Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

En Marea denuncia que Feijóo da por finalizada la crisis económica pero los presupuestos de 2018 no recuperan su carácter social

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, manifestou que os “orzamentos expansivos” da Xunta de Galicia para 2018 “permitirán trasladar esta etapa de crecemento económico a un maior número de persoas que aínda padecen as consecuencias da crise”.

Nese sentido, salientou que “as contas de Galicia están consolidadas” e mostra disto é que “teñamos 1.000 millóns de euros de aforro primario que se poden destinar a investimentos, que equivalen aos 1.000 millóns de aforro de capital”.

Pedro Puy informou que a Mesa da Comisión 3ª aprobou esta mañá o calendario de comparecencias de representantes da Administración galega sobre os orzamentos para o vindeiro ano, que darán comezo o xoves co conselleiro de Facenda. A continuación, pasarán polo Parlamento todos os demais membros do Goberno galego, así como os presidentes do Consello Consultivo de Galicia, do Consello Económico e Social e do Consello da Cultura Galega; o director xeral da Corporación de Radio e Televisión de Galicia; e os presidentes das catro deputacións provinciais. Este ano, os entes instrumentais que tamén presentarán os seus presupostos na Cámara galega serán a Axencia de Turismo de Galicia, a Axencia Galega de Innovación, o Consorcio Galego de Benestar e Portos de Galicia.

Respecto do listado de comparecencias solicitado polos grupos da oposición, Puy criticou que inclúan “responsables de organismos que non existen, como a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, que foi substituída hai dúas lexislaturas pola AMTEGA; o director da Fundación Escola Galega de Administración Sanitaria, que se integrou na Axencia de Coñecemento e Administración da Saúde; ou a secretaria xeral de Familia e Benestar, que non figura no organigrama da Administración galega”.

Respecto dos orzamentos, o portavoz popular amosou a satisfacción polo seu carácter expansivo e “ambicioso no ámbito da creación de emprego, tanto desde o punto de vista do sector privado como polo número de prazas de emprego público que está previsto que se creen”.

Así mesmo, salientou que “se centran no mantemento e mellora do gasto social, dado que tres de cada catro euros van estar dedicados a sanidade, educación e políticas sociais”, ao tempo que recollen 1.570 millóns de euros para investimentos. “O feito de que teñamos 1.000 de euros de aforro primario, que se poden destinar a investimento é un síntoma de que a economía galega está nunha situación de consolidación e non necesidade de axustes no gasto”, sinalou.

Pedro Puy tamén destacou o mantemento das políticas fiscais progresivas e apuntou que “caen os gastos financeiros porque as necesidades de endebedamento de Galicia se reducen considerablemente”.

“Confiamos que no debate dos orzamentos, no que non é sempre fácil chegar a acordos, a oposición sexa coherente e non nos atopemos con situacións como algunhas valoracións que xa se fixeron de que somos pouco ambiciosos no déficit públíco, no endebedamento e gasto público, pero ao mesmo tempo se nos critica, pese a que somos a segunda comunidade autónoma que menos se endebedou na época da crise, que nos endebedamos”, manifestou.

Cuestionado sobre os incendios forestais, Puy criticou que a oposición “desde o mesmo luns pasado, cando aínda non rematara a vaga de lumes e xa estaban organizando manifestacións, estea intentando sacar réditos políticos desta cuestión”.

“O Grupo Popular entende que o Goberno ten que actuar sobre as consecuencias que estes lumes deixaron no noso país, para o que se están valorando, non só pola Xunta senón tamén polas administracións locais, os danos para concretar as necesidades”, dixo.

Pedro Puy lembrou que “os lumes xeraron moito pánico e, con independencia de que fosen o resultado dun tipo ou doutro de actividade, o certo é que foron en moitos casos incendios intencionados dirixidos a provocar danos materiais moi cerca de persoas e vivendas”.

“Empecemos por recoñecer o que todo o mundo sabe: os incendios son a consecuencia de alguén que prende lume, e o monte non bota só a arder”, polo que afirmou que “hai unha actuación humana intencionada, neste caso moi cerca de centros urbanos e de casas, que xerou situacións de pánico e terror e, neste caso, con consecuencias fatais para vidas humanas”.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de En Marea:

Os Orzamentos da Xunta para 2018 supoñen unha barreira máis de cara a solucionar os principais problemas da cidadanía e pon en entredito o discurso da recuperación económica promovido pola Xunta. Así valoraron o voceiro de En Marea Luís Villares e mailo voceiro de Economía no Parlamento Manuel Lago as contas presentadas na Cámara.

Para Luís Villares “os orzamentos da incompetencia e do abandono xa están aquí, a mesma incapacidade e abandono que demostraron na xestión dos lumes”. Tamén cuestionou duramente que a Xunta renuncie a aplicar a fase alcista do ciclo para darlle a volta aos recortes dos últimos anos, pois as contas que presenta medran moi por baixo do crecemento da economía.

Ademais, “rexeitamos uns orzamentos”, dixo, “que non lle serven á mocidade, nin ás persoas desempregadas, nin aquelas que están en risco de pobreza e as que cobran por debaixo do salario mínimo” cos que o PP renuncia a intervir para lograr maiores cotas de benestar e progreso social.

Pola súa banda, Manuel Lago pregúntase por que “temos que vivir peor” se no ano 2018 o nivel de PIB de Galicia vai ser o máis alto da historia. “Por que se o nivel de PIB xa é superior o de 2009 o orzamento da Xunta é un 22% máis baixo en termos reais, é dicir, temos un 22% menos de recursos para financiar servizos, prestacións públicas e investimentos?”, inqueriu o parlamentario de En Marea.

Ademais, cualificou os orzamentos da Xunta para 2018 de “decepcionantes, restritivos, antisociais e continuistas”, pois renuncian a aproveitar a fase alcista do ciclo para empezar a darlle a volta aos recortes e a cifra na que se incrementan é tan pequena que “habería que agardar ata 2030 para recuperar o nivel de gasto en termos reais”.

Tampouco contempla “medidas para axudar aos 201.400 desempregados, aos 700.000 que están en risco de pobreza ou exclusión social, aos 300.000 asalariados que non chegan ao salario mínimo, para o medio millón de pensionistas que cobran menos de 700 euros”.

Finalmente o voceiro de En Marea Luís Villares sinalou que “En Marea non se resigna” presentou a alternativa aos orzamentos, na que se plantexa un incremento de 500 millóns de euros para facer fronte aos retos existentes. “de xeito semellante a como fixemos o ano pasado e despois a realidade nos deu a razón”.

Con estes recursos En Marea propón financiar programas e propostas de urxencia para desenvolver unha renda social contra a pobreza extrema, un programa contra a pobreza enerxética e dotar de recursos necesarios para levar adiante unha ambiciosa política de emprego que nos permita recuperar o peso perdido na poboación ocupada dende o ano 2009.
R.