Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Audasa, la concesionaria de la AP-9, confirma que subirá un 4% el peaje en 2018. Fomento justifica el incremento y En Marea lo califica de atraco

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de En Marea:

Tras coñecer que o incremento das peaxes da autoestrada AP9 para o vindeiro ano 2018 será dun 3.81% (aínda maior que o 3.1% anunciado inicialmente e moi superior á media de incremento estatal), o vicevoceiro de En Marea Antón Sánchez cualificouno de “atraco a man armada a miles de usuarios e usuarias da vía, legalizado a través do BOE”.

“O señor Feijóo debe esixirlle ao Ministerio de Fomento a conxelación das peaxes para os vindeiros anos, pois non nos valen as explicacións das herdanzas recibidas”, declarou Sánchez que cuestionou o escaso peso político do presidente da Xunta en Madrid e instouno a explicarlle á cidadanía galega no seu tradicional discurso de Nadal por que o PP agasalla a AUDASA con máis millóns de beneficios á costa de galegos e galegas: “Se o discurso vai ser o da herdanza recibida será mellor que o faga o día dos Santos Inocentes, porque sería tomar á xente por parva”.

A actual situación da AP9 é para En Marea froito dunha responsabilidade compartida “dos sucesivos gobernos de Aznar, Zapatero, e Rajoy que nunca cuestionaron os privilexios da empresa AUDASA”. De feito, a ampliación da concesión en 2001 cando xa estaba amortizada e a fórmula de actualización anual dos prezos das peaxe pactada en 2002 foron ámbas baixo o mandato de Aznar e a a ampliación de Rande e a circunvalación de Santiago acarrearon por decisión do socialista José Blanco subas constantes durante 20 anos, semellante á decisión de Ana Pastor en 2013 de facer gratuíta a viaxe de volta entre Vigo e Pontevedra a cambio dunha evolución á alza dos prezos das peaxes. “Non debemos esquecer que a privatización vergoñenta, unha vez saneada con diñeiro público, a prezo de amigo foi levada a cabo polo goberno de Aznar, con consecuencias que estamos aínda a pagar”, lembrou Sánchez.

Decisións que favoreceron sucesivamente os intereses de Audasa mentres a empresa obtén uns beneficios que o vicevoceiro de En Marea cualificou de“indecentes”, en referencia aos 45 millóns de dividendos repartidos o ano pasado. “Un de cada tres euros do que que pagamos en peaxes é repartido en dividendos entre os accionistas de Audasa, un negocio sin parangón outorgado por unha Administración pública que privatizou a prezo de amigo esta infraestrutura para que se forrasen durante anos e anos os accionistas de Audasa a costa do peto de todas as galegas e galegos”, sinalou Antón Sánchez.

En Marea tamén destaca que a concesionaria da AP9 é a que recibe un maior número de reclamacións por parte dos seus usuarios e é tamén a que menos traballadores ten por quilómetro de autoestrada.

A deputada de En Marea, Alexandra Fernández, tamén presentou no Congreso unha batería de preguntas ao Ministro de Fomento para pedirlle explicacións por ter autorizado á concesionaria AUDASA a “abusiva suba nos prezos das peaxes” da AP-9 a partir de xaneiro de 2018 e durante un periodo de tres anos.

“De verdade considera que é soportable que os galegos e as galegas teñan que pagar cada vez máis por unha autoestrada que está amortizada e que é a vía fundamental que vertebra todo o territorio?”, pregúntalle a parlamentaria de En Marea ao titular de Fomento.
R.