Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Entrega de las Medallas Castelao: Feijóo apuesta por perfeccionar el Estado autonómico sin liquidarlo

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O 28 de xuño de 1936 o pobo galego acudía ás urnas para plebiscitar un Estatuto de Autonomía que, como se sabe, debido á guerra fratricida entre nós, non puido aplicarse.

O 28 de xuño de 1984 retornaban a Galicia os restos de Alfonso Rodríguez Castelao, despois dun exilio cruel que, no entanto, non lle impedira estar sempre en Galiza e imaxinar para o seu país un futuro esperanzado. Velaí dous fitos agridoces que falan de posibilidades abortadas e de vidas apagadas.

Son momentos da nosa historia que invitan a pensar que sucedería se aquel Estatuto entrase en vigor, ou se aquel político e artista puidese verter na súa terra a súa paixón, a súa sabedoría, a súa comprensión íntima da identidade galega. Non o sabemos. Tampouco está nas nosas mans cambiar o pasado para facelo máis acorde cos nosos desexos no presente.

Pero si logramos entre todos construír un país dotado dun Estatuto de Autonomía elaborado co pobo e para o pobo, amparado por unha Constitución española que recoñeceu a personalidade galega, e inserto nesta Europa que tanto anhelaron os pais do galeguismo.

Si logramos construír entre todos un país sen exiliados, un país plural e onde cadaquén pode perseguir ao seu xeito a felicidade, como propón con palabras cheas de beleza, a Declaración de Independencia dos Estados Unidos.

Un bo reflexo do éxito colectivo que é a Galicia contemporánea está no novo significado do 28 de xuño, que non evoca instantes amargos senón que se transforma nun día para loar o que somos a través de figuras comprometidas. Permítanme que no día de hoxe lles pida recordar de xeito especial unha delas, que nos acaba de deixar: Alfonso Zulueta, Medalla Castelao 2000 e xa galego ilustre para sempre.

Desde 1984, o 28 de xuño é sinónimo de biografías nas cales a galeguidade se manifesta de forma moi diversa pero en todas de forma moi intensa. A esa admiración, que os galardoados deste ano coa Medalla Castelao merecen, habería que engadir unha reflexión sobre o contorno no que inevitablemente está inserta a Galicia de hoxe.

O tamén Medalla Castelao e gaiteiro Carlos Núñez dixo nunha ocasión que os galegos debemos facer do mundo a nosa casa. Dito noutras palabras, os galegos debemos aproveitar a globalización. Convén resaltalo nun tempo no que a globalización é convertida por algúns na orixe de todos os males, e o proteccionismo na solución para todos os problemas.

Como en tantas outras cousas, estase producindo un debate sesgado no que se opón a un modelo que existe na práctica, outro meramente teórico e non probado.

Non todo é bo na globalización, nin na Unión Europea, nin na actual España das autonomías. A globalización hai que gobernala. Á Unión Europea hai que darlle un novo pulo social. A estrutura autonómica pode e debe ser perfeccionada.

Pero nin o retorno ás fronteiras, nin o esmorecemento do proxecto europeo, nin a liquidación irreflexiva do Estatuto e do Estado autonómico, levan a ningures. Mellor dito, levan á frustración, ao enfrontamento e á división.

Galicia é un dos primeiros pobos globais, como resposta a un illacionismo imposto que afogaba as nosas enerxías. O noso país é a proba de que o modelo proteccionista conduce á pobreza, ao atraso e mesmo á perda da identidade. Galicia rexorde cando se proxecta ao exterior.

Estas décadas demostran ademais que a galeguidade non se protexe con muros, senón cunha permanente interrelación coas culturas veciñas.

Hai pouco, un mozo galego residente en Londres protagonizaba un exemplo de globalización solidaria contra a senrazón terrorista. Ignacio Echeverría morreu defendendo os valores que Galicia comparte cos pobos libres do mundo. Coincidirán comigo en que é un orgullo ser compatriota seu.

