Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Sesión de investidura: Feijóo abre su mayoría al acuerdo y plantea una nueva ley de empleo

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O presidente do Partido Popular de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, solicitou a confianza da Cámara comprometendo unha maioría aberta que traballará para todos e coa man tendida ao gran consenso para seguir, aseverou, o rumbo que os galegos decidiron: a estabilidade e a moderación. Feijóo iniciou así o debate propoñendo traspasar ao Parlamento a excepción do resultado electoral en Galicia, cun comportamento político que tamén sexa excepcional.

“Galicia: un pobo, unha terra, unha fala...e un Parlamento”, dixo, incidindo en que, se ben o apoio obtido en Galicia polo grupo que representa é excepcional, a súa vontade é que esta maioría sexa unha maioría aberta a todos os galegos, con independencia do que votasen, “porque poden ter a seguridade de que haberá un Goberno autonómico que traballará para todos”. E unha maioría aberta tamén neste Parlamento, con independencia do partido ao que se pertenza, “porque sempre terán a miña man tendida para sumarse nas solucións ao gran consenso político e social que se produciu nas urnas o 25 de setembro”, dixo.

Motivado, impulsado e lexitimado polos galegos, o presidente do PPdeG recoñeceu sentirse actor partícipe dun momento histórico que esixe acordos con máis intensidade que nunca, incidindo en que o que verdadeiramente representa o resultado electoral é un temperamento, que os galegos expresaron nas urnas con contundencia. “De forma maioritaria a nosa xente non quere leas, e si estabilidade; si traballo pronto, e non máis demoras; si unidade, en Galicia e co resto de España, en lugar de máis división; e, en vez de axitación, elixe si moderación”, aseverou, afirmando que o tempo novo que se abre ao mesmo tempo que esta X Lexislatura, e agora que se comeza a superar a crise e consolidar a recuperación, presenta retos estruturais que esixen respostas xeracionais, e non simplemente respostas partidistas.

Feijóo aproveitou tamén a súa intervención para poñer en valor a institución parlamentaria. Coa aspiración de que o que se defenda nela sexa o acordo ou o desacordo, pero nunca a agresión á Cámara, “porque quen despreza un representante do pobo aquí, desprézase a si mesmo pero, sobre todo, está tamén a desprezar o pobo”. E, pola súa banda, garantiu que o novo Goberno seguirá escoitando o pobo e respectando sempre a súa idiosincrasia e opinión.

Logo de confirmar que as persoas que máis sofren –polo motivo que sexa- seguirán a ser a primeira preocupación e o principal compromiso, o responsable do PPdeG lembrou que, ben que ningunha das dúas lexislaturas anteriores foi sinxela, con acertos e con erros, sempre houbo un Goberno que cumpriu coas súas obrigas. E asegurou que, nesta terceira xeira tamén haberá un Goberno que cumprirá coa súa función e que o fará inspirado por unha idea fundamental: agora Galicia ten que conxugar o seu futuro.

“Faremos o que Galicia precisa, o que dixemos que fariamos e o que os galegos votaron”, sentenciou, asegurando que o novo Goberno cumprirá a folla de ruta avalada maioritariamente nas urnas; seguirá desenvolvendo o Plan Estratéxico 2015-2020 e adaptándoo ás melloras económicas que se vaian producindo; “e Galicia terá un Goberno desde o primeiro ata o último día da lexislatura”.

Nesta liña, avanzou que a primeira decisión será a aprobación do teito de gasto para o próximo ano, e posteriormente dos presupostos antes de que remate este 2016 para que poidan ser debatidos neste Parlamento no menor tempo posible. “Desde o 1 de xaneiro xa empregaremos os mecanismos orzamentarios que a Xunta ten ao seu alcance –basicamente anticipados de gasto- para poder gobernar sen ningún tipo de demora, tal e como dixemos que fariamos”, dixo, resaltando que se trata dunha decisión cun efecto cuantitativo relevante porque permitirá afondar por terceiro ano consecutivo na tendencia crecente e poñer coa máxima rapidez posible case 250 millóns de euros máis á disposición das prioridades dos galegos.

