Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

La literatura gallega protagoniza la programación de la Feria Internacional del Libro de Guadalajara

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A literatura galega é protagonista na Feira Internacional do Libro de Guadalaxara, en México, coa programación de actividades promovida pola Consellería de Cultura e Educación para impulsar a proxección exterior da cultura galega e para favorecer novas oportunidades comerciais para o libro e os autores galegos actuais.

Na trixésima edición do que constitúe o evento editorial profesional máis relevante de Iberoamérica –que se desenvolve na cidade mexicana ata o próximo 4 de decembro–, a cultura galega está representada por Manuel Rivas, Érica Esmorís e Kristina Sabaite, que falarán hoxe na feira sobre a literatura galega, no marco da conferencia ‘Galicia, el local universal’. Mañá, Manuel Rivas ofrecerá no stand de Galicia unha lectura poética para o público da feira.

Os tres autores veñen participando en diversas actividades desde a fin de semana para dar a coñecer a creatividade literaria galega no espazo internacional, con obradoiros, charlas e lecturas poéticas, tanto no marco da programación cultural promovida pola Xunta de Galicia como nas actividades programadas pola organización da feira. Onte mesmo, Manuel Rivas presentaba os seus libros ‘O último día de Terranova’ e ‘A boca da terra’, nun acto co director de Alfaguara México e co xornalista e escritor mexicano Tomás Granados, ante un nutrido grupo de público mexicano ávido de falar e de coñecer as últimas obras do escritor.

Para dar a coñecer e promover o sector edición galego, a Xunta de Galicia tamén dispón na feira dun stand con espazos habilitados para as reunións comerciais e para a información permanente dos visitantes, no que se exhibe unha selección dos títulos máis recentes das editoriais Kalandraka, Galaxia, Xerais, Nova Galicia Edicións, Urco Editora, Bolanda, Bululu, McSport e Sushi Books, ademais das publicacións da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración.

A Consellería de Cultura e Educación, a través da Secretaría Xeral de Cultura, vén apoiando a promoción exterior do sector editorial galego nos principais eventos internacionais vinculados co sector editorial. Durante este 2016, Galicia participou cun stand propio nas feiras internacionais de Boloña, de Frankfurt e, singularmente nesta edición, na de Buenos Aires, onde Santiago de Compostela foi a cidade convidada.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.