CC.OO. insiste en su oposición al anteproyecto de la Xunta para modificar la Ley de Salud de Galicia
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/no_ley_salud.jpg)
CCOO critica que o anteproxecto se elaborou «de costas» á representación legal das traballadoras e dos traballadores da sanidade. Os sindicatos non foron consultados en momento ningún, é máis, o texto do anteproxecto foi publicado no Portal de Transparencia da Xunta horas antes de llelo remitir formalmente ás organizacións sindicais. «Así é como concibe o noso Goberno a negociación e a transparencia», censura Ángel Cameselle, secretario xeral de CCOO-Sanidade.
A Federación de Sanidade de CCOO rexeita a supresión das áreas sanitarias de Monforte de Lemos, O Barco de Valdeorras, Burela e O Salnés. A conversión destas áreas en distritos «supón unha penalización», asevera Cameselle. O sindicalista prevé que esta decisión obrigue os doentes a se desprazaren a outros hospitais, ao tempo que aumenten a «precariedade e marxinación» dos centros de saúde dos futuros distritos.
Canto ao aspecto laboral, Cameselle censura que o anteproxecto non clarexe as repercusións para o persoal en materias como ofertas públicas de emprego (OPE), mobilidade voluntaria e forzosa ou novas contratacións, entre outras.
Outro argumento da Xunta é o suposto achegamento da sanidade e dos seus profesionais á cidadanía, para converter o doente no «centro» do sistema. Porén, «farán xustamente o contrario», asegura Cameselle: «con menos medios nos hospitais comarcais, a alternativa será desprazarse a Lugo, Ourense ou Pontevedra, incluso acudir a centros privados».
Amais de rexeitar o anteproxecto e reivindicar unha negociación «real», CCOO-Sanidade esixe máis e mellores recursos para a sanidade pública, comezando por unha «OPE excepcional» que permita reducir a eventualidade e recuperar o emprego perdido nos últimos anos.
O sindicato pide tamén dotar de servizos e persoal os centros precarizados, especialmente as catro áreas sanitarias que se prevé suprimir, así como os hospitais de Verín, O Barbanza e Cee; acabar cos peches de camas e abrir tanto os quirófanos como os servizos centrais —laboratorios, radioloxía e consultas— na quenda de tarde; contratar persoal para os hospitais —en vez de lles dar prioridade ás peonadas— e nos centros de atención primaria —rematando coa voluntariedade—; dotar de persoal e recursos a atención primaria; por último, reverter as privatizacións e concertos na sanidade pública.
Fotografía: Gabinete de Comunicación de CC.OO.-Galicia
R.