Cunha Galicia cuxo rumbo non cambiou e cunha situación que segue a mellorar, Alberto Núñez Feijóo aseverou que o Goberno volverá responder aos galegos con menos impostos nesta lexislatura. “Respondemos aos galegos con menos impostos na crise e as distintas reducións selectivas son proba diso; respondemos aos galegos con menos impostos cando comezou a recuperación, e desde este ano está en vigor a maior baixada fiscal da historia de Galicia, incluída a supresión do imposto de sucesións para a práctica totalidade de Galicia; e volveremos responder con menos impostos tamén nesta lexislatura”, abundou.

Aínda que dicir a verdade implica afirmar que segue habendo problemas que resolver, Feijóo recoñeceu que hoxe Galicia está en mellores condicións para afrontalos. E, neste sentido insistiu en que a mellor situación económica se traduce en tres consecuencias directas de grande importancia para a acción da Xunta, pero tamén para a vida diaria dos cidadáns. A primeira delas: máis orzamentos, e esta pode ser a primeira lexislatura desde 2008 en que as contas públicas serán expansivas todos os anos e, por tanto, con máis investimentos sociais e económicos.

A segunda consecuencia fai referencia a unha menor débeda, “toda vez que o noso compromiso é reducir progresivamente a ratio débeda/PIB, para que Galicia siga estando entre as comunidades con menos débeda de España”. E a terceira está relacionada con menos impostos, “seguir reducindo a presión fiscal sobre os galegos”.

Diante disto, avanzou os tres obxectivos prioritarios para esta lexislatura: orientar a recuperación cara a unha economía viable e sustentable no futuro, que incorpore con máis fortaleza ao sector primario; seguir mellorando os servizos públicos, consolidando a Galicia como o lugar máis atractivo para nacer e vivir; e participar activamente no debate territorial aberto no Estado, proxectando cara ao exterior o modelo galego de Autonomía, especialmente arredor do modelo de financiamento autonómico.

Consciente de que a recuperación económica non está completada, porque aínda non alcanzou a moitos galegos, Feijóo garantiu o compromiso a seguir preto das familias que continúan inmersas no drama do paro, ou das que tendo traballo aínda carecen dos recursos suficientes para unha vida digna. “É o noso primeiro compromiso”, reiterou, asegurando que Galicia seguirá sendo a comunidade autónoma con maior compromiso social.

Nesta liña, o presidente do PPdeG avogou por máis emprego, como xa está ocorrendo, pero tamén coa calidade suficiente. E avanzou que ambos os dous obxectivos serán o eixo dunha das principais leis nesta lexislatura: unha nova Lei de emprego de Galicia, que dote a nosa terra dun contexto normativo máis favorable para lograr tres obxectivos: seguir reducindo o desemprego, co fin de que se creen entre 80.000 e 100.000 novos postos de traballo e que a taxa de paro se sitúe nunha cifra por debaixo dos dous díxitos. Dar prioridade, con máis intensidade, a colectivos especialmente afectados, como os mozos, mulleres e parados de longa duración. E incrementar as actuacións encamiñadas a reducir a temporalidade e precariedade laboral, incrementando o nivel de contratos indefinidos, por máis que hoxe xa son dous de cada tres.

Sobre este punto, referiuse tamén a unha figura clave do tecido empresarial: os autónomos, propoñendo a aprobación dunha estratexia máis ampla que converta Galicia no lugar máis favorable para ser autónomo: coa ampliación durante un ano máis da tarifa plana para os autónomos que requiran dese tempo adicional para consolidarse; coa creación dun Bono Autónomo de ata 2.000 euros e co reforzo da súa formación; coa ampliación en 16 semanas adicionais da bonificación para conciliar, e abríndoa tamén aos pais; e coa posta en marcha do Programa de remuda xeracional que xa existe no comercio.

