A MIT de Ribadavia remata cun récord de asistencia de espectadores
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/mit_ribadavia.jpg)
Usuarios e artistas, persoal técnico e visitantes esixen unha mellora das condicións económicas. As oportunidades de dar un salto aínda máis significativo desta capital teatral tamén parecen esixilo. A MIT 2018 foi a demostración de que dende a periferia, o teatro galego pode estar na vangarda, que non é un evento máis senón algo moi pensado e con longa tradición, que ten unha posición privilexiada para poder dicir algo na esfera internacional, como se demostrou coa estrea en Galicia dos espectáculos de Marianella Morena, Pippo Delbono, Lali Álvarez, Los Colochos, Blind Summit, etc.
Tamén, grazas á coprodución de Commedia, a MIT acompañará e abrirá portas e camiños para o espectáculo dirixido por Cándido Pazó e servirá de embaixadora en encontros de Brasil, México e Uruguai, a onde o festival xa foi convidado a participar grazas aos intercambios e redes establecidas no marco da 34ª MIT.
Como indicou o Director da MIT, Roberto Pascual, na inauguración desta 34ª edición, é preciso revolucionar para mudar e mellorar aspectos da xestión escénica e a MIT está demostrando a súa capacidade revolucionaria da man da xente, dunha cantidade cada vez meirande de persoas que gozan dun contraste diverso, de experiencias artísticas excepcionais e polo tanto, dun nivel e unha capacidade de acceso e goce do teatro contemporáneo cada vez máis grande. Porque temos dereito os galegos tamén a ter acceso a este tipo de teatro e a estar conectados co exterior dende o noso. Porque ser revolucionarios tamén é ir cambiando os focos, do grande ao pequeno, do centro á periferia. A MIT xa é un festival de referencia a nivel europeo.
R.