La Universidad de Santiago ofrece un amplio programa de actividades en el Mes de Cervantes y Shakespeare

O mes de Cervantes e Shakespeare en Filoloxía é un ciclo de actividades coas que a Facultade compostelá quere contribuír a conmemorar o centenario da morte dos dous autores. A iniciativa busca estender a actividade cultural da Facultade de Filoloxía compostelá máis alá das súas propias paredes e poder compartila con todo o público interesado e a cidade. O ciclo desenvolverase ao longo de outubro procurando salientar os vínculos artísticos ou históricos entre ambos escritores.
A xornada inaugural será o luns, 3 de outubro, coa conferencia de Luis Iglesias Feijoo ás 12.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca titulada ‘El Quijote como libro’ e continuará ese mesmo día cunha presentación de sesións de traballo aberta a partir de textos dos dous autores no marco do Café de Linguas que organiza o Centro de Linguas Modernas da USC.
A Guerra das Rosas e a mitoloxía de Ricardo III son os temas que abordará en senllos seminarios (4 e 5 de outubro, respectivamente) o profesor Ashdown-Hill. Tamén está prevista o martes 4 ás 17.00 horas en Filoloxía unha lectura dramatizada co lema ‘Os personaxes femininos de El Quijote’ e a residencia artística da Compañía Nelson Quinteiro Cabaret para realizar un laboratorio de creación escénica arredor das obras poéticas de Shakespeare e Cervantes e que terá a súa correspondente posta en escena o 6 de outubro ás 19.00 horas na Facultade.
O programa continuará cunha lectura dramatizada do acto IV de Ricardo III o día 11 e coa conferencia o día 17 do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, titulada ‘ Quixotismo e palomequismo’. Ao día seguinte haberá oportunidade de participar na clase aberta da profesora M. Carmen Losada e no seminario de Berta Secall, incluído como actividade de formación do programa de doutoramento en Estudos da Literatura e da Cultura, que aborda a relación da danza na obras dos dous autores homenaxeados.
Xa o día 20 está prevista unha xornada de grupos de investigación do Departamento de Lingua e Literatura Inglesa sobre a época e Shakespeare, mentres que o día 24 o director da Real Academia da Lingua, o catedrático da USC Darío Villanueva, pronuncia a conferencia ‘El Quijote e o dinamismo das imaxes’ e o 25 haberá no vestíbulo da Facultade de Filoloxía a lectura pública ‘Shakespeare & Company’.
A danza protagonizará a sesión do día 26 cunha performance polo corredores da Facultade e cunha clase dedicada aos autores. A conferencia do profesor da Universidade de Huelva Zenón Luis titulada ‘Cardenio, o la memoria de Shakespeare’ porán o broche ao ciclo de actividades o día 27.
Fotografía: Gabinete de Comunicación de la USC
R.