Logo de lembrar que a Rede de aceleradoras de empresas, os incentivos fiscais, a oficina Doing Business ou a eliminación da licenza previa para abrir un negocio son os máis claros expoñentes de que hoxe en Galicia xa é moito máis fácil emprender e máis barato, Feijóo adiantou que a Xunta promoverá unha auditoría que detecte, aínda con maior claridade, posibilidades de axilizar todos os trámites da actividade económica. “E seguiremos ademais abríndonos ao mundo, con novos programas de apoio á internacionalización e a través da implicación directa do Goberno, mantendo a axenda económica como prioritaria na súa acción exterior, e tentando explorar novos destinos como o mercado oriental”, engadiu, apostando ademais por máis coñecemento e máis innovación.

Aínda que Galicia ten dado mostras de que quere e pode ser exemplo de innovación, o responsable do PPdeG avogou por potenciar Galicia como sede de I+D+i creando consorcios de innovación que sumen esforzos de investigadores, centros tecnolóxicos, grandes empresas e pemes. “E, nesta liña, ademais do aeronáutico que xa temos en marcha, o primeiro que queremos impulsar é o do eido da biotecnoloxía”, dixo.

Así mesmo, referiuse á apertura de novas convocatorias das unidades mixtas de innovación; ao reforzo dos recursos para facer realidade a Industria 4.0; e a definición dun plan de provedores a grandes empresas, que detecte as súas necesidades de contratación e oriente a innovación das nosas pemes cara a esas oportunidades de negocio.

Alberto Núñez Feijóo trasladou tamén a determinación de reforzar a Estratexia de captación de talento, non só flexibilizando os criterios de acceso ás axudas para que cheguen a máis científicos de prestixio, senón tamén incrementando os recursos do Programa Ignicia, que permite verificar e sacar ao mercado os proxectos dos nosos investigadores. E destacou a incidencia sobre a economía que teñen a formación profesional e as universidades, avanzando que se completará a adaptación do mapa de titulacións, ademais de introducir no ensino medio materias novas como Robótica e Programación.

En relación aos sectores estratéxicos da economía galega, o responsable do PPdeG abriu a súa intervención aseverando que “do mesmo xeito que a pasada lexislatura foi a do naval ou a da automoción, esta ten que ser a lexislatura do sector primario”.

Feijóo lembrou que grazas ás súas capacidades tecnolóxicas o naval pasou dunha situación sen novos pedidos a ter hoxe encargos por máis de 2.300 millóns de euros nos estaleiros públicos e privados. O sector da automoción ten garantida actividade para a próxima década e 3.000 millóns de investimentos para a industria auxiliar e, cun investimento de 150 millóns de euros estanse sentando as bases para que Galicia se converta nunha referencia mundial do sector aeronáutico.

No eido do turismo recalcou que se traballará desde o primeiro minuto para que o do 2021 sexa “o mellor Xacobeo da historia”.

En relación ao sector primario, afirmou que potenciar a industria agroalimentaria, e os selos de calidade que a avalan, debe seguir sendo o eixo das políticas do Executivo galego. No tocante ao sector lácteo expresou o seu convencemento de que as iniciativas de transformación láctea se traducirán en máis estabilidade, mellores prezos e un futuro con máis esperanza para os gandeiros.

Sobre este punto referiuse, a modo de exemplo, á decisión de instalar en Curtis unha fábrica de transformación de leite, con capacidade para atraer case un de cada catro litros de leite que se producen en Galicia; á ampliación da planta transformadora de queixo situada en Vilalba; ou á recente fusión de tres cooperativas, que supón agrupar 3.600 gandeiros que representan o 15% da produción galega. “En resumo, tres iniciativas que, xunto con outras, absorberán sobre o 50% da produción leiteira de Galicia, e traduciranse para os gandeiros que dela dependen en máis estabilidade, mellores prezos, e un futuro con máis esperanza”, abundou.

En materia forestal, Feijóo propuxo distintas melloras entre as que destacou o recoñecemento da figura do silvicultor activo, a redacción dos plans de ordenación de recursos forestais e o impulso aos deslindes de montes veciñais en man común.

