Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

PSdeG y BNG coinciden en reclamar un pleno extraordinario del Parlamento de Galicia y la comparecencia de Feijóo sobre la AP-9

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, asegurou que “botarlle a culpa ao Presidente da Xunta da non transferencia da AP-9 a Galicia é non entender a dinámica de traspasos neste momento en España nin as relacións que existen entre un goberno autonómico e o traspaso de competencias”. Neste sentido, indicou que “o lóxico sería manter a unidade de accións que pediu o Presidente da Xunta para este proxecto” e lamentou que as declaracións que están a realizar os grupos da oposición “non axudan” para conseguir o traspaso da AP-9.

“Se alguén pensa que a maior dificultade para o traspaso da AP-9 é o Presidente da Xunta é que non entende nada de que vai esta transferencia, tendo en conta que xa foi pedida por outros gobernos galegos e estando gobernos de distintas cores en Madrid”, manifestou Pedro Puy.

Neste sentido, explicou que esta situación “non ten que ver con quen sexa o Presidente da Xunta, senón coa situación política en xeral”. “Vivimos nun estado de corte federal no que hai conflitos e pode haber determinadas comunidades autónomas que piden traspasos que o Estado estima inconveniente, tendo en conta que se apela a un artigo que efectivamente permite que o propio Estado sexa quen decida se a petición das comunidades autónomas se realiza ou non”, apuntou.

Puy considerou “evidente” que o actual Presidente da Xunta “está impulsando, como fixo cando estaba na oposición, o traspaso da AP-9, que incluso pode xerar algún problema nas relacións cun goberno do PP en Madrid como consecuencia desta discrepancia”.

“Se o que se quere é pensar que o problema non está no Estado, que é quen veta o traspaso, senón en quen o pide, podo entender que preocupa menos o traspaso que intentar botarlle a culpa a quen non ten a responsabilidade dese traspaso”, manifestou.

O portavoz popular lembrou que o Presidente da Xunta “pediu unanimidade e apoio para este proxecto, e este tipo de declaracións dos portavoces da oposición non axudan”. “Sería mellor que os portavoces insistiramos na conveniencia deste traspaso e non en botar a culpa de que ese traspaso non se produza como consecuencia da estrutura federal do Estado e de circunstancias noutras comunidades que poden afectar á posición do Estado en materia de transferencias, que confiamos poder sortear para conseguir o traspaso”, engadiu.

Puy afirmou que a demanda de traspaso da AP-9 “vén demostrar que a maioría dos traspasos previstos tanto na Constitución como no Estatuto de Autonomía están realizados”, polo que situou “no financiamento o debate importante neste momento”.

“O que importa agora son outras cuestións, como o financiamento autonómico, o que non quere dicir que esteamos a favor dalgunha transferencia adicional, como a AP-9”, concretou. Así, dixo que “hai pouco que transferir e o fundamental é que o Estado, nestes momentos que hai ameazas claras de ruptura da organización territorial do Estado, tende a non ser especialmente propicio”.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:

O portavoz parlamentario dos socialistas galegos, Xoaquín Fernández Leiceaga, anunciou que o seu grupo vén de activar a petición dunha reunión da deputación permanente co respaldo dos outros dous grupos da oposición. O obxectivo é convocar canto antes un pleno extraordinario para darlle a Feijóo “a oportunidade de rectificar” despois de “erosionar a posición de Galicia” na reclamación da transferencia da AP-9 tras ter chegado a un acordo unánime no Parlamento de Galicia.

“Chamame a atención de forma intensa que desde a presidencia da Xunta un dos últimos cometidos sexa o de erosionar a posición de Galicia poñendo en cuestión que sexa interesante para nós que a AP-9 se xestione desde a comunidade autónoma”, explicou Leiceaga, algo que non representa a realidade. “A transferencia é unha oportunidade para Galicia, non un problema. Non entendemos a posición do presidente da Xunta de complicidade pactada con Fomento, que significa dicir unha cousa en Galicia e facer outra en Madrid, nin a submisión e servilismo ás posicións mantidas por Fomento”.

Leiceaga lembrou que no último pleno instou a Feijóo a tomar dúas medidas: por unha banda romper relacións co ministro de Fomento e paralizar a comisión mixta de xestión da AP-9, e por outra desplazar a Madrid unha comisión integrada por todos os grupos parlamentarios galegos para trasladarlle á presidenta e a Mesa do Congreso a postura de Galicia. Ante a negativa de Feijóo, os socialistas activan os mecanismos parlamentarios para a reunión da deputación permanente co obxectivo de trasladar unha nova iniciativa para a transferencia nun pleno extraordinario.

