Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

BNG y PSdeG insisten en sus críticas a las cuentas públicas del Gobierno central y a la actitud del presidente de la Xunta

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:

A portavoz nacional, Ana Pontón, expresou o seu convencemento de que se en Madrid estivese gobernando unha forza política distinta do PP, o presidente da Xunta “xa tería convocado unha gran manifestación contra o recortazo” nos investimentos do Estado, pero “como gobernan os seus” os intereses de Galiza quedan por detrás dos do PP.

Pontón emprazou a Feijó a facer un balance real dos resultados do seu papel de “marioneta” de Rajoy, en particular na negociación dos orzamentos para 2017. “Cinco deputados do PNV valen 4.000 millóns de euros adicionais en investimentos e mellorar a tarifa eléctrica vasca, doce deputados do PP elixidos por Galiza valen un recortazo de 442 millóns de euros en investimentos do Estado e unha peaxes máis caras na AP9”, denunciou.

“A falta de valentía de Feijóo ante Rajoy converten Galiza na última carta da baralla no Estado”, subliñou, “porque ninguén no seu xuízo aceptaría este agravio para o noso país mentres outros territorios acadan unha choiva de millóns en investimentos e non hai límites de gasto”.

En todo caso, o Bloque considera que aínda hai tempo para rectificar e, neste sentido, insta ao presidente da Xunta a apoiar a iniciativa nacionalista que mañá mesmo debate o pleno do Parlamento a favor dunha posición unánime contra a discriminación que recollen os orzamentos do Estado.

“Non tiramos a toalla, e Feijóo ten a oportunidade de demostrar que sinte as cores de Galiza sumándose á proposta do Bloque para vetar os orzamentos do recortazo, porque os galegos e galegas non se merecen un presidente submiso a Rajoy, non se merecen un presidente máis preocupado por tapar a corrupción do seu partido, -como se viu no papelón con Villar Mir-, que en defender os intereses do país”, denunciou.

Pontón tamén lembrou os 3.500 millóns de euros que reservan as contas públicas para o rescate das autoestradas radiais madrileñas, mentres aquí os e as usuarias seguen soportando o servizo deficitario de AUDASA e unhas peaxes que son unha estafa legalizada.

“A última tomadura de pelo”, indicou a dirixente do Bloque, a falta de sinalización nos tramos de obras pola entrada Sur na AP9 que obrigou a centos de persoas que querían usar esa saída a ir ata a saída de Padrón, dar volta e, por riba, obrigados a pagar a peaxe.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, dixo que a deliberada “pasividade” do presidente da Xunta no proceso de elaboración dos orzamentos xerais é “a garantía” para que Galicia saia prexudicada. Así o dixo logo do acordo de Rajoy co PNV para beneficiar ao País Vasco en contra da “solidariedade” e o equilibrio do sistema autonómico.

Lamentou que o maior logro de Feijóo sexa que o seu partido estea tranquilo mentres Galicia “non consegue aquilo ao que ten dereito e non pode competir en igualdade de condicións”. Lamentou que manteña a atención desviada cara a comisións de seguimento para o AVE e para a execución de orzamentos cando o que precisa son “menos comisións e máis solucións”.

O responsable socialista replicoulle ao presidente da Xunta, quen asegurou que preferiría un acordo co PSOE que co PNV, lembrándolle que os socialistas galegos presentaron emendas aos orzamentos que suporían 600 millóns de euros adicionais en investimentos para Galicia. “Se quere un acordo que comece por darlle a orde aos seus deputados de que acepten estas emendas, porque non vai ter apoio gratis do PSdeG”.

Fernández Leiceaga cuestionou a docilidade amosada polo presidente galego cando está a demostrar que “premia a falta de lealdade” dos nacionalistas cataláns e vascos, os únicos que faltaron á Conferencia de Presidentes. A conclusión foi que conseguiron investimentos millonarios para o corredor Mediterráneo e un acordo co PNV que supón “un ataque contra a solidariedade do resto de España”.