En materia de pesca, salientou a importancia da cogobernanza co sector para mellorar a xestión dos recursos marítimos e anunciou que tamén se poderán beneficiar do programa de impostos cero os mozos, as familias numerosas e as persoas con discapacidade que adquiran a súa vivenda habitual nun municipio de menos de 20.000 habitantes.

O candidato á investidura recalcou a importancia das conexións para “harmonizar de forma completa as realidades que coexisten na nosa terra”. Parte destas conexións son as tecnolóxicas, nas cales comprometeu que seguiremos mellorando para garantir maiores velocidades.

No relativo ás infraestruturas viarias, Feijóo garantiu que se completará a rede de vías de altas prestacións para que o 100% dos galegos teñan unha ao seu carón. Citou algunhas das obras que se van realizar, como a autovía do Morrazo, a conexión da Vía Ártabra coa AP-9, o enlace do polígono de San Cibrao das Viñas coa A- 52, o enlace de Areas no Baixo Miño na vía Tui- A Guarda e a prolongación da autovía da Costa da Morte, ademais do inicio da conversión en autovía do tramo entre Lugo e Sarria, avanzar coa VAP Costa Norte (variante de Viveiro) e continuar a autovía entre Santiago e A Estrada.

Nesta lexislatura tamén se buscará avanzar na ordenación do transporte público, estendendo o Plan de transporte metropolitano a Ourense e a Pontevedra e impulsando as intermodais de Vigo, Ourense, Santiago e A Coruña. Esta ordenación culminará na aprobación dun novo Plan de transporte público deseñado para o século XXI, que incorpore servizos como o pago por móbil, o transporte a demanda ou a opción de que o transporte público urbano saia dos límites municipais.

“Non persigo unha Galicia perfecta porque ningún político responsable pode prometer varrer do mapa todos os problemas —recordou Feijóo—, pero si aspiro a contribuír a unha Galicia que crea máis nas súas posibilidades e, sobre todo, unha Galicia que se queira máis a si mesma”.

Para iso é imprescindible traballar por un crecemento ordenado e sustentable, que respecte o medio ambiente. Ao final da lexislatura, todas as infraestruturas hídricas estarán funcionando ou coa súa execución garantida, polo que as nosas rías estarán saneadas. Ademais, camiñamos cara a unha Galicia con menos emisións de CO2, para o que se aprobarán a Estratexia galega de sustentabilidade ambiental e a Estratexia galega de cambio climático. O obxectivo final é que todas as necesidades enerxéticas da Galicia do futuro poidan ser cubertas integramente con enerxías renovables.

O candidato á presidencia da Xunta puxo o acento na importancia da conservación do patrimonio, tanto ambiental como cultural. Unha nova Lei de patrimonio natural ampliará e blindará os nosos espazos protexidos e a primeira Lei de rehabilitación e mellora dos conxuntos históricos de Galicia promoverá a posta en valor dos nosos centros históricos. Tamén irá nesta última liña a Estratexia galega de rehabilitación, que recolle obras ora impulsadas pola Xunta, ora polas familias que queiran rehabilitar unha vivenda. Tamén se terá especialmente en conta a posta en valor dos elementos patrimoniais dos camiños de Santiago.

Para garantir que a expansión de Galicia sexa “racional e coherente”, vaise aprobar unha nova Lei de ordenación do territorio, que complementará a Lei do solo que viu a luz na anterior lexislatura. Ademais, un Plan básico autonómico facilitará que os concellos menores de 5.000 habitantes conten cun PXOM actualizado. Este documento terá en conta as recomendacións que formule a Guía de cores e materiais.

O presidente do PPdeG salientou que “a sanidade pública, a educación pública e os servizos sociais públicos son tamén unha parte importantísima do noso patrimonio”. Durante a X Lexislatura, deberán responder aos grandes retos dos servizos públicos do século XXI: a personalización e a adaptación ao contexto demográfico.