Señoras e señores. Cristina Pato enriquece a música latina, o pop, o funky, o jazz, o blues, e incorpora ao seu repertorio estilos impensables. Como se dicía na presentación do concerto de despedida ao director musical da New York Philharmonic na que ela participou hai pouco, ‘a música ten o poder de unir a través das fronteiras’.

Tamén a cociña. O Grupo Nove, que agora xa son 24, acompasa a súa gastronomía a unha Galicia aberta a todas as tendencias. O seu respecto á tradición culinaria non consiste en hibernala, senón en facer que medre. É o seu un tradicionalismo innovador, ou unha innovación tradicional.

Os cen anos de vida do Oceanográfico de Vigo fixeron del unha referencia internacional. Grazas ao traballo de tantos profesionais, Océano xa non equivale a algo descoñecido, senón a un medio que se coñece, se investiga e que convén protexer. Grazas aos científicos e á totalidade do persoal deste centro temos un lugar no mundo na investigación oceanográfica.

As noites craras de luar de Rosalía de Castro teñen desde hai anos un novo significado da man de Xosé Ramón Gayoso, a quen lle debemos tamén unha aposta precursora polo aforro enerxético, co seu ‘apaga o candil’. Rompe esa falsa dicotomía entre a televisión popular e a televisión de calidade, para ofrecerlle á audiencia da televisión pública de Galicia un espectáculo digno, amable, un espectáculo que recuperou moito do que tiñamos esquecido, e igualmente aberto a todas as correntes musicais.

Gayoso estivo desde o primeiro día na Compañía de Radio Televisión de Galicia e segue a estalo hoxe, na canle autonómica con maior audiencia de todas as canles autonómicas de España.

Xunto aos galegos por nacemento, hai galegos por vontade. Poucas biografías máis globais que a de Xusto Beramendi. Nace en Madrid. A súa nai é vasca, o seu pai madrileño e unha avoa é oriúnda de Asturias. Vive en Almería e chega a Galicia para converterse nun dos nosos historiadores máis senlleiros. O seu De provincia a nación é o máis semellante a unha epopea na que o galeguismo camiña na busca da súa definición.

O problema de moitas das etapas desa andaina que nos relata Xusto Beramendi é que o galeguismo elaborado polos pensadores que o cultivan, tivo poucas oportunidades de ser contrastado co sentir popular.

Existiu sempre un galeguismo espontáneo, sentido pola xente, e outro formulado por teóricos e intelectuais, sen que ambos puidesen interactuar debido á carencia dunha democracia plena, estable e duradeira. Xa estamos nesa democracia, e xa existe un galeguismo compartido definido periodicamente pola vontade popular.

Creo que ese galeguismo común atopou unha definición do que somos que, como ocorre con moitas cousas na democracia, non satisfai a todos pero non exclúe a ninguén.

A Constitución Española, o Estatuto de Autonomía de Galicia, e o pobo galego que os ratifica, conságrannos como nacionalidade histórica. O Estado autonómico é perfectible, pero sería un erro darlle prioridade a un debate nominal que pode ensombrecer outros máis relevantes como a solidariedade real entre os territorios que o conformamos. Nada gañaría o noso país se o cambio onomástico fose acompañado da ruptura dos vencellos solidarios, é dicir, da ruptura da xustiza social e, sobre todo, tamén da xustiza territorial.

Sostén Xusto Beramendi que ‘a idea de Galicia como un conxunto diferenciado do que a rodea, nace cos romanos’. Ingresamos polo tanto na historia da man dunha República e un Imperio globais.

Agora Galicia está nun Estado democrático e nunha Unión Europea democrática, nos que quere ser protagonista defendendo o seu modelo político e o seu modelo de convivencia. Aprendemos que non hai modelos alleos que sexan mellores que o definido polos nosos cidadáns.

Sobre o egrexio persoeiro que dá nome a estas medallas, dixo o noso historiador que ‘ten o destino dos grandes homes: acabar sendo de todos’.

É o que lles sucede ás mulleres e homes galardoados hoxe. Son de todos. Grazas a xente coma eles, Galicia ten cada ano un 28 de xuño no que non hai oportunidades perdidas nin esperanzas rotas, senón historias de éxito, historias de superación e historias de compromisos.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.