Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O maior orzamento da historia de Galicia para maiores e discapacidade permitirá chegar neste 2018 aos 60.000 dependentes atendidos

Isto fai posible que hoxe en Galicia haxa máis de 57.000 persoas con dependencia atendidas, catro veces máis que en 2009, cando recibían atención 14.000 persoas. “Isto supón que nestes nove anos se incrementou en case un 50% a ratio de cobertura, ata situarse nun 84%, sete puntos por riba da media nacional”, explicou, ao que engadiu que o 80% dos dependentes galegos contan con servizos profesionais, converténdose Galicia na terceira comunidade cunha mellor atención profesional á dependencia.

Ao longo da súa intervención, o titular da Xunta incidiu na importancia do traballo conxunto e en colaboración con entidades como Mensajeros de la Paz, cos concellos galegos e co Goberno central.

Sobre este último punto, reiterou a necesidade de que se cumpra a Lei de dependencia e de que o Goberno de España financie o sistema de atención coa mesma intensidade que a Comunidade. Non en van, na actualidade, o Goberno autonómico achega o 75% dos fondos e a Administración central só o 25%.

Diante destas cifras, o presidente da Xunta lembrou que se o Goberno central puxese os mesmos 250 millóns de euros que achega a Xunta, hoxe non se estaría a falar dunha ratio de atención do 84%, senón dunha do 100%.

Feijóo resaltou ademais o compromiso e a dedicación de Mensajeros de la Paz, cuxo traballo, merecedor do Premio Príncipe de Asturias da Concordia, está reflectido en Galicia nestas novas instalacións no concello de Cervo, nunha residencia en Ferrol, nunha residencia–centro de día en Mondoñedo e nun centro de atención a menores en Vigo.

“As novas 54 prazas residenciais e as 25 de centro de día que ofrecen estas instalacións consolidan a residencia de Cervo como un recurso asistencial de primeiro nivel para a Mariña lucense”, dixo o presidente da Xunta, resaltando a achega autonómica de 2,1 millóns de euros para contribuír a construción desta infraestrutura que axudará a que os maiores da comarca poidan estar mellor atendidos e gozar dunha maior calidade de vida.

Ao respecto, o responsable do Executivo galego precisou que a residencia de Cervo servirá como complemento da oferta de prazas residenciais públicas ou sustentadas con fondos públicos que ten Galicia e que a día de hoxe ascenden a 7.820; un 40% máis que en 2009, con menos de 5.800 prazas.

Nesta liña, aseverou que, ao longo deste 2018, o número de prazas ascenderá ás 8.000, coa apertura dos fogares residenciais de Vilardevós, Arteixo, Baleira, Redondela e Paradela. E, antes do final da lexislatura, a construción de sete residencias nas sete cidades galegas suporá a creación de 900 prazas máis en residencias e centros de día sostidos con fondos públicos.

Feijóo resaltou que a Comunidade galega dispón ademais dunha variedade cada vez maior de recursos de atención para as persoas maiores que non desexan unha praza residencial como: o Servizo de Axuda no Fogar, do que se benefician xa unhas 21.600 persoas; os servizos de teleasistencia e Xantar na casa ou o incremento das libranzas para os coidadores de persoas dependentes, das que hoxe hai concedidas 20.400 e cuxo orzamento se incrementou un 28% neste ano.

Así mesmo, referiuse á posta en marcha da primeira convocatoria das Casas do maior, que atenderán en pequenos grupos de ata cinco a persoas maiores de 60 anos con dependencia moderada ou severa. Unha iniciativa que, cun investimento 1,3 millóns de euros, prevé a creación de ata 30 Casas do maior co fin de mellorar a prevención e a atención da dependencia nos concellos de menos de 5.000 habitantes.
R.