O socialista reprochoulle a Feijóo que tras a posición unánime do Parlamento galego agora fale de que a transferencia pode ter consecuencias financeiras negativas e un custo para os cidadáns. “Chama poderosamente a atención porque non representa para nada a realidade. A AP-9 agora é un negocio ruinoso para os cidadáns de Galicia, é un magnífico negocio para a concesionaria e para a Administración Xeral do Estado”, explicou, lembrando a ampliación da concesión asinada polo goberno de Aznar e Álvarez Cascos.

Nesta liña, argumentou que dos 138 millóns dos ingresos por peaxes en 2016, 45 millóns son beneficios para a concesionaria destinados a reparto de dividendos, e outros 45 millóns están destinados ao pago de impostos e tributos que na maior parte van ás arcas do Estado –o resto son gastos de explotación e financeiros-. A pesar de que unha pequena parte vai para subvencións das peaxes, queda un remanente considerable para o Estado. “Só con que Fomento non se lucrase coa AP-9 e que o recibido en impostos fose para a Xunta, coa nova titularidade, poderíase facer unha rebaixa bastante substancial das peaxes”, afirmou Leiceaga, para quen a transferencia debe ir acompañada dunha negociación financeira en favor de Galicia e dos usuarios da autoestrada.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:

O BNG considera que hai dúas cuestións que non poden quedar aparcadas ata o inicio do novo curso político e solicita a comparecencia urxente do presidente da Xunta en pleno extraordinadio para que dea explicacións sobre a situación da AP9 e do transporte público. Por iso solicita a reunión da Deputación Permanente.

En relación á AP9, a dirixente nacionalista ve necesario que Feijóo dea explicacións despois de que puxera en dúbida a viabilidade da transferencia que reclama o Parlamento e, en relación ao conflito do transporte público, o BNG urxe explicacións pola desaparición do transporte escolar que co plan da Xunta pasa a realizarse no servizo regular de pasaxeiros.

“Vemos con moita preocupación as últimas declaracións de Feijóo en relación a conseguir a transferencia da AP9 que soan a pitorreo e tomadura de pelo, porque só pode cualificarse deste xeito que cuestione a viabilidade da transferencia por sete millóns de euros, xusto no momento en que Rajoy pon sobre a mesa 4.000 millóns de euros para rescatar as radiais madrileñas”, alegou a portavoz do Bloque.

Ademais, o BNG formula unha batería de propostas sobre a xestión de Audasa: levantar as barreiras cando as colas superen o quilómetro de retención, sancionar a concesionaria polas retencións que xa houbo, -“porque é a única maneira de evitar as miles de galegos e galegas queden atrapados nas cabinas”-, e abaratar as peaxes nos tramos en obras. “Feijóo non pode escorrer o vulto e irse de vacacións”, indicou.

O Bloque tamén pide que o presidente da Xunta explique a situación do transporte público tras o conflito derivado pola “chapuza” de plan aprobado polo Goberno. “Ten que explicar que medidas vai tomar con este tema, porque impórtanos moito o impacto no transporte escolar xa que agora os nenos e nenas van ir aos centros no transporte de liña regular facendo”, explicou. Fai falta diálogo con todos os axentes implicados, empresas e traballadores do sector, concellos, comunidade educativa e forzas políticas, instou.

Pontón pediu transparencia e, neste sentido, demandou a publicación de todas as empresas que solicitaron participar na adxudicación de liñas e o listado das empresas ás que se vai convidar, “porque pensamos que esa información pode desvelar que se esconde detrás do plan da Xunta”, alegou.

A dirixente do Bloque tamén fixo balance do actual período de sesións que, dixo, demostra a atonía e a falta de iniciativa do Goberno. “Presentamos 1.645 iniciativas na Cámara, esforzándonos por levar o Parlamento á rúa e darlle voz a todos os colectivos, con propostas de calado como a tarifa eléctrica, sistema de financiamento, plan de loita contra o desemprego, a precariedade laboral e a emigración”.

Por contra, dixo, “temos un Feijóo encastelado en Montepio, ausente nos grandes debates e incapaz de defender os intereses de Galiza, ao contrario fai que perdamos oportunidades e nos quedemos atrás”. A isto hai que sumar a “incapacidade” do xefe do Executivo para dialogar e chegar a consensos en temas claves para o país.

Como exemplos do “inmobilismo” do presidente galego Galiza está ausente no debate do futuro sistema de financiamento, ausente no debate da modernización do ferrocarril, no debate dos orzamentos do Estado cun recortazo de 442M€, ou ausente do debate territorial de cara a conseguir un novo status para Galiza.

“Nesta lexislatura aumentou o síndrome de Montepio de Feijóo, e vemos como medrou a súa soberbia en asuntos clave para o país rexeitando a man tendida do Bloque en cuestións como emigración xuvenil, I+D+i ou Plan forestal e loita contra o lume”, denunciou a portavoz nacional, “porque confunde ter maioría absoluta con ter razón”,concluíu.
R.