Para que os departamentos competentes poidan centrarse en prestar servizos e non nas edificacións nos que se prestan, Feijóo anunciou que a Axencia Galega de Infraestruturas vai asumir “os procesos de contratación e construción dos centros sociosanitarios e educativos”. Isto enmárcase nos retoques nos niveis intermedios que presentará o novo Goberno, se ben este non sufrirá cambios na súa estrutura.

“Esta será a lexislatura na que Galicia finalizará o novo Servizo Público Galego de Saúde”, avanzou. Neste proceso de renovación, a tecnoloxía tamén terá un papel esencial, pois contribuíron a que os datos de listas de espera fosen os mellores desde que existen rexistros. Ademais, en 2020 o 100% dos galegos terán ao seu carón un hospital ou un centro de saúde novo ou renovado.

Nestes catro anos remataranse novos ambulatorios públicos, iniciaranse tres novas grandes ampliacións (no Gran Montecelo en Pontevedra e nos hospitais públicos de Ferrol e da Mariña), ademais da ampliación do Hospital Público de Santiago (no marco da reorganización derivada da construción da nova Facultade de Medicina), rematará a ampliación dos hospitais públicos da Coruña e de Ourense e ampliaranse tamén as urxencias do Hospital Público do Barbanza.

“Cando falamos do Estado do Benestar, as respostas deben ser interxeracionais”, indicou o candidato á presidencia da Xunta. A nosa rede de benestar deberá dar respostas “desde o berce ata a terceira idade”. Por iso seguirase traballando para “consolidar Galicia como o mellor lugar para nacer e ser neno”, garantindo a Tarxeta Benvida ata 2020, que se ampliará ata os 3 anos para as familias en risco de pobreza ou exclusión social.

Para dar respostas ás familias, vanse afrontar dous desafíos esenciais como son a racionalización de horarios e a conciliación da vida laboral e familiar. A creación de novas prazas públicas de escolas infantís permitirá elevar a ratio de cobertura ata o 40% e consolidar a lista de espera cero.

Tamén se estenderán iniciativas innovadoras como a das casas niño, para que co horizonte do 2020 os 313 concellos de Galicia poidan contar cun servizo de conciliación. “Galicia seguirá ofrecendo deducións fiscais á maternidade e paternidade e dialogaremos co novo Goberno central para intentar reducir o IVE dalgúns produtos básicos, como os cueiros. Non hai mellor legado posible que facer de Galicia o mellor lugar para fundar unha familia”, sentenciou.

En materia educativa, o novo Goberno galego vai apostar pola formación en igualdade e no respecto aos nosos símbolos, especialmente a lingua. Alén diso, manteranse as principais liñas de actuación da pasada lexislatura, como o aumento das oportunidades que ofrece a formación profesional e o mantemento das taxas universitarias máis baixas de España.

Unha destas liñas estratéxicas é o plurilingüismo, no que se vai afondar coa extensión desta medida á educación infantil de 3 a 6 anos e á FP. Así mesmo, destacou o obxectivo de lograr que en cada unha das sete grandes cidades haxa polo menos un centro público de excelencia en Bacharelato plurilingüe, ampliar os programas de estadías para a aprendizaxe de linguas estranxeiras, especialmente inglés e portugués, ampliar a gratuidade das matrículas para os estudantes das escolas de idiomas e fomentar que as tres universidades galegas implanten graos internacionais.

“A Galicia de 2020 vai ofrecer moitas máis oportunidades ás galegas e aos galegos da Xeración do Estatuto”, afirmou o candidato á presidencia da Xunta. Por iso, aínda que Galicia é a Comunidade española con menor taxa de emigración xuvenil, imos traballar para que os que emprenderon ese camiño e queren volver á súa terra poidan facelo. Ademais, vaise intentar atraer os galegos de segunda e terceira xeración que estean residindo nos países onde tradicionalmente emigrou o noso pobo, como Arxentina, Uruguai, Cuba ou Venezuela.

