Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

Preto de 4.000.000 € para financiar os programas asistenciais que desenvolven as unidades de drogodependencias dos concellos

O Goberno galego destina un total de 3.979.799 euros a financiar os programas de atención sociosanitaria a persoas con trastornos adictivos que desenvolven as unidades asistenciais de drogodependencias dos concellos. A tal efecto, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alfredo García Rodríguez, asinaron esta mañá o convenio de colaboración para a realización dos programas de atención e protección á saúde. No convenio participan Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, a Consellería de Sanidade, o Sergas e a Fegamp.

Con este acordo, a Xunta garante o mantemento e a consolidación dos sistemas de axuda ao colectivo de persoas con problemas de drogodependencias. Este convenio subvenciona aos concellos de Galicia que contan cunha Unidade Asistencial de Drogodependencias (UADs), autorizada conforme a normativa vixente.

Galicia conta na actualidade con 13 destas unidades asistenciais situadas nos concellos de Ourense, Burela, Monforte de Lemos, Cangas, O Grove, Pontevedra, Porriño, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Carballo, Noia, Ribeira e Santiago. Ao longo do pasado ano 2017, este convenio permitiu atender nestas UADs xestionadas polos concellos a un total de 7.634 persoas.

En base ao acordo asinado hoxe, cada concello, previos os informes técnicos previstos, recibirá un importe global e único para os programas que desenvolva.

A finalidade do convenio é regular as condicións que rexerán a relación entre a Administración autonómica e a Fegamp, como entidade colaboradora, e os concellos que se adhiran e acepten as subvencións destinadas ao financiamento e desenvolvemento de programas de axudas para as UADs, a través