Feijóo reivindica los efectos de las elecciones gallegas en España y apela al "sentidiño" galaico para mover los cimientos del PSOE

O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, destacou a reacción dos populares galegos tralas pasadas eleccións municipais como clave da vitoria nas autonómicas xa que “o partido volveu á rúa”. Así remarcou que agora volven saber conectar co que sempre aspiraron a ser: o partido que máis se parece a Galicia, galeguistas, reformistas, e comprometidos.
Desta maneira se expresaba Feijóo durante a súa intervención na Xunta Directiva do PPdeG, onde agradeceu a participación de toda a súa formación durante a campaña de eleccións autonómicas, poñendo en valor tamén o intenso traballo realizado desde o congreso autonómico do pasado mes maio.
Tal e como dixo, os equipos funcionaron, destacando o traballo previo tanto dos membros do Goberno durante toda a lexislatura como dos equipos locais de cada concello. Nesta liña, lembrou que en maio de 2015 foron o partido máis votado de Galicia pero souberon ir máis aló diso sendo conscientes de que debían facer autocrítica. Deste modo, marcáronse unha folla de ruta que consistía nunha renovación de políticas, de equipos e actitudes que foron cumprindo.
No referente ás políticas, Feijóo lembrou que se fixo un impulso social á axenda que non tería sido posible sen ser rigorosos no control orzamentario. Xa en canto aos equipos, recordou que se renovou o goberno, os cadros das provincias en catro congresos e o equipo autonómico. Por último, salientou a renovación das actitudes onde destaca unha presenza aínda máis intensa “na auténtica rede social galega que é a rúa, que son as prazas, que é o contacto directo coa sociedade”.
Durante o seu discurso, Feijóo cualificou os resultados acadados nas eleccións autonómicas como “indiscutiblemente bos”, así como “tan bos como excepcionais”, subliñando que teñen a única maioría de toda España e sen esquecer que tamén son excepcionais para el como candidato. Malia isto, admitiu que non quixera caer no erro da autocompracencia xa que o partido non pode parar, ten que seguir funcionando e esixíndose máis cada día. Por este motivo, sinalou que as próximas eleccións “hai que gañalas desde xa”. Para isto, indicou que teñen que seguir en contacto directo cos cidadáns en cada concello, continuar o proceso de renovación de equipos, poñer aínda máis en forma os 313 equipos locais e seguir actuando coa sensibilidade precisa coa sociedade.
O dirixente recoñeceu que os populares son a referencia para a grande maioría que lles deron o seu apoio o domingo pero que deben aspirar a ser a de todos os galegos gobernando para todos xa que, ademais, en só 24 horas despois das eleccións, os outros partidos xa decepcionaron aos seus votantes. Nese sentido, aseverou que hai moitos galegos orfos dunha referencia política despois da reacción do domingo onde se viu unha nula autocrítica. Así, lembrou como o PSOE continúa como se nada tivera pasado con Pedro Sánchez na mesma actitude irresponsable de bloqueo e obstrución e con Ciudadanos criticando a Lei Electoral que na campaña defendían para querer gobernar Galicia cun só escano se lles saía a carambola.
Xa no tocante ás “mareas de Podemos”, afirmou que é algo moi previsible coa soberbia coa que actúan, obviando á maioría dos galegos e seguindo a repartir carnés de xente, ademais de descualificar a quen non lles da a razón. “Fracasaron insultándome a min. Maior será o fracaso insultando aos galegos”, manifestou.
O presidente apuntou tamén que esa actitude por parte dos demais partidos debe levar aos populares a esixirse aínda máis. “O que eu pido a todos, e moito máis na vitoria, é humildade”, recalcou afirmando que o que fai grande ao PPdeG é a capacidade para ser un partido de toda a comunidade.
Nese senso, engadiu que Galicia terá un goberno estable e para todos porque foi o seu compromiso e cumprirao. “Galicia ten tamén un partido no que cabe a grande maioría dos galegos” asegurou namentres indicaba que “fálase facendo. Celebremos facendo”.
Fotografía: Gabinete de Comunicación PPdeG
R.