La Casa do Saber de la USC acoge la proyección de 34 cortometrajes en la XXXIX Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/semana_cine_lugo_2017_pres.jpg)
A Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo rende nesta trixésima novena edición unha particular homenaxe ao mindoniense Victoriano López García, o primeiro lugués en acadar un Premio Goya. Co gallo desta homenaxe, a XXXIX Semana de Cine de Autor de Lugo inclúe entre as súas proxeccións a do filme ‘Una cubana en España’, en cuxa rodaxe participou como axudante de cámara Victoriano López García. A presentación dun libro sobre a vida e o legado deste cineasta mindoniense é outro dos actos programados no marco desta homenaxe.
O presidente do Grupo Cinematográfico Fonmiñá, a entidade promotora e organizadora da Semana Internacional de Cine de Autor de Lugo, Xulio Xiz, sinalou que este evento mantén unha estrutura semellante á das últimas edicións. Daquela, indicou que o auditorio municipal Gustavo Freire, ademais de acubillar as galas inaugural e de clausura desta cita, programadas para os días 18 e 23 de setembro, tamén será a sede na que se proxectarán as producións incluídas na sección oficial, así como nos ciclos infantil e ‘O mellor do ano’.
O público interesado poderá visualizar na Biblioteca Provincial de Lugo as películas incluídas na sección ‘E para comer... Lugo’. O Salón de actos da Deputación Provincial, o Museo Provincial e o Museo Interactivo de Historia de Lugo (MIHL) acubillarán respectivamente as proxeccións das producións cinematográficas que conforman os ciclos Cine galego, Arte de cine e Grandes Historias. Asemade, o Vello Cárcere será tamén escenario das producións cinematográficas incluídas no ciclo Cine de cárceres.
O presidente da Deputación Provincial de Lugo, Darío Campos Freire, presentou no lugés Pazo de San Marcos a XXXIX Semana Internacional de Cine de Autor, no marco dun acto no que tamén participaron o vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno; a xefa do Servizo de Coordinación da Área Cultural da Xunta de Galicia en Lugo, María José Gómez; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e a responsable de Acción Cultural da Consellería de Cultura e Educación en Lugo, así como o presidente do Grupo Cinematográfico Fonmiñá, Xulio Xiz, e o director da XXXIX Semana de Cine de Autor de Lugo, Manuel Curiel.
Fotografía: Gabinete de Comunicación de la USC
R.