Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Uxía y Magín Blanco homenajean a Manuel María con el videoclip A Cidade

Nota del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

Na recta final do ano das Letras Galegas dedicadas a Manuel María Fernández Teixeiro, Uxía e Magín Blanco lanzan un novo videoclip que completa a homenaxe iniciada polos dous músicos en Canta o cuco e Todo me fala de ti, proxecto que viu a luz da man da Editorial Galaxia en formato de libro-cedé e que subiu hai uns meses aos palcos do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2016 nunha xira de 15 concertos en directo por outros tantos concellos da Rede de Dinamización Lingüística. A peza é tamén unha homenaxe á Cidade das Burgas e á súa xente miúda, xa que foi rodada alí entre abril e maio deste ano coa participación dos nenos e as nenas do Colectivo Re.creo.

“Rematando o ano de Manuel María, as Letras Galegas semellan querer darlle o relevo a Carlos Casares, un dos máis grandes expoñentes ourensáns, por medio deste videoclip infantil”, sinalou García Gómez, quen quixo destacar “a importancia de proxectos como o que hoxe vimos presentar para a dinamización da lingua galega nas franxas de idade máis temperás, nomeadamente a infancia e a mocidade, a través de artistas e profesionais destacados que teñen o idioma propio de Galicia como principal ingrediente da súa creatividade e que impulsan o seu uso e a súa presenza en campos tan importantes para a normalización lingüística como son o musical, o audiovisual ou o asociativo”.

Canda el e os músicos, participaron na presentación representantes das outras entidades colaboradoras: o vicepresidente da deputación ourensá, Rosendo Fernández; o vicerreitor do campus universitario de Ourense, Virxilio Rodríguez; a integrante do Colectivo Re.creo Marta Somoza e os directores audiovisuais, Marcos Nine e Otto Roca.

No marco da programación Letras Galegas 2016 posta en marcha pola Consellería de Cultura e Educación, a Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora, canda á Deputación Provincial de Ourense, a UVigo e o Colectivo Re.creo, nesta peza composta e interpretada por Uxía e Magín Blanco e dirixida por Otto Roca e Marcos Nine, que traspasan os versos do poeta chairego (‘As rúas do vento ceibe’, 1979) ao audiovisual.

O videoclip ten por carta de presentación dúas das voces máis coñecidas entre o público infantil galego e unha selección dos emprazamentos que conforman o imaxinario actual de Ourense, con especial atención aos seus barrios e aos edificios e espazos libres que constitúen o referente da súa cidadanía: as Burgas, o Teatro Principal, o Museo Arqueolóxico, o colexio Curros Enríquez, o cemiterio de San Francisco, os xardíns do Padre Feijoó, o parque de San Lázaro, o Campus Universitario no Hospital Vello ou a Praza de San Marcial.

Inspirada no poema homónimo, ‘A Cidade’ fala do ambiente dunha cidade desde a vivencia que se experimenta ao percorrela no día a día, enumerando espazos e actividades urbanas e transmitindo certa idea de balbordo, diversidade e movemento. As imaxes amosan unha cidade en branco e negro que é contemplada desde a distancia por nenos que portan un globo de cor.

No interior, unha nena desgustada recibe un destes globos e inicia unha viaxe polos barrios, ao tempo que se van vendo outros nenos e nenas que tamén levan globos de cores, que camiñan, que se xuntan e que comezan a regalarlles estes globos ás persoas que van atopando. A través destes actos, a cidade vai recuperando as cores e, finalmente, todos os nenos e nenas ceiban os globos que ascenden ao ceo cara novas direccións.

O videoclip está dispoñible en aberto desde o Portal da Lingua Galega no enlace www.lingua.gal/videoclip-a-cidade.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.