Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

La oposición pide la comparecencia de la conselleira de Medio Rural y el cese del director xeral de Ordenación Forestal, Fernández-Couto

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de En Marea:

En Marea pide a comparecencia da conselleira de Medio Rural para que explique o proceso de adxudicación dos helicópteros contra o lume tras unha denuncia realizada pola CIG. Ao tempo, En Marea volve pedirlle a Feijóo o cese inmediato de Fernández-Couto como responsable da política forestal dos últimos anos en Galicia e pola xestión desastrosa da vaga de lumes do domingo negro.

Ademais de solicitar a comparecencia da conselleira, En Marea pediu no pleno parlamentario que o presidente da Xunta cese a Tomás Fernández-Couto pola seu fracaso á fronte da dirección xeral de Montes.

Luís Villares explicou no pleno no que reiterou a necesidade do seu cese que a Xunta de Galicia ía cambiar a súa política forestal despois do ocorrido no domingo negro nos montes de Galicia, “quere dicir que alguén debe asumir os erros cometidos ata agora” e nese lugar de responsabilidade está claramente Fernández-Couto, según sinalou no pleno o voceiro de En Marea.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, José Antonio Quiroga, esixiulle á conselleira de Medio Rural que compareza de forma urxente no Parlamento para dar “explicacións claras e convincentes” logo de coñecer a imputación do director xeral de Ordenación Forestal pola adxudicación de helicópteros contra incendios.

O responsable socialista urxiu ao goberno galego a “tomarse dunha vez en serio” a urxente e inaprazable modificación da política forestal logo dunha vaga de incendios que acabou coa vida de catro persoas e calcinou 50.000 hectáreas en pleno mes de outubro e que deixou en evidencia o fracaso da xestión do goberno galego.

Lembra que os socialistas galegos reclamaron xa a dimisión tanto do director xeral, que leva no cargo dende 1996 ata hoxe agás o período do goberno de Pérez Touriño, como da propia conselleira como máximos responsables da política forestal de Galicia. Esta nova imputación “acaba coa paciencia dos galegos e galegas, fartos da xestión imprudente e temeraria do goberno galego”.

Sinala que foi a imprudencia e falla de previsión deste alto dirixente e do goberno galego os que axudaron a converter en catastróficos os incendios de outubro, que levaban varios días activos. Daquela os galegos e galegas, sinala, “observamos atónitos como os 6 helicópteros contra incendios e 2 de coordinación estaban inactivos, xunto coas 125 brigadas de Seaga e o 75 por cento das brigadas municipais”.

Engade que “o goberno galego debe deixar de buscar cabezas de turco, tanto sexan imaxinarios, como os supostos terroristas incendiarios, como a climatoloxía, os lumes en Portugal ou os propios concellos, e comezar a asumir as súas propias responsabilidades para cambiar a política forestal de Galicia”.

Quiroga sinala que a utilización de medios privados para a extinción de incendios “fai tempo que vén levantando dúbidas” e reclama un “modelo de xestión público” e sobre todo centrado na prevención, “antes de mobilizar un tremendo orzamento de máis de 100 millóns de euros para extinción, unha política demasiado pasiva e confiada ao sector privado”.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del BNG:

O BNG non está disposto a que o PP se limite a despachar a vaga de lumes eludindo calquera responsabilidade e limitándose a anunciar unha serie de medidas recicladas ou xa previstas na normativa en vigor. Por contra, insiste en que é preciso crear unha comisión que analice e investigue os fallos cometidos, estableza como evitalos ante unha situación similar e propoña medidas para mudar o rumbo da política forestal fracasada dos últimos 30 anos.

Por iso, a portavoz nacional, Ana Pontón, pide ao PP que “consensúe con todos os grupos da Cámara” o obxecto da comisión parlamentaria anunciada polo presidente da Xunta, “para que resulte un instrumento útil para corrixir erros e acadar propostas de futuro, sen vetos, sen límites nin muros de contención. É unha oferta de diálogo que o PP debería aceptar en lugar de impoñer o rodillo ante o que foi a maior vaga de lumes da década”, salientou a dirixente nacionalista.

En previsión de que Feijóo opte por seguir no seu papel de “presidente entronado”, o BNG formula unha segunda alternativa para sortear un posible veto do PP á investigación da xestión dos incendios: solicitar a creación dunha comisión de investigación por parte dos tres grupos da oposición.

“Temos a posibilidade de actuar conxuntamente e, diga o que diga o PP, crear unha comisión de investigación. Por iso, téndolle a man a En Marea e ao PSOE para que, senón se produce ese consenso, lle deamos unha oportunidade aos galegos e as galegas para saber o que pasou e evitalo no futuro”, indicou Pontón, quen considera que investigar esta catástrofe “merece que os grupos da oposición apostemos por unha comisión de investigación utilizando os instrumentos que nos da o regulamento do Parlamento”.

Por se faltasen argumentos para esa investigación, a imputación do director xeral de Ordenación Forestal durante 17 anos, Tomás Fernández, engade razóns ao cese inmediato “dun dos homes de confianza de Feijóo”. “Preguntamos se o presidente da Xunta mantén esa confianza nunha persoa investigada pola suposta adxudicación irregular do contrato de helicópteros do servizo de extinción”, interpelou Pontón.

Unhas irregularidades que foran denunciadas polo Consello de Contas e sobre as que o BNG xa reclamaba en 2015 a realización dunha auditoría “á que a Xunta respondeu con opacidade e ca negativa a que houbese transparencia”. Esta imputación, subliña Pontón, resta argumentos a Feijóo e é unha evidencia máis da necesidade de investigar a xestión da vaga de lumes “e todo o que ten a ver co negocio que se oculta tras o lume”.

“Ninguén con sombra de dúbida pode seguir a fronte do dispositivo”, recalcou, Tomás Fernández “non pode seguir no cargo” tras a imputación, cando ademais é responsable de moitas das decisións “que teñen convertido Galiza nun polvorín”, como director xeral de Montes durante case dúas décadas, concluíu a portavoz nacional.
R.