La oposición reclama a la Xunta mejoras para evitar el colapso de la sanidad pública gallega

O BNG reclama no Parlamento ao SERGAR un protocolo de actuación para evitar o colapso nos servizos de urxencia do sistema sanitario público cando se producen brotes epidemiolóxicos ou picos asistenciais perfectamente previsibles, como é o caso do causado pola gripe nos últimos días.
“Estes repuntes de actividade nos servizos de urxencia son perfectamente previsibles, e existen mecanismos para saber con certeza cando, como e quen afectan a incidencia dos brotes epidemiolóxicos habituais por calendario”, explica a portavoz parlamentaria de Sanidade, Montse Prado, na proposición non de lei presentada na Cámara. “Os picos de gripe e de enfermidades respiratorias coincidindo coas épocas de frío son previsibles, pasan todos os anos, sen que a Consellería de Sanidade faga nada por evitar os colapsos que provocan no servizo de urxencia”, recalcou.
Prado denuncia que a saturación vivida ao longo dos últimos días na práctica totalidade dos centros hospitalarios provocou unha “situación de caos”: Doentes sufrindo esperas interminables, salas de espera amoreadas, corredores cheos de pacientes en padiolas, cadeiras ou de pé, demoras de horas para poder dispoñer dunha cama, ingresos en plantas inadecuadas mesturando patoloxías, persoal sanitario sobrecargado, foron algunhas das estampas vividas.
Ademais da falta de previsión, o Bloque ve no colapso unha consecuencia máis dos recortes impostos polo PP ao longo dos últimos anos.
Ante esta situación, a formación nacionalista propón que a Cámara reclame ao Goberno galego a presentación dun informe coas medidas de planificación e reforzos postos en marcha para atender o aumento dos e das doentes nos servizos de urxencias. Ademais, un protocolo de actuación para os brotes ou picos asistenciais, contando cos e cas profesionais da sanidade e representantes sindicais, onde se recolla, como mínimo, a previsión de reforzos e recursos.
Igualmente, a proposición non de lei do BNG demanda a apertura inmediata das plantas e das camas pechadas ou bloqueadas en toda a rede pública, contratar o persoal necesario obviando a taxa de reposición para poder recuperar os 2.000 profesionais eliminados da sanidade pública. E, ademais, a posta en marcha dun Plan de atención primaria con recursos materiais e humanos.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:
O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, responsabilizou ao goberno galego do “colapso” dos servizos de urxencias de Galicia. Advertiu que “trátase dun problema que pon de relevo a situación límite da sanidade pública galega”, que “satúrase” diante de “calquera pequeno estrés”, como foi o pico da gripe das pasadas semanas.
Para o responsable socialista, a situación deriva da falla de previsión do Goberno e da alarmante eiva de recursos persoais e materiais, e un conselleiro que “considera que as camas son importantes para os hoteis pero non para os hospitais”, como sinalaba no pasado mes de xuño.
Por este motivo, presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para que a Xunta informe das previsións e os reforzos asignados diante desta situación e o incremento da dotación material e humana nos servizos de urxencias.
Torrado considera inconcibible que o goberno galego non tomara medidas diante dun pico de gripe estacional que se repite cada ano e do que os médicos viñan alertando nas últimas datas. Critica que a xestión desta situación recaia unicamente no sobresforzo e saturación dos profesionais sanitarios e que o goberno galego “veña presumir agora de tomar medidas demasiado tarde”.
O Grupo Socialista interpela ao goberno galego para coñecer as medidas tomadas neste sentido, en concreto “queremos saber por exemplo se reduciron as intervencións programadas para dispor de camas, se reforzaron o servizo de neumoloxía ou tomaron previsións para atender ás persoas de idade avanzada”.
O parlamentario socialista alerta do clamoroso silencio do conselleiro de Sanidade durante toda esta crise, e ironizou coa súa “preocupación por se está perdido nalgún servizo de urxencias” agardando a que o atendan. Advertiu da habilidade demostrada polo PP para “poñer de moda os problemas da sanidade pública”.
Aludiu neste sentido ao copago sanitario aos pensionistas, logo do “globo sonda” enviado pola ministra de Sanidade sobre o posible aumento do copago aos pensionistas que perciban máis de 18.000 euros ao ano. Subliñou a oposición frontal dos socialistas a esta medida, e presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para reducir paulatinamente o copago a tódolos usuarios da sanidade pública.
Reclamou a reversión do copago farmacéutico en primeiro lugar a tódolos xubilados con pensións por debaixo dos 800 euros mensuais, que supoñen o 80 por cento do total dos pensionistas.
Explicou que o acceso aos medicamentos constitúe un dereito que debe ser financiado a través dos impostos progresivos porque “é parte da asistencia sanitaria”. Puntualizou que “os socialistas queremos garantir dereitos e redistribuír a riqueza, fronte ao PP que quere garantir a riqueza e redistribuír os dereitos”.
Os socialistas presentarán tamén iniciativas parlamentarias para suscitar o debate sobre o déficit na atención pediátrica en toda Galicia, con Centros de Saúde que non poden cubrir as baixas dos pediatras ao longo de toda a xeografía desta Comunidade Autónoma.
R.