Con respecto aos nosos maiores, aos que Feijóo recoñeceu como “unha parte indispensable de Galicia”, seguiremos a apostar polo envellecemento activo e reforzando a atención á dependencia, tanto creando novas prazas públicas como impulsando o servizo de axuda no fogar. O reto demográfico é especialmente desafiante para a Sanidade pública, que afronta un cambio de paradigma en que deixará de estar limitada aos espazos físicos dos hospitais e centros de saúde.

É por iso que imos elaborar un Plan galego de atención á cronicidade, reforzar as unidades de hospitalización a domicilio e a asistencia a domicilio desde a atención primaria, aprobar un Programa de apoio a persoas maiores que viven soas, reforzado polo Fogar Dixital, e avanzar cara a unha Sanidade preventiva, co Plan galego de resistencias antimicrobianas e a extensión do cribado de cancro de colon.

O presidente do PPdeG fixo un chamamento a todos os grupos para reflexionar conxuntamente sobre o reto demográfico, “un asunto central no que nos queda de década e máis da próxima” e que “non entende de cores políticas”.

No eido da Xustiza as melloras centraranse en acelerar a informatización e facer realidade importantes infraestruturas en Tui, Pontevedra, A Coruña e Vigo. Por último, Feijóo asegurou que esta será a lexislatura na que os empregados públicos recuperarán o poder adquisitivo perdido durante a crise.

O presidente do PPdeG rematou o seu discurso pedindo consenso á hora de reclamar un financiamento autonómico que remate coa provisionalidade, que respecte o reparto de responsabilidade entre o Goberno central e as comunidades, que garanta a solidariedade interterritorial e recoñeza os cumpridores. “O benestar dos cidadáns, que é o que en definitiva está en xogo, non pode estar ao arbitrio de presións derivadas de xogos partidarios pouco responsables”, aseverou.

Así mesmo, asegurou que Galicia non está disposta a pagar nin os privilexios que algúns queiran obter nin tampouco a factura da parálise co AVE, que está pendente desde hai décadas.

Por outra banda, afirmou que a Comunidade galega pedirá sempre dous requisitos previos nas relacións co Estado e coas restantes autonomías: lealdade e unidade. E avogou por que a Conferencia de Presidentes deixe de ser excepcional, e case simbólica, para converterse en ordinaria e efectiva.

En relación ao debate sobre o modelo territorial asegurou que a nosa Comunidade non pode apoiar un proceso que carece de rumbo e de punto de chegada, nin tampouco un trato de favor á insubordinación sistemática ao marco legal que fixemos entre todos. “Cómpre explicitar o ‘para que’ antes de embarcarnos nun debate deste calibre”, sostivo.

Alberto Núñez Feijóo concluíu reiterando a disposición ao consenso dunha maioría que está aberta a todos os galegos e a todos os membros desta Cámara. “Galicia é de todos e todos temos a responsabilidade de facela nosa, para que os nosos fillos poidan ter a oportunidade de facela súa. Velaquí o momento, velaquí o motivo, velaquí a obriga de quen estamos chamados a responder co noso traballo as preguntas que nos foron formuladas”, dixo, esixindo respecto “non para min, nin para o meu Goberno ou para o meu Grupo, senón respecto para a maioría dos galegos aquí representados”.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, cualificou o discurso de Alberto Núñez Feijóo no Debate de Investidura como “axeitado a unha realidade cambiante”, respaldado por “un programa de Goberno que o país necesita”.

Puy manifestou que se trata dun “discurso completo que marca o futuro de Galicia”, cunha “política para que Galicia avance e mellore a situación dos galegos e galegas”.

“A economía galega está medrando ao 3 por cento, o que permite que o cambio de ciclo económico facilite un mellor traballo desde as Administracións públicas”, concretou o portavoz popular, quen salientou o anunciou de que a capacidade de gasto da Xunta se incrementará en 250 millóns de euros no vindeiro exercicio.

Entre as prioridades do novo Goberno galego, Pedro Puy situou en primeiro lugar o emprego, co anuncio dunha “batería ampla de medidas específicas no ámbito dos autónomos, da internacionalización das empresas ou da aposta pola innovación e o desenvolvemento”. Ademais, subliñou a “clara aposta polos sectores estratéxicos de Galicia e fundamentalmente polo sector relacionado co mundo rural”.

