A extinción do lume de Mondariz supuxo un custe superior aos 100.000 euros e mobilizou máis de 350 persoas
![](http://www.galiciadigital.com/images/noticias/mondariz_lume.jpg)
O titular de Medio Rural salientou tamén o bo facer dos profesionais que participaron no operativo. Neste sentido, lembrou que a alerta do lume chegou dun punto de vixilancia da consellería e que tan só 13 minutos despois do aviso os medios xa estaban actuando na zona, incluído un helicóptero coa súa correspondente brigada. Indicou, así mesmo, que só no primeiro día de actuación os helicópteros mobilizados realizaron ata 88 descargas en tan só hora e media (o lume empezou ás 18,17 horas e tiveron que retirarase co ocaso), o que supuxo un volume de máis de 111.000 litros de auga.
Medios humanos e materiais
En conxunto, na extinción do incendio participaron 3 técnicos, 20 axentes, 47 brigadas terrestres e 10 helitransportadas. Os medios materiais mobilizados foron 33 motobombas, 5 pas, 1 tractor, 10 helicópteros e 2 avións, ademais de instalar un posto de mando avanzado na zona. O lume afectou 159 hectáreas, das cales 89 son de monte raso e 70 de arborado, sendo preciso declarar a Situación 2 pola súa proximidade a núcleos habitados e mesmo houbo que desaloxar uns 60 veciños, que foron levados á igrexa parroquial de Gargamala.
Nesta visita, o conselleiro informou ademais de que Mondariz foi un dos concellos nos que máis repeticións de lumes houbo neste mes de outubro (ata seis incendios en sete días). De feito, durante a extinción deste lume, e cando xa estaba decretada a Situación 2, rexistrábase un novo incendio na parroquia de Riofrío, que quedou en conato grazas á rápida intervención do dispositivo de extinción.
R.