Ven de aprobarse o Plan básico autonómico de Ordenamento urbano de Galicia, que rexistra a existencia na comunidade dun total de 39.000 asentamentos de poboación
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/mapagalicia.jpg)
Ao fío disto o presidente da Xunta quixo salientar o gran traballo que desenvolveu o Instituto de Estudos do Territorio ao recadar toda esta información, fundamental para a elaboración deste plan.
Esta nova normativa aplicarase nos plans básicos municipais para 38 concellos de menos de 5.000 habitantes que aínda se rexen polas Normas Provinciais de 1991 e, complementariamente, nos 177 municipios suxeitos a normas subsidiarias municipais ou PXOM desactualizados. Así, segundo o presidente, garántese “unha seguridade xurídica para que non se paralice o Concello” en caso de non ter aprobado o PXOM e “evítanse disparates urbanísticos” que poderían amparar normas obsoletas.
O texto foi aprobado definitivamente nun prazo de sete meses desde a aprobación inicial, tras superar una tramitación que incluíu unha exposición pública de dous meses para garantir a participación cidadá e tras solicitar os informes sectoriais preceptivos e os informes determinantes a 313 concellos. Tomáronse en consideración, dixo, 700 alegacións, o 70% das que se recibiron.
Para finalizar, Feijóo subliñou que se prevé que os primeiros plans básicos municipais estean listos ao longo do ano que vén cumprindo cos obxectivos marcados de que non haxa ningún concello sen PXOM e garantindo que o ordenamento se desenvolva de forma sustentable e contribuíndo a vertebrar o país.
R.