Neste ámbito, o portavoz popular tamén lembrou que existe unha “folla de ruta trazada polo Plan Estratéxico, aprobado neste Parlamento coa participación de expertos e que marca cales son as liñas de progreso futuro para Galicia”.

Puy referiuse á “preocupación clara amosada polo ámbito social, con medidas tanxibles tanto no ámbito da educación, que é a que facilita a igualdade de oportunidades, como no ámbito da sanidade, focalizando a atención nas persoas, nos pacientes e na súa comodidade cando pasan por unha situación de enfermidade, como nas infraestruturas”.

“Ese programa de Goberno, como se destacou varias veces polo candidato á Presidencia da Xunta, se quere facer en permanente diálogo no Parlamento cos grupos da oposición”, sinalou Puy, quen trasladou a “invitación ao diálogo permanente no Parlamento e á procura de consensos nos grandes temas do país”.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de En Marea:

Sobre a base dunha mala diagnose só se pode planificar un mal goberno, sobre a base de premisas falsas só se pode asentar en pés de barro a construción dunha nova lexislatura e dun executivo que se quere botar a andar. Afirmando a saída da crise únicamente se poden asentar as bases para un calculo falaz de como debe ser o goberno dos galegos e as galegas

Falousenos hoxe dunha saída da crise ignorando completamente a situación social, laboral e económica do conxunto da nosa sociedade. As galegas e galegos non se senten recoñecidas neste discurso onde se pretende dicir que queda atrás unha fase de crise e de problemas sociais que aquí parece que non tiveron lugar nunca.

Fronte a esa situación non é posible establecer unha reacción coherente. Temos hoxe case 100 mil persoas menos traballando que en 2009, o cal significa que no caso de cumprirse as previsións deste Plan de Emprego que acaba de anunciar o candidato Feijóo, estariamos para o ano 2020 coa mesma taxa de emprego que no ano 2009. Tres lexislaturas completas para nada. Para volver ao punto de partida cando colleu a responsabilidade de goberno Núñez Feijóo. Ese é o percorrido de tres lexislaturas por quen se presenta xa por terceira vez?

Notamos un esgotamento completo de discurso, unha repetición de promesas incumpridas do ano 2012 pero se cabe cunha menor ansia de goberno.

Botamos en falta unha ollada a unha Galicia real que vive e sobrevive con moitos problemas.

Botamos en falta a alusión ás 720 mil persoas en risco de exclusión social.

Botamos en falta medidas concretas para poder establecer unha medida xusta a esta situación de crise na que non abondan pequenos datos de macrocrecemento, senón que é necesario que vaian acompañados dunha recuperación efectiva do emprego e que sexa de calidade.

Estamos ante unha situación laboral na que temos case 100 mil persoas menos traballando que cando Feijóo se incorporou á responsabilidade da presidencia da Xunta e a que está traballando estao facendo en condicións máis precarizadas. Hai xente que traballa e non sae de pobre porque as condicións laborais son moito peores ca en 2009. Porque viñeron por riba dúas reformas laborais das que foi responsable tamén o Partido Popular. Por tanto agora non é posible dar unha saída xusta á crise sen tomar en consideración cal é o punto de partida.

O devalo demográfico do que se falou no discurso de investidura non é máis ca un síntoma, dunha situación social, laboral e económica da nosa cidadanía, fai que a xente emigre porque non atopa aquí oportunidades para vivir con dignidade. Que fai que a xente non naza porque non temos condicións para que unha paternidade e unha maternidade responsables sexan posibles hoxe en día no noso país. Non se avalían as causas do síntoma que é o devalo demográfico. A desesperanza por un modelo que non absorve nun mercado laboral para poder satisfacer as necesidades mínimas nin da poboación máis nova nin da máis vella, unha desesperanza para a xente que nace, unha desesperanza para a xente que está estudando, para a xente que non atopa traballo, ou que atopa pero non lle dá para vivir con dignidade. E unha desesperanza para a xente que xa está no outono da súa vida.

