Trabajadores del metal se movilizan en A Coruña, Santiago de Compostela y Ferrol en la primera huelga del sector después de 25 años

Rotundo éxito da primeira xornada de folga do sector do metal da provincia da Coruña. O seguimento, de media, superou o 90 % xa desde primeiras horas. No caso dos polígonos industriais de Ferrol, Fene, As Pontes, Santiago de Compostela e A Coruña, o seguimento é do 100%. Ao mediodía houbo manifestación en Ferrol (desde a praza de de España) e concentracións na Coruña (Confederación de Empresarios da Coruña) e Santiago de Compostela (Asociación de Empresarios do Tambre).
A folga terá continuidade o 27 de xuño e os días 4 e 5 de xullo. A convocatoria prodúcese como consecuencia do bloqueo das negociacións e o fracaso da mediación do AGA proposta pola patronal. O secretario xeral de CCOO-Industria, Víctor Ledo, lembra que as condicións de traballo de 18 000 persoas dependen deste convenio, cos soldos «conxelados» desde hai tres anos.
Desde CCOO, UGT e CIG critican que a patronal se negue a incluír aspectos como a subrogación do persoal, a articulación de mecanismos de fiscalización do labor das mutuas no tocante ao control da seguridade laboral dos traballadores, así como acordos sectoriais no convenio como o das auxiliares de Navantia. As organizacións sindicais tamén esixen unha cláusula de revisión salarial que garanta o poder adquisitivo por riba do IPC, a activación dos pluses de antigüidade e xefatura de equipo, un maior control sobre as ETT e chegar a unha porcentaxe mínima de contratos indefinidos do 60 %.
Segundo os sindicatos, parte da patronal estaría disposta a incluír os devanditos acordos, pois entenden que incluso serían positivos xa que eliminarían a crecente competencia desleal nas licitacións. Porén, a representación das empresas na mesa de negociación «parece estar secuestrada pola parte menos razoable ou por intereses alleos ao sector», censura CCOO.
Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de UGT-Galicia:
Dende UGT-FICA insístese en que xa van 18 reunións entre sindicatos e patronal e esta última non acepta practicamente ningunha das reivindicacións presentadas polos sindicatos. Ademais de non avanzar, pretenden ir cara atrás porque persisten na idea de eliminar dereitos xa adquiridos como a revisión salarial ou afondar aínda máis na distribución irregular da xornada. Pola contra, os traballadores consideran que urxe a mellora dos salarios, establecer a subrogación no sector, trasladar os acordos á industria auxiliar do naval, regular as gardas localizadas fóra de xornada, mellorar as licenzas retribuídas, limitar a utilización das ETT`s e non aumentar nin desregularizar aínda máis a distribución da xornada irregular.
O Sindicato cre que a implicación dos traballadores nas xornadas de folga e nas mobilizacións convocadas conseguirá mudar a situación de parálise actual. Precisamente, para informar aos traballadores do seu dereito a folga e da importancia de participar na mesma de cara a buscar unha saída equilibrada e xusta para o convenio do metal da provincia de A Coruña, UGT-FICA adianta que despregará piquetes informativos nas comarcas de Compostela, Ferrol e A Coruña.
Fotografía: Gabinete de Comunicación de CC.OO.
R.