalistas, nas que estábamos parte da cidadanía como protagonista fundamental, e integrados Anova e EU sen pretender capitalizar nada. Para as elecións do 20D En Marea integraba todo isto”.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:
O secretario xeral dos populares galegos, Miguel Tellado, resumiu o contido do Comité de Dirección celebrado onte na sede autonómica do partido e no que se analizaron os resultados das eleccións xerais do pasado domingo e se tomaron as primeiras decisións para preparar as eleccións autonómicas do próximo outono.
No referente ao primeiro, Tellado lembrou que o PPdeG “conseguiu convencer a 40.000 votantes máis que nas eleccións de decembro”, unha suba que, en termos porcentuais está por riba da suba media do PP no conxunto do Estado.
En contraste, os partidos da oposición no seu conxunto perderon máis de 100.000 votos respecto a decembro. “Estamos falando dunha perda de 583 votos ao día nestes últimos seis meses”, salientou Tellado.
O número dous do PPdeG destacou que estes resultados permitiron aos populares galegos “enviar dúas deputadas máis ao Congreso”, chegando aos 12 deputados.
Porén, o secretario xeral fixo unha chamada a evitar a autocomplacencia: “a diferenza de outros partidos que están eufóricos na súa derrota nós mantémonos fríos e prudentes na nosa vitoria”, resolveu.
Tellado quixo lembrar que “o camiño da prudencia e da autocrítica ten sido a chave da nosa mellora” e fixo un chamamento a continualo para poder seguir medrando.
Neste sentido, o secretario xeral destacou que este cambio de tendencia vén motivado pola autocrítica comezada despois dos resultados dunhas europeas e dunhas municipais que “tamén gañamos, pero cuns resultados que consideramos moi por debaixo dos nosos obxectivos”.
Tras isto, rememorou, o PPdeG tomou “decisións para reverter este proceso” e reforzar “os que estaban a ser os nosos puntos débiles”, entre as que destacou o proceso de renovación provincial e autonómico, as iniciativas para achegar o partido á cidadanía mediante a Ponencia Política presentada fai un ano ou o reforzo dende o goberno galego dos aspectos nos que os votantes esixían cambios: rexeneración política, a través do Programa de Impulso Democrático e benestar social a través do Plan de Loita contra a Desigualdade Económica.
Tellado considerou que os resultados do domingo avalan que ese proceso “deu resultado” ao comezar a “recuperar votos”. Sen embargo, alertou de que este cambio de tendencia “non nos pode poñer nunha nube nin facer crer que todo esta feito”.
O secretario xeral do PPdeG fixo un chamamento a entender este incremento dos apoios como “unha sinal de que vamos no bo camiño e, ao mesmo tempo, un estímulo para non relaxarse e seguir mellorando as eivas que detectamos no proceso de autocrítica”.
“A autocrítica salvounos a nós e a soberbia afundiu aos novos rivais”, destacou Tellado para argumentar que os resultados electorais non poden levar ao PPdeG á autocomplacencia que levou “a algún dos nosos rivais políticos, como as Mareas, a levarse un batacazo”.
Tras analizar o resultado das xerais, o secretario xeral do PPdeG relatou que o Comité de Dirección de onte centrouse “no proceso de preparación das eleccións autonómicas de outono”.
Tellado lembrou que este proceso xa comezara coa designación do equipo redactor do programa liderado por Pedro Puy e coa constitución das comisións sectoriais destinadas a escoitar voces externas en determinadas áreas pero que onte completouse coa designación do Comité de Campaña que el mesmo dirixirá.
Ese Comité deseñará unha campaña “de contacto directo e de proximidade”, semellante á desenvolvida nestas xerais. “Do mesmo xeito que aprendemos dos erros, tamén aprendemos dos acertos”, afirmou Tellado, que considerou esa campaña “de escoitar máis que de falar” un dos grandes acertos da campaña das xerais. Nese sentido, avanzou que o candidato do PPdeG iniciará a partir da vindeira semana “unha intensa axenda de partido” a pé de rúa.
O número dous dos populares galegos fuxiu de triunfalismos ao lembrar que os resultados do domingo “aínda non están ao nivel das últimas autonómicas” e poderían levar, de repetirse en outono, a un “bloqueo que privase aos galegos dun goberno estable”.
Tellado resaltou a vantaxe organizativa coa que o PPdeG inicia a carreira electoral ao ter candidato designado, equipo redactor do programa en marcha e comité de campaña nomeado mentres en fronte “temos ou candidatos sen organizacións ou organizacións sen candidato”.
Así, chamou a aproveitar esa vantaxe para comezar a traballar no reto “complicadísimo” de que “Feijóo sexa o único presidente con estabilidade parlamentaria en toda España”.
“Concentrar o voto en Feijóo é o único xeito de ter un goberno serio e estable en Galicia” pero para iso “queda moito por facer” e “nada está gañado”, remarcou.
Fotografías: Anova / PPdeG
R.