Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

El PSdeG pide a Feijóo que defienda de forma nítida los intereses de Galicia en el pacto de financiación autonómica. El PPdeG recomienda que se fiscalicen las ayudas que reparten las disputaciones entre los concellos

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PPdeG:

Cuestionado sobre as posibles quitas de débeda ás comunidades autónomas, Pedro Puy reiterou que “as quitas non son boas para o conxunto do país porque introducen un incentivo perverso cara o futuro: non se pode tratar mellor a quen incumpre que ao que cumpre”. “A Xunta está desde o primeiro momento defendendo algo máis que o que pide a oposición: hai que tratar mellor a Galicia porque cumpriu e non se pode premiar aos incumpridores”.

Neste sentido, criticou que os grupos da oposición “nos digan unha cousa e a súa contraria”, porque “por unha banda están denunciando que se podería derivar un trato inxusto con Galicia porque se teña endebedado menos e hai pouco estaban denunciando que nos tiñamos endebedado moito”. “Hai que pensar no conxunto do sistema, non introducir incentivos para que as comunidades xeren problemas que afectan a todos, como pode ser que algunha comunidade incumpra os acordos acadados entre todos no seo do Consello de Política Fiscal e Financeira”, engadiu.

O portavoz do Grupo Popular, Pedro Puy, avanzou a previsión de que no Pleno da vindeira semana se aproben as recomendacións ao Plan de Traballo do Consello de Contas para 2018, entre as que figura a solicitude para que fiscalice os criterios que seguen as deputacións provinciais para o reparto dos recursos dos plans provinciais entre os concellos, así como a eficiencia do gasto e o seu peso relativo nos orzamentos.

Pedro Puy defendeu que o Consello de Contas “elixa os seus obxectos de traballo e fiscalización con absoluta independencia”. Neste sentido, lembrou que as propostas realizadas polo Grupo Popular reiteran as demandas para que se aproximen os informes da Conta Xeral da Comunidade galega, da Conta Xeral do Sergas e o Informe de actividade económica-financeira das entidades públicas ao exercicio en curso. Así mesmo, solicítase que o Consello de Contas manteña con carácter periódico os informes sobre a Actividade económica-financeira das Entidades Públicas dependentes da Administración Xeral da Comunidade Autónoma, ao tempo que avance nos traballos para facilitar a rendición telemática da Conta Xeral da Administración Autonómica.

A estas recomendacións formuladas polo Grupo Popular, no trámite de comisión sumáronse outras pactadas cos grupos da oposición para que o Consello de Contas realice un informe de fiscalización das deputacións provinciais no que se avalíen os criterios de reparto dos recursos dos plans provinciais entre os diferentes concellos, así como a eficiencia do gasto e o seu peso relativo nos orzamentos en relación coas competencias a desenvolver.

Tamén se demanda que o Consello de Contas fiscalice a adxudicación dos contratos de limpeza dos edificios administrativos da Xunta no ano 2017, e que execute un informe de fiscalización de actividades da comisión intermunicipal Razamonde-San Trocado que afectas aos concellos de Punxín, San Amaro e Cenlle.

Nota de prensa del Gabinete de Comunicación del PSdeG:

O portavoz do Grupo Socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga, instou ao presidente da Xunta a presentarse diante do encontro convocado polo seu partido para defender “de forma nítida” os intereses de Galicia en relación co financiamento autonómico. Reivindicou neste sentido un “tratamento igualitario na quita da débeda” e rematar cos privilexios das autonomías incumpridoras.

O responsable socialista criticou que o presidente do goberno teña escollido un encontro “de partido” en lugar dunha Conferencia de Presidentes Autonómicos para afrontar un debate que xa acumula un adiamento de 4 anos. En calquera caso, sinalou cinco puntos irrenunciables para Galicia que deben dirixir o debate a un tratamento igualitario de todas as comunidades autónomas.

Reclamou neste sentido un tratamento igualitario dos distintos actores en canto á débeda. Sinalou que “se non hai quita non a hai” para ninguén, pero no caso de abrirse esta posibilidade, esta debe ser en condicións equitativas, o cal resulta “tecnicamente posible”, sinaladamente nun contexto no que todas superan o límite do 13 por cento de límite establecido.

Polo tanto todas as comunidades autónomas deberan acceder á quita do 13 por cento, “e a partir de aí, a débeda restante debe estar progresivamente vencellada ao mercado e menos ao financiamento brando aplicado pola administración central”. Isto permitiría que Galicia pasara dunha débeda de 12.000 millóns a apenas 5.000, e todas as comunidades autónomas se verían aliviadas dunha presión excesiva.

O portavoz socialista urxiu a resolver as desigualdades que provocan os mecanismos extraordinarios de financiamento, beneficiando ás que demostraron un menor rigor financeiro, para pasar a un modelo “normal” en base aos mecanismos de mercado. Estas “diferenzas notables” supoñen que algunhas autonomías están sendo beneficiadas por 150 euros por habitante e ano, mentres Galicia só recibe 3.

Os socialistas galegos reclamaron ademais unha solución “inmediata” a un problema que debera terse resolto en 2014, e que o propio Montoro apuntara a unha proposta da Comisión de Expertos a finais de 2017. Sinalou que a resposta debe ser “rápida” e con vixencia a xaneiro de 2018, máxime cando ao non haber eleccións previstas durante este ano ábrese un “espazo de oportunidade”.

Reclamou tamén unha resposta ao “desequilibro vertical” entre as comunidades autónomas e o Estado, xa que son aquelas as que prestan os servizos máis custosos e a Administración central a que administra a maior parte dos recursos. Apuntou ao informe da Comisión de Expertos que apuntaba a un financiamento adicional de 16.000 millóns que permitiría ás autonomías comezar a reequilibrar a súa situación financeira.

Apuntou que despois de que Rajoy fixera posible unha importante cesión de recursos ao País Vasco “a cambio dun puñado de votos”, debe ser viable tamén unha solución semellante no conxunto das comunidades autónomas.

Fernández Leiceaga apuntou tamén que as necesidades de gasto deben ser tidas en conta para unha solución igualitaria, incorporando o elevado custe do avellentamento e a dispersión poboacional.

R.