El Programa de Desarrollo Rural 2014-2020 movilizó más de 157 millones de euros en ayudas

O Comité de Seguimento do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020 reuniuse en Santiago para facer unha avaliación do anterior Programa (2007-2013) e avanzar na estratexia de información e publicidade do novo período de programación.
O Comité constatou que durante este ano 2016 xa se están executando multitude de proxectos con cargo ás convocatorias de axudas públicas, cofinanciadas co novo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Así, a día de hoxe xa se puxeron en marcha achegas para o agro galego por un valor que supera os 157 millóns de euros.
Ademais, este organismo, presidido pola secretaria xeral técnica da Consellería do Medio Rural, traballou no deseño da devandita estratexia de comunicación do PDR, de acordo co establecido pola normativa comunitaria. Neste sentido, a Comisión Europea esixe aos xestores dos programas que promovan a concienciación respecto aos obxectivos da política de desenvolvemento rural, a accesibilidade e a transparencia da información das oportunidades de financiamento de proxectos con fondos Feader e o coñecemento do público xeral e dos beneficiarios das axudas sobre o alcance do programa.
Para cumprir este mandato, a Autoridade de Xestión do PDR galego elaborou un documento específico, que contempla os obxectivos, destinatarios, actuacións, vixencia e avaliación da estratexia. Entre as accións previstas están diferentes campañas publicitarias, a publicación de convocatorias, comunicación da concesión de axudas, celebración de reunións informativas, publicación de folletos e xestión da información on line de todo o programa. Así mesmo, a estratexia incorpora as instrucións en materia de identidade corporativa que se deben seguir na difusión das accións do PDR.
O Programa de Desenvolvemento Rural de Galicia foi aprobado oficialmente pola Comisión Europea o 18 de novembro de 2015 e nel preséntanse as prioridades da nosa comunidade no que respecta ao destino dos 1.186,4 millóns de euros de fondos públicos dispoñibles para o período 2014-2020. Deles, 889,8 millóns corresponden ao Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader). Este programa dá continuidade á política de desenvolvemento rural que ven realizando a Xunta co apoio deste fondos comunitarios Feader, máis concretamente a través do PDR 2007-2013, que rematou a súa vixencia a finais de 2015.
R.