Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Unanimidad entre los políticos gallegos para que se agilice el cumplimiento del pacto de Estado contra la violencia machista

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:

O Parlamento de Galicia aprobou a proposición non de lei impulsada polo Grupo Popular a través da que se insta á Xunta a intensificar a colaboración cas entidades locais que integran a rede de concellos en contra da violencia de xénero, de cara a conseguir unha maior efectividade dos recursos e procurar desenvolver conxuntamente accións no ámbito da sensibilización e a prevención; da información sobre os recursos e servizos existentes; da formación, tanto de profesionais como de persoal político; e da asistencia ás vítimas.

A portavoz de Igualdade, Marián García Míguez, situou “o traballo conxunto como pulso contra a violencia de xénero, e de aí esta proposición non de lei dirixida a intensificar a colaboración coas entidades locais que integran a rede de concellos contra a violencia machista”. Neste sentido, lamentou que En Marea, PSdeG e BNG rexeitaran apoiar esta proposta “en positivo, co único obxectivo de amosarlle á sociedade galega que estamos todos os grupos parlamentarios apoiando ás vítimas de violencia de xénero”.

García Míguez explicou que as mesas locais de coordinación institucional contra a violencia de xénero “son un instrumento operativo onde están representados todos os ámbitos municipais implicados, directa ou indirectamente, na loita contra a violencia de xénero”.

“Os seus obxectivos son moi concretos: a detección precoz dos casos; optimizar a coordinación dos axentes implicados; ofrecerlles unha atención e unha resposta áxil ás vítimas; mellorar a protección nos casos que presenten alto risco; e informar e sensibilizar na materia tanto a profesionais como á sociedade”, concretou.


Na actualidade, a rede galega de entidades locais contra a violencia de xénero conta con máis de 178 concellos adheridos, dos que 67 teñen constituída a mesa local de coordinación.

Por outra banda, o Grupo Popular tamén apoiou no Pleno a aprobación dunha proposición non de lei do Grupo Socialista a través da que se solicita ao Goberno central que cumpra e axilice na medida do posible os prazos establecidos para a implantación do Pacto de Estado contra a violencia de xénero, ao tempo que poña en funcionamento as medidas adoptadas, especialmente aquelas que teñen que ver coas entidades locais e o papel que lles corresponde no ámbito da atención e protección das mulleres vítimas, as súas fillas e fillos.

Nesta proposición non de lei tamén se incorpora a solicitude ao Goberno central para que de maneira urxente active e traslade as partidas orzamentarias acordadas para a execución dos acordos do Pacto de Estado ao conxunto das administracións implicadas: comunidades e cidades autónomas, deputacións provinciais, cabidos insulares e concellos.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:

O Pleno do Parlamento aprobou a proposición non de Lei do Grupo Socialista, para reivindicar o cumprimento coas medidas previstas no Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. A portavoz de Igualdade, María Pierres, presentou esta proposta para, dixo, “facer o comprometido, e facelo canto antes, como instrumento complementario á lexislación e coa correspondente dotación orzamentaria”.

A proposta pide a posta en marcha das medidas adoptadas no dito Pacto de Estado. Sinala así “especialmente aquelas que teñen que ver coas entidades locais e o papel que lles corresponde no ámbito da atención e protección das mulleres vítimas e as súas fillas e fillos”, e reclama as partidas orzamentarias acordadas para o seu cumprimento.

Pierres chamou hoxe a “facer que o que é un problema de Estado, que conlevou un Pacto de Estado, non sexa agora un fracaso de Estado”, e lembrou que se trata dun problema que “afecta a todos e a todas”.

Advertiu que “os métodos de protección das vítimas son insuficientes e ineficaces” como demostra que “se fracase na orde de protección dunha muller que solicita amparo e axuda, e que ese fracaso se materialice co seu asasinato”. Preguntou “como vamos trasladar a mensaxe de que é preciso denunciar se un 20 por cento das mulleres asasinadas en 2016 denunciaran previamente, e un 11,4 tiñan unha orde de protección en vigor”.

A deputada socialista lembrou que “a día de hoxe, oficialmente son 44 as vítimas de violencia de xénero, as mesmas que en todo 2016” e que agochan un dato “absolutamente demoledor e desalentador”. Aludiu a que “no que vai de ano teñen sido asasinados oito menores a mans dos seus pais -un deles galego-, por un asasinado en 2016”.

Sinalou que “os equipos de forzas de seguridade que atenden ás vítimas con protección son insuficientes e incapaces de asegurar esa vixilancia de agresor e velar pola seguridade das vítimas”. Ese é o caso, dixo, “no que podemos entender mellor a importancia de investir, e de facelo de urxencia” e o mesmo, engadiu, “hai que trasladalo á prevención, á formación e á especialización dos axentes do proceso de atención ás vítimas”.

Texto da iniciativa aprobada:

-“O Parlamento galego insta á Xunta de Galicia a solicitar do Goberno do Estado:

1.- Que se cumpran e axilicen na medida do posible os prazos establecidos, dado que o pacto de estado contra a violencia de xénero significa loitar contra un gravísimo asunto que afecta á seguridade das mulleres como cidadás.

2.- Que poña en funcionamento as medidas adoptadas no pacto de estado contra a violencia de xénero, especialmente aquelas medidas que teñen que ver coas entidades locais e o papel que lles corresponde no ámbito da atención e protección das mulleres vítimas, as súas fillas e fillos.

3.- Que de maneira urxente active e traslade as partidas orzamentarias acordadas para a execución dos acordos do pacto, ao conxunto das administracións implicadas: comunidades e cidades autónomas, deputacións provinciais, cabildos insulares e concellos.

4.- Dar traslado desta proposición e a súa aprobación ao presidente do Goberno, á ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, así como ao conxunto de ministerios implicados”.

Fotografía: Gabinete de Comunicación del PSdeG
R.