Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

El PSdeG evalúa con un claro suspenso a la Xunta de 2017 gobernada por Núñez Feijóo

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, concedeulle un “suspenso claro en xestión” á acción de goberno de Feijóo durante o pasado ano 2017. Así o dixo nunha rolda de prensa de balance do ano político na que anunciou unha “oposición dura” para 2018 en cuestións centrais como o emprego, a defensa dos servizos sociais, política industrial ou transparencia.

Leiceaga lamentou o “ano perdido” polo goberno galego, cunha xestión que languideceu lastrada pola perda de peso político do seu titular, que provocou a devaluación da posición de Galicia no conxunto do Estado. Cuestionou o seu “escaso impulso reformista”, logo de presentar apenas 5 das 11 leis previstas para todo o ano, cun traballo que se demostrou “reducido e de escasa importancia”.

Criticou ademais a súa incapacidade manifesta para trasladarlle a recuperación económica ao conxunto da sociedade, xa que non se traslada na creación de emprego de calidade ao ritmo que debera e mantén aos xóvenes, ás mulleres e aos parados de longa duración nunha sorte de “marxinación laboral”. Mentres, apuntou, os maiores vense obrigados a asumir prazas nos centros de día a prezos abusivos.

Suspendeu ademais a xestión dun goberno que estivo medio ano anunciando a candidatura de Arousa para o Laboratorio Europeo de Bivalvos agochando que non fixera ningunha xestión e que continuou coa campaña de propaganda mesmo despois de coñecer que o Laboratorio sería desmantelado.

O seu fracaso, engadiu, constátase tamén na xestión desastrosa dos incendios de outubro e das axudas europeas para impulsar o emprego xuvenil, que quedan sen executar polo seu desleixo aínda que o paro ascenda ao 30 por cento nestes casos.

Fernández Leiceaga apuntou ao escaso peso político do presidente galego, que foi incapaz de romper co bloqueo do seu propio partido á transferencia da AP-9 a Galicia mesmo logo de tela apoiado. Lamentou que todo o que pode facer sexa confundir sobre a exclusión de Galicia do mapa da rede europea de mercadorías por ferrocarril, ou sobre o escaso nivel de execución das obras do AVE por parte do goberno central.

Un perfil baixo que lastra a posición de Galicia no reparto do financiamento autonómico, e que ve como é superada amplamente por comunidades máis ricas como o País Vasco ou mesmo polas que incumpren cos obxectivos de déficit, beneficiadas do FLA ou do Fondo de Facilidade Financeira.

O presidente da Xunta demóstrase incapaz de afrontar estes desafíos, sinalou, ao tempo que observa como se discute o reparto das pesquerías comunitarias por primeira vez dende fora da sala precisamente cando se abren máis fiestras de oportunidade derivadas do Brexit.

O responsable socialista anunciou unha “oposición dura” para o próximo ano político en asuntos fundamentais para Galicia como as condicións laborais e salariais, o impulso dos servizos sociais, nomeadamente a sanidade, a política industrial ou a transparencia na acción do goberno.

Apuntou que os socialistas continuarán tamén nunha liña de oposición altamente propositiva que levou a presentar preto de 7.000 iniciativas ao longo do ano e impulsar “asuntos de país” que derivaron tamén na aprobación de en torno a 20 iniciativas parlamentarias só en Pleno.

Reclamou unha resposta á altura por parte do PP, a quen lle afeou que pretenda desvirtuar a acción do Parlamento descafeinando órganos como a Comisión de Estudo dos Incendios, que nace sen a comparecencia dos máximos responsables da política de emerxencias, como son o vicepresidente e o presidente da Xunta.

O responsable socialista criticou a “autocompracencia carente de autocrítica” demostrada por Feijóo e Rajoy na inauguración dos novos tramos da AP-9 durante este Nadal, aos que veu “afastados da realidade” na que a metade das familias galegas teñen serias dificultades para chegar a fin de mes.

Demostráronse, dixo, máis preocupados de responsabilizar ao ex ministro de Fomento José Blanco da suba das peaxes, cando as obras asinadas por aquel –nun momento en que o Estado destinaba 1.500 millóns en investimentos a Galicia- supoñen apenas o 25 por cento da suba, que foi “ratificada e ampliada” por Ana Pastor en 2012.

Lembrou que “hoxe estamos en condicións de que o Goberno asuma os custes destas ampliacións” para evitar trasladárllelas ao conxunto da cidadanía porque, dixo, “os acordos hai que cumprilos ou revisalos”.
R.