El BNG reclama el cierre de Elnosa en Lourizán por su actividad "nociva y peligrosa" pero el PPdeG se opone y pide una alternativa al paro

O deputado do BNG, Luís Bará defendeu unha proposición non de lei para iniciar os trámites do cesamento da actividade de ELNOSA en Lourizán , desbotar a ampliación da concesión dos terreos de “dominio público” marítimo terrestre que ocupa e instar ao Goberno galego a dirixirse ao Ministerio de Medio Ambiente para a recuperación dos mesmos.
Trala intervención da portavoz do Partido popular, Guadalupe Murillo que anunciou o voto en contra á proposición nacionalista, o deputado do BNG lembrou que o Partido popular no ano 2013 chegou a un acordo coa empresa para o traslado da factoría e que a propia empresa comprometíase a buscar unha nova ubicación polo que preguntou que estiveron facendo todos estes anos?.O parlamentario tamén criticou que a portavoz popular baseara a súa defensa de ELNOSA sobre 70 postos de traballo, sen embargo, dixo, “non lle preocupan os postos de traballo que destrúe ademais do prexuízo provocado por esta empresa nociva e contaminante”.
O Partido popular non pode xustificar a permanencia de ELNOSA por un cambio de tecnoloxía, recalcou o nacionalista, o problema real é “ a actividade, a ubicación e ampliación da concesión”. Vostedes, despois de reunirse coa empresa tentan xustificar a sùa permanencia en base a ese “suposto cambio en tecnoloxía e investimentos”.
Luís Bará afirmou que o concello de Pontevedra está en contra da permanencia de ELNOSA e de ENCE e “utilizaremos todos os medios legais e institucionais para resolver esta situación”.
Bará lamentou que a portavoz do Partido popular defendera con tanto énfase a permanencia de ELNOSA , defensa que, en opinión do nacionalista, responde á intención de Guadalupe Murillo a presentarse como candidata á alcaldía de Pontevedra.
Sobre os postos de traballo que se perderían no traslado de ENCE- ELNOSA, Bará asegurou que é un “slogan utilizado por ENCE e pagado por ELNOSA” pero a realidade é que Pontevedra posúe un dinamismo e atractivo que a diferenza de moitas cidades do mundo e non é certo que sexa a cidade con máis paro de Galiza. Vostedes, dixo, “se medra o paro é culpa dos demais e se baixa é un logro do PP”. A realidade, recalcou, é que nos últimos dous anos o paro diminuíu, polo que pediu aos populares que non sigan utilizando ese slogan nin peguen carteis polas rúas de Pontevedra porque é “unha burda mentira”, concluíu.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:
A deputada do Grupo Popular Lupe Murillo criticou no Parlamento que o BNG solicite o peche de ELNOSA “sen propor aos cidadáns de Pontevedra unha alternativa de traballo para todas as persoas que pretenden mandar ao paro”. Neste sentido, lembrou que “non corresponde á Xunta o inicio dos trámites de cese de ningunha actividade industrial, sempre e cando esta actividade se estea a realizar amparada polo marco xurídico vixente, ao tempo que é competencia da Administración Xeral do Estado conceder ou denegar a ampliación das concesións de ocupación de terreo en dominio público marítimo-terrestre”.
Lupe Murillo manifestou que “poderíamos compartir o desexo dunha localización diferente de ELNOSA desde os seus inicios, pero non é o noso labor como administración valoralo de forma persoal, senón que debemos manter o rigor e aplicar a normativa da nosa competencia, ademais de vixiar para que esta normativa se cumpra”.
“O noso papel é asegurar, como se está a facer desde hai tempo, que esta actividade quede sometida ás limitacións e controis que garantan a minimización do seu impacto sobre o medio ambiente e a saúde das persoas”, sinalou.
Neste sentido, apuntou que a ampliación da autorización ambiental concedida ata decembro de 2017 está vinculada a que ELNOSA realice unha importante inversión para fabricar cloro-alcalino nas súas instalacións, abandonando a actual tecnoloxía baseada no emprego do mercurio e adaptándose ao marco legal. “A continuidade da empresa dependerá de que finalmente decida asumir a súa reconversión”, subliñou Murillo.
A deputada popular dirixiuse ao BNG e afirmou que “debemos facer moitas cousas importantes pola nosa cidade antes de chegar aquí e presentar unha proposta sobre a que non temos competencias de actuación e que ademais deixaría a moitas persoas na rúa”. “A nosa imaxe como políticos podería ser moito mellor se dedicamos o noso tempo a emprender accións para que a vida da xente sexa máis fácil e non para que lla compliquemos enviándoos ao paro”, dixo.
En concreto, Lupe Murillo apuntou que “debemos revitalizar o contorno da cidade de Pontevedra, convertela en atractiva para o empresariado, acelerar o PXOM para poder ofrecer o solo industrial do que carecemos, entre outras medidas a impulsar desde o Goberno local”.
R.