Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

La oposición considera que la comisión de incendios de Galicia nace devaluada

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:

A Comisión de Estudo das reformas da política forestal e dos incendios forestais aprobou hoxe o seu Plan de Traballo, que incorpora a comparecencia de 65 persoas ou entidades, das que 41 formaban parte das propostas realizadas polos grupos da oposición; así como 47 solicitudes de documentación, das que 32 figuraban nas propostas de Plan de Traballo feitas pola oposición.

O portavoz do Medio Rural do Grupo Popular, José González, criticou que os grupos da oposición decidiran finalmente rexeitar este Plan de Traballo “coa única escusa de que non se incorpora a comparecencia do Vicepresidente da Xunta, a pesar de que este membro do Goberno xa compareceu neste mes de decembro no Pleno do Parlamento para informar sobre o traballo das emerxencias durante a vaga de incendios e formular propostas para a mellora deste servizo”.

José González subliñou que neste ámbito das emerxencias o Plan de Traballo incorpora a comparecencia tanto do director xeral de Emerxencias e Interior como do xerente da Axencia Galega de Emerxencias, co que se entende que xa está perfectamente representado na Comisión.

Na busca de consenso para a aprobación deste Plan de Traballo, González chegou a aceptar nun receso da Comisión a práctica totalidade das solicitudes de comparecencias e informes realizadas polos grupos da oposición, que finalmente se negaron a apoiar o Plan de Traballo pola ausencia do Vicepresidente do Goberno galego no listado definitivo.

O portavoz popular manifestou que “a total disposición do Grupo Popular para acadar o máximo acordo sobre este Plan de Traballo chocou coa negativa premeditada dos grupos da oposición a apoiar este plan, a pesar do que se aceptou desde o primeiro momento, incorporando 27 dos seus comparecentes e 19 solicitudes de documentación”.

Neste sentido, explicou que a proposta de Plan de Traballo do Grupo Popular “era un punto de partida, no que recollendo comparecencias e informes dos diferentes ámbitos relacionados co noso monte, debíase enriquecer coas achegas dos grupos da oposición”.

“Con este ánimo estivemos negociando ao longo do día de onte e de hoxe, ata o remate da Comisión, pero lamentamos que a oposición estea a buscar máis o ataque ao Goberno galego que a solución dos problemas reais dos galegos e, neste caso, no futuro dun monte galego multifuncional, vivo e dinámico, sustentable e rendible economicamente”

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, criticou os esforzos do PP por “devaluar” o Plan de Traballo da Comisión de Estudo sobre os incendios xudiciais “ata estremos que non parecen xustificables”. Así o dixo na sesión do órgano, que aprobou o plan de traballo co voto en contra dos socialistas ao impedir a comparecencia de Feijóo, Rueda ou a conselleira Mato.

Os representantes socialistas no dito órgano, o portavoz e o responsable de Política Forestal, José Antonio Quiroga, sinalaron as “carencias importantes” dun plan de traballo que elude deliberadamente os “puntos sensibles” da política de extinción e prevención de incendios do goberno galego. Consideran que este motivo provoca unha concepción con importantes “taras” e un plan de traballo “coxo”.

O PP negouse a incorporar ao presidente da Xunta, ao máximo responsable dos servizos de emerxencias, que é o vicepresidente da Presidencia, ou da conselleira de Medio Ambiente.

Fernández Leiceaga amosou ademais a súa sorpresa polo escaso esforzo realizado polo PP e o goberno galego á hora de engadir os informes para estudar as causas confrontar diferentes teses que permitiran acreditar ou non a existencia do terrorismo incendiario. Lembrou o termo acuñado, pero nunca demostrado, polo presidente da Xunta para explicar a vaga de lumes que en outubro calcinou 49.000 hectáreas e acabou coa vida de catro persoas.

Así, negáronse a incorporar o informe da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Glaicia sobre as persoas postas a disposición xudicial e as dilixencias xudiciais ao respecto, o informe do TSXG. Tampouco quixeron solicitar a relación de casos xudiciais por motivos de incendios forestais nos que se personou a Xunta ou as condenas e sancións por motivos de incendios forestais, sinalando aqueles nos que se personou o Goberno galego.

