Shakespeare y Cervantes protagonizan una conversación imaginaria durante el mes de octubre en la USC

O mes de Cervantes e Shakespeare en Filoloxía é un ciclo de actividades coas que a Facultade compostelá quere contribuír a conmemorar o centenario da morte dos dous autores. A iniciativa busca estender a actividade cultural da Facultade de Filoloxía compostelá máis alá das súas propias paredes e poder compartila con todo o público interesado e a cidade, como explicou a vicedecana do centro Mª do Cebreiro Rábade Villar durante o acto de presentación do ciclo. Xunto ao reitor Juan Viaño e á decana da Facultade, Mª José López Couso, Rábade Villar engadiu que o programa a celebrar en outubro preséntase como “unha conversa imaxinaria entre Shakespeare e Cervantes”, autores “ idénticos en valor e xenialidade” que seguen vivos pola súa condición de “clásicos modernos”.
O ciclo desenvolverase ao longo de outubro procurando salientar os vínculos artísticos ou históricos entre ambos escritores. Celebraranse conferencias e seminarios de carácter académico xunto con propostas de carácter lúdico e divulgativo como lecturas públicas, xornadas de investigación, clases abertas e representacións de teatro e danza. Como aclararon na rolda de prensa as integrantes do equipo decanal, o conxunto de propostas representa unha oferta cultural de “moita calidade aberta á cidadanía”, xa que se trata de actividades de balde.
A xornada inaugural será o día 3 de outubro coa conferencia de Luis Iglesias Feijoo no Salón Nobre do Colexio de Fonseca titulada ‘El Quijote como libro’ e continuará ese mesmo día cunha presentación de sesións de traballo aberta a partir de textos dos dous autores no marco do Café de Linguas que organiza o Centro de Linguas Modernas da USC. A Guerra das Rosas e a mitoloxía de Ricardo III son os temas que abordará en senllos seminarios o profesor Ashdown-Hill. Tamén está prevista unha lectura dramatizada co lema ‘Os personaxes femininos de El Quijote’ e a residencia artística da Compañía Nelson Quinteiro Cabaret para realizar un laboratorio de creación escénica arredor das obras poéticas de Shakespeare e Cervantes e que terá a súa correspondente posta en escena o 6 de outubro.
O programa continuará cunha lectura dramatizada do acto IV de Ricardo III o día 11 e coa conferencia o día 17 do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, titulada ‘ Quixotismo e palomequismo’. Ao día seguinte haberá oportunidade de participar na clase aberta da profesora M. Carmen Losada e no seminario de Berta Secall, incluído como actividade de formación do programa de doutoramento en Estudos da Literatura e da Cultura, que aborda a relación da danza na obras dos dous autores homenaxeados.
Xa o día 20 está prevista unha xornada de grupos de investigación do Departamento de Lingua e Literatura Inglesa sobre a época e Shakespeare, mentres que os días 24 e 25 o director da Real Academia da Lingua, o catedrático da USC Darío Villanueva, pronuncia a conferencia ‘El Quijote e o dinamismo das imaxes’ e o hall da Facultade de Filoloxía acolle unha lectura pública co lema ‘Shakespeare & Company’. A danza protagonizará a sesión do día 26 cunha performance polo corredores da Facultade e cunha clase dedicada aos autores. A conferencia do profesor da Universidade de Huelva Zenón Luis titulada ‘Cardenio, o la memoria de Shakespeare’ porán o broche ao ciclo de actividades o día 27.
Co gallo de proxectar a actividade cultura da Facultade de Filoloxía cara á cidadanía, o centro ten programadas para o que resta de ano unha serie de actividades como un simposio internacional dedicado a Quevedo ou unhas xornadas sobre Ramón Llul, ademais da conmemoración do centenario das Irmandades da Fala ou o 150 aniversario de Valle-Inclán.
Fotografía: Gabinete de Comunicación de la USC
R.