Acusou ao PP de “deixar de defender o interese xeral” para garantir unha “chuvia de millóns” que “pon en risco a solidariedade e a estabilidade do sistema autonómico”. Así, os vascos aumentan ata un 170 por cento o financiamento por habitante que xa de por si os beneficiaba, recibindo 3.700 euros por habitante fronte á media de 2.200 –Galicia recibe 2.300-.

Grazas a este acordo verán condonada a “débeda” de 1.400 millóns de euros que arrastraban, e veranse beneficiados con 750 millóns de euros netos adicionais cada ano, ao pasar de aportar 1.550 a 850 millóns de euros. Este acordo provoca ademais unha “tensión adicional” con Cataluña, deixándolle en bandexa “unha razón máis ao nacionalismo catalán”.

Ao resto de autonomías de réxime común, dixo, “pasan de dicirlles que non había máis diñeiro para repartir entre todas a garantir que a mellor tratada –País Vasco- terá 750 millóns adicionais cada ano”.

O acordo tradúcese, dixo, nun calendario máis esixente para completar a “Y vasca” do AVE e máis investimentos para infraestruturas en Cataluña que “comprometen a conclusión do AVE a Galicia nos prazos previstos”, dificultando un calendario xa aprazado. Ademais, inclúe dúas plataformas loxísticas para o País Vasco e a conexión co Corredor Centro da Meseta coa UE, mentres Galicia queda “fora da conexión ferroviaria de mercadorías imprescindible”.

Advertiu que mentres Galicia moderniza os seus portos de interese xeral, o goberno central provoca “graves retrasos” nas plataformas loxísticas de Ferrol, Salvaterra – As Neves e Monforte, e perden o compromiso da conexión necesaria das plataformas co corredor europeo, que non está “nin prevista”.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, considerou que os orzamentos do Estado son “bos para darlle estabilidade ao crecemento económico que está a experimentar España”, ao tempo que “manteñen compromisos de gasto fundamentais para Galicia, como as infraestruturas do AVE”. “O Partido Popular foi capaz de dialogar e construír unha maioría para darlle estabilidade ao país a través dos orzamentos, que son o plan de gasto e investimento do Estado para un ano”, engadiu.

Nunha entrevista na Radio Galega, Puy sinalou que “o fundamental é que hai orzamentos do Estado” e dixo que “chama a atención que se fale agora de concesións, cando ata hai ben pouco escoitábamos a case todo o mundo que na política era bo que houbese moitos grupos para que tivesen que negociar e chegaran a acordos”.

“É unha boa nova que haxa unha maioría suficiente para que o país non se volva deter por falta de orzamentos”, salientou o portavoz popular, quen lembrou que o Partido Popular “tentou negociar co principal partido da oposición, o Partido Socialista, que se negou a falar dos orzamentos e se buscou unha maioría alternativa”.

Neste sentido, dixo que “é unha posibilidade que os próximos orzamentos sexan coas mesmas forzas políticas, o que non quere dicir que os socialistas, unha vez resolvan os seus problemas e cun liderado consolidado, poidan entrar nunha negociación para facer outro tipo de orzamentos ou para intentar que determinadas cuestións xiren cara un sitio que eles estimen mellor”.

Pedro Puy manifestou que o PSOE, “nalgunhas cuestións como o proceso de construción europea ou a defensa das institucións constitucionais, ten máis puntos de acordo co PP que probablemente con algunha das formacións coas que está gobernando noutras comunidades autónomas ou nos concellos”.

Así mesmo, expresou o seu desexo de que o PSOE “tivera unha dirección e non estivera suxeito a interinidades ou provisionalidades”, porque “non é bo para os partidos políticos que teñan fracturas ou divisións”. “O que se aprecia desde a distancia é que, máis aló dos nomes, hai dúas posicións diverxentes sobre cal debe ser o camiño futuro do Partido Socialista, que xa teñen incluso antecedentes na historia española do século pasado, e o único que desexo é que acerten e que o PSOE siga sendo un dos piares nos que se basea a democracia en España”, manifestou.

Fotografía: archivo GD/Xunta de Galicia
R.