Si que foron incorporadas sen embargo as peticións dos socialistas galegos para solicitar a comparecencia do Fiscal Especial de Medio Ambiente, o delegado do Goberno ou os alcaldes de Carballeda de Avia, Cervantes, As Neves e Nigrán, os concellos máis afectados pola vaga de lumes. Tamén serán chamados os responsables dos sindicatos Unións Agrarias, CC.OO., UGT e CIG.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación de En Marea:

En Marea votou en contra do plan de traballo da comisión especial sobre os incendios forestais porque o PP rexeitou as principais aportacións en auditorías, comparecentes e informes invalidando así a proposta realizada por EM para que esta fose unha comisión “cun cualificado perfil técnico e coa capacidade de facer o diagnóstico sobre o situación real do rural galego e ofrecer as solucións necesarias para o futuro”, segundo sinalou Luís Villares. A intención de En Marea de que esta comisión especial fose máis alá da política forestal e dos lumes e se ocupase da ordenación do territorio para chegar á causa estructural dos lumes foi rexeitada polo PP que non quixo asumir as auditorias propostas por EM e tampouco quixo escoitar aos expertos en territorio. Outra das razóns fundamentais da negativa de En Marea a secundar o plan de traballo da comisión foi que o PP non quixo admitir nas comparecencias a ningún dos colectivos profesionais que participaron no operativo de extinción na vaga de lumes de outubro.

Entre os motivos que xustifican a negativa de EM ao plan de traballo proposto inicialmente polo PP e asumido pola mesa da comisión como se fose propio, están as negativas do PP a realizar as auditorías solicitadas: “nos queríamos unha auditoría do que fixo durante estes anos a Dirección Xeral de Ordenación Forestal, auditoria que nos foi negada a pesar de que o seu máximo responsable, Fernández Couto está imputado“, tal como explicou o voceiro. Dentro das propostas de En Marea tamén figuraba unha auditoría do “funcionamento dos plans de emerxencias e riscos forestais que tampouco foi admitida”.

Tamén foi denegada polo PP a “comparencia das traballadoras e traballadores dos corpos de extinción que actuaron durante o domingo negro e tamén denegado“. No mesmo sentido se vetou a comparencia dos representantes dos traballadores e traballadoras do servizo do 112. Tamén se opuxo o PP á comparecencia de expertos en cambio climático. No catálogo de negativas do Partido Popular tamén figuran a petición de En Marea a contar coa presenza en comisión dos expertos en gandeiría e pastos e os expertos en alternativas de explotacións agrogandeiras.

Para En Marea, o plan de traballo tiña que ser útil para que os expertos máis cualificados puidesen realizar primeiro un diagnóstico da situación e logo ofrecer solucións para a situación real do rural en Galicia. Diagnóstico e solucións que necesariamente tiñan que estar formuladas con carácter integral en en clave de ordenación do territorio. A ordenación do territorio é un argumento que EM considera fundamental para entender os lumes en Galicia, pero que vai moito máis alá da política forestal. Neste sentido, En Marea considera frustrante que o PP negase a presenza na comisión de expertos xeógrafos nesta comisión que ofrecesen unha visión da evolución do territorio en Galicia nos últimos anos. Todas estas negativas por parte do PP evidencian a imposibilidade para que En Marea respaldase o plan de traballo proposto polo Partido Popular.

A todas estas negativas hai que sumar aínda o rexeitamento do PP a que comparecesen representantes sindicais dos sectores agrogandeiros e sindicais, así como os responsables de colectivos ecoloxistas.

Tamén explicou Luís Villares que para EM esta comisión tiña que ser eminentemente técnica, con especialistas de todos os ámbitos e “buscando un coñecemento real das causas dos incendios e unha solución integral para darlle futuro ao rural galego”. Neste sentido, a intención de conseguir unha comisión efectiva, EM non propuxo a presenza de Rueda ou Feijóo na mesma porque a “nosa intención -sentenzou Luís Villares- era que na comisión falasen expertos, non xente que xa demostrou a súa incompetencia“.
R.