Non atopamos neste discurso un diagnóstico certeiro desta situación, polo tanto dificilmente se vai poñer un goberno a poder solucionar os problemas que dela se derivan. Albiscamos o inicio dunha proposta de lexislatura no que se pula por unha redución ou por unha protección moi restritiva dos dereitos civís, cando se advirte que a única forma de democracia posible é esta maioría na que todos e todas debemos andar por un camiño concreto. Evidentemente respectamos a maioría do PP, pero non nos conformamos con ela.

Polo tanto, dende o primeiro momento comezaremos a tomar medidas. Porque a democracia non é soamente a regra da maioría, é a regra da maioría para a realización duns determinados valores aos que se fixo pouca referencia aquí, como os valores estatutarios, constitucionais e internacionais. Parece que Feijóo só recordaba da Constitución os artigos 137 e 138 esquecendo o artigo 47, o dereito a ter unha vivenda, o artigo 40 o dereito a traballar, á seguridade social, ás coberturas, ás prestacións por desemprego, o dereito a unha xubilación digna, o dereito ás liberdades individuais e de carácter colectivo. Parece que nos queren impoñer na senda dunha perda de dereitos colectivos, dunha consolidación dun modelo social que é a consolidación dunha perda de dereitos sociais, dunha precarización do ensino, do ámbito da sanidade. Enganouse tamén na diagnose falando dunha débeda pública, cando temos o presidente que ocasionou a maior débeda pública do Estado de autonomía incrementando un 250%, a débeda con impostos encubertos para as xeracións posteriores. E falanos dun compromiso interxeracional? Non podemos asumir seriamente ese discurso.

Dende o punto de vista do autogoberno e das aspiracións políticas de Galicia notamos unha absoluta falta de ambición, non soamente para consolidar o propio autogoberno. Temos sobre a mesa propostas concretas, debates sociais claros ue non se queren dar aquí, propostas de transferencias que non se quixeron dar na anterior lexislatura, como o caso da AP9, pero temos outras propostas que serían indispensables para poder vivir mellor, exercendo as funcións de autogoberno, que non se queren asumir por este goberno.

Un goberno que se resigna á perda de igualdade e á perda de dereitos e oportunidades. A perda de igualdade entre mulleres e homes. Xa se falou da brecha salarial e non hai unha soa palabra en relación a iso. A igualdade de dereitos a todos os efectos e por suposto a violencia de xénero non mereceron ningunha especial consideración. A igualdade en relación á pobreza, como conidicións materiais para ter máis oportunidades na vida tampouco ocuparon ningún espazo no discurso do candidato.

Polo tanto foi unha perda absoluta de oportunidade, unha falta de cohesión e de equilibrio territorial que supoña unha falta de cohesión a nivel social. Preténdese paliar con 4 o 5 medidas anecdóticas paliar a desestruturación de todo o rural con respecto aos espazos urbáns. As pequenas regalías non poden substituír a planificación que un goberno autónomo debería facer en clave nacional e en clave de xustiza social polo seu país. Pero nada disto sucedeu porque hai un erro de diagnóstico que pretende ocultar a mala xestión, a mala política de Feijóo durante as dúas últimas lexislaturas.

Por iso, despois de non ver nada novo nese discurso, auguramos unha lexislatura e un goberno con pouco que ofrecer e sen moita esperanza que traer ao conxunto da sociedade.

Desexariamos que non fose así, e o xoves ampliaremos cal debe ser na nosa opinión o camiño desta nova lexislatura.

Só cunha boa diagnose se pode facer un bo goberno e só cunha boa diagnose se poden solucionar os problemas deste país aos que este presidente, cansado seguramente desta función e seguramente coa vista posta noutras expectativas profesionais, persoais ou políticas deixou entrever neste discurso de investidura.

Fotografías: Parlamento de Galicia
R.