Los centros educativos gallegos muestran su "rotundo rechazo" a las reválidas y a la Lomce

As protestas insírense na campaña de mobilizacións que vén desenvolvendo a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público desde que se coñeceu o contido da LOMCE. Mobilizacións que a plataforma xa avanzou que continuarán até que consiga que as reválidas e a LOMCE desaparezan de todos os textos legais e que, neste primeiro calendario que coincide co inicio do curso, se completarán coa paralización do ensino con concentracións o día 26 de outubro, ás 19:00 horas, nas sete cidades, e ás 20:00 horas en Carballo e Cee.
O portavoz da PGDEP, Anxo Louzao, que participou na concentración convocada no IES compostelán Rosalía de Castro, amosou a súa preocupación porque a estas alturas o conselleiro de Educación “non asuma a súa responsabilidade, como máxima autoridade educativa na Galiza, e que chegue mesmo a afirmar que non hai por que estar preocupados porque a reválida será moi semellante á actual selectividade”.
Afirmacións que Louzao considerou “un acto de insensatez e inconsciencia”, xa que no decreto aprobado o 30 de xullo a administración central dáse de prazo até o 30 de novembro para presentar o deseño, características e contido das futuras reválidas de ESO e de segundo de bacharelato. “Reválidas que van ser determinantes para a consecución dos títulos respectivos porque sen aprobalas non se vai ter nin o graduado en educación secundaria nin o título de bacharel”, denunciou.
Con todo, matizou que para este curso non terán valor académico pero si para 2018 e, alertou de que en todo caso, xa van substituír a selectividade este curso, co que “o alumnado xógase o seu futuro académico cunha probas que non sabe en que van consistir” .
Lembrou que coas reválidas o PP “retoma un modelo do franquismo para uniformizar e centralizar o sistema educativo, españolizándoo aínda máis”, na medida en que o seu deseño e contido vai ser elaborado a nivel central e que, por tanto, “todo o que nos conforma como pobo, a nosa cultura, a nosa historia e a nosa xeografía, non vai ter cabida nesas probas”.
Advertiu que afianza no sistema educativo os principios do neoliberalismo, introducindo a competitividade como valor, ao só considerar certas áreas do coñecemento e do saber desbotando outras. “Todo o que teña que ver co ámbito artístico, musical, todo o que ten que ver coa formación integral do alumno está desbotado destas probas. Serán probas que tratarán ao alumnado sen considerar que o ensino ten unha parte que debe ser personalizada e individualizada e que aínda que teña uns obxectivos en común ten que ter en conta o contexto socioeconómico e cultural de cada un dos alumnos e alumnas”.
A este respecto, denunciou a concepción clasista e elitista que o PP ten do sistema educativo e que as reválidas serán un medio para apuntalar máis a estratificación social, vulnerando o dereito do alumnado á igualdade de oportunidades. “O alumnado de familias con máis poder adquisitivo e dun ámbito familiar máis motivado sempre vai ter máis recursos para triunfar do punto de vista escolar. Poderán ter reforzo mediante clases particulares para aquelas materias e áreas de coñecemento que van ser motivo de valoración nestas probas e, por tanto, xogarán con maiores avantaxes”.
Tamén considerou que supoñen unha desconfianza e desautorización ao profesorado na medida en que este acabará sendo un simples preparador das reválidas, como se de clases particulares se tratase “porque o seu único fin vai ser procurar que se aprobe un exame”.
Ademais asegurou que pretenden conformar rankings de centros segundo os resultados destas probas, sen considerar nin o tipo de alumnado, nin os recursos, nin os medios que ten o propio centro.
Por iso concluíu que o máis razoábel sería, como mínimo, a paralización da LOMCE e das reválidas e continuar coas actuais probas de acceso á Universidade (PAU), tendo en conta que até o segundo trimestre nin se saberá en que van consistir estes exames.
Nota de prensa de UGT-Galicia:
A Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia anunciou o seu apoio á xornada de loita contra as reválidas, que se celebrará o 26 de outubro en todo o estado español. A Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia -configurada polas organizacións CCOO, UGT, CONFAPA, SE, IESGA e Escola Viva- celebrou hoxe unha rolda de prensa para explicar a súa postura e anunciar as mobilizacións previstas para o 26 de outubro nas sete cidades galegas. Na comparecencia ante os medios de comunicación participaron Gerardo Morano, en representación de Escola Viva; José Fuentes, de Ensino CCOO; Rafa Domínguez, de FeSP-UGT Ensino; Lois Taboada, voceiro de CONFAPA; e Diego Serantes, do Sindicato de Estudantes.
Os representantes da Plataforma insistiron en que o rexeitamento non é só as reválidas –“a medida máis agresiva do LOMCE, segundo explicou Lois Taboada”– senón que esixen “a derrogación da LOMCE e a reversión dos recortes sufridos nos últimos anos na ensinanza pública”.
Gerardo Morano explicou que a Plataforma apoia a xornada de folga educativa convocada polo sector do alumnado, así coma a proposta da CONFAPA, que promove un baleirado das aulas na nosa comunidade, e animou a toda a comunidade educativa a participar nas mobilizacións.
Lois Taboada destacou que esta xornada de mobilizacións e unha máis no longo camiño que comezou hai xa cinco anos e recordou que a comunidade educativa xa manifestou o seu rexeitamento as reválidas o pasado curso cando se realizou a de 6º de Primaria, “na que houbo un absentismo do 70%”. A CONFAPA (Confederación Galega de ANPAs de Centros Públicos) tamén manifestou o seu apoio á xornada de folga do alumnado porque “hai motivos dabondo e non os imos deixar sós, porque son os nosos fillos e imos estar con eles”.
José Fuentes, de CCOO, referiuse ao Real Decreto 310/2016 de 29 de xullo, que regula as reválidas, “que foi aprobado por un goberno en funcións o cal o deslexitima”. Fuentes tamén insistiu en que o obxectivo desta proba é “impedir o acceso á ensinanza superior a un número importante do alumnado”.
Neste mesmo sentido expresouse o voceiro de FeSP-UGT Ensino, Rafa Domínguez, ao sinalar que “mentres que nós apostamos por unha formación integral e integradora, estas medidas son segregadoras e van en contra de todos os criterios pedagóxicos”. Ademais Domínguez non entende que o futuro do alumnado, despois de 6 anos de formación, dependa dunha proba que se realiza en 5 intensos días.
Finalizou o representante do sindicato de estudantes, Diego Serantes, animando a toda a comunidade educativa a participar de forma activa nas mobilizacións do día 26 de outubro e destacou que “non é máis que unha nova protesta de todas as que estamos a facer contra a LOMCE”.
Fotografía: Plataforma en Defensa do Ensino Público de Galicia
R.