Preto de 300 participantes recrean a autencididade dos entroidos galegos cun desfile polo casco vello de Santiago de Compostela
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/entroidos_2.jpg)
Galicia conta con nove entroidos recoñecidos como festa de interese turístico. Dous deles, Xinzo de Limia, cos pantallas, e Verín, cos cigarróns, acadaron xa a declaración como festa de Interese Turístico Nacional, mentres que outros sete son de Interese Turístico de Galicia. Trátase de Viana do Bolo, cos boteiros e folións; Cobres, coas madamas e galáns; Laza, cos peliqueiros; Manzaneda, coas mázcaras; os Xenerais da Ulla (que abarca nove concellos da contorna da capital galega: A Estrada, Boqueixón, Padrón, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces); Maceda, cos felos, e Vilariño de Conso, cos boteiros.
A práctica totalidade participaron neste pasarrúas, ao que tamén acudiron catro carnavais convidados especiais nesta ocasión: o Entroido Ribeirao de Chantada, cos volantes; as Bonitas de Sande (Cartelle), os Vellaróns de Riós e os Vergalleiros de Sarreaus.
Turismo desestacionalizado
A Xunta vén organizando nos últimos anos esta promoción, co obxectivo de dar a coñecer e poñer en valor unhas das riquezas do patrimonio etnográfico da Comunidade e amosar aos milleiros de turistas a variedade desta xenuína tradición, animándoos a coñecela no inverno. No marco da Estratexia do turismo 2020, estanse a impulsar aqueles valores que mellor identifican a Galicia, entre os que se atopan os entroidos pola súa autenticidade. Así mesmo, trabállase para recibir viaxeiros durante todo o ano, facendo que a temporada media e baixa sexa cada vez máis importante, afondando así nunha actividade máis desestacionalizada.
R.