CC.OO. traslada a UGT y CIG una propuesta de unidad de acción sindical para afrontar los retos de los trabajadores en Galicia

Comisións Obreiras (CCOO) presentou publicamente os puntos de partida da súa proposta de unidade de acción sindical, sintetizada no documento "Bases para unha resposta unitaria da clase traballadora galega". Fíxoo nunha conferencia de prensa que contou coas intervencións do secretario xeral, Ramón Sarmiento, da secretaria de Emprego e Previsión Social, Maica Bouza, e do secretario de Acción Sindical e Negociación Colectiva, Roi Fernández.
A negociación colectiva, o marco galego de relacións laborais, a defensa do emprego, a formación para o emprego e as mobilizacións unitarias son os cinco aspectos principais da proposta, recollidos de forma esquemática no documento remitido tanto á UGT como á CIG, «e que se desenvolverán en documentos anexos máis extensos», aclarou Sarmiento.
Ramón Sarmiento explicou que a de Comisións se configura como unha «proposta aberta» que sente as bases para iniciar cos outros dous grandes sindicatos galegos un proceso de negociación que desemboque nunha posible unidade sindical de acción de CCOO, UGT e CIG. «Está aberta ás achegas que nos formulen os compañeiros da CIG e da UGT», insistiu o sindicalista.
O secretario xeral de CCOO expuxo que no primeiro nivel das tres organizacións, é dicir, nas empresas e centros de traballo, dáse «con moita frecuencia e de xeito natural» un escenario de unidade. Por esa razón, apuntou que «non é natural» que as direccións sindicais «por cuestións de tacticismo, desprecemos esa unidade que nos reivindican as traballadoras e traballadores».
Polo tanto, e sen menoscabo de que cada organización teña «liñas de actuación propias, obxectivos distintos ou mesmo que nalgún escenario defendamos posicións diferentes», Sarmiento sostivo que «hai grandes obxectivos que deben estar por riba», de aí que CCOO fixese un «esforzo de concreción» na súa proposta, xa remitida á UGT e á CIG, «e sobre a cal intentaremos traballar xuntos nas próximas datas», explicou.
No referente á negociación colectiva, o documento sitúa como obxectivo sindical a redución do número de unidades de negociación e reafírmase a aposta polo marco sectorial de regulación. Para conseguilo, CCOO propón o rexeitamento de novos convenios que empeoren as condicións laborais dos sectoriais, a aposta pola prioridade de aplicación do ámbito galego e a creación dos «consellos de supervisión» nas empresas con centro de decisión en Galicia que teñan máis de 250 traballadoras e traballadores, entre outras actuacións.
Canto ao marco galego de relacións laborais, o obxectivo sindical é potenciar os mecanismos de mediación, tanto no eido colectivo como no individual, e reducir a xudicialización dos conflitos. Neste punto, CCOO propón a mellora do acordo para a resolución extraxudicial de conflitos (AGA) coa integración do servizo e persoal do actual Servizo de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC), e a ampliación da cobertura territorial mediante unha rede comarcalizada de sedes.
O terceiro punto da proposta, a defensa do emprego, define como obxectivo sindical a anticipación e actuación nos procesos de deslocalización. Para isto, hase desenvolver un protocolo de actuación para os casos de deslocalización e crise empresarial en Galicia.
No que atangue á formación para o emprego, o obxectivo prioritario é facilitar a inserción laboral da mocidade. Para isto proponse a regulación autonómica da FP dual —que favoreza o desenvolvemento e o acceso universal e en condicións de non discriminación—, así como reverter os fondos do sistema de formación para o emprego nos centros integrados de FP de titularidade pública autonómica, para convertelos nunha rede pública de centros de formación para o emprego.
Por último, no referente ás mobilizacións conxuntas, CCOO coida necesario estruturar unha resposta sindical unitaria en Galicia «que salve as seguras diferenzas conxunturais, normais nun espazo de leal competencia sindical», e propón un acordo para facer manifestacións conxuntas «nas datas de referencia comúns a todo o movemento sindical», amais doutras actuacións.
Fotografía: Gabinete de Comunicación de CC.OO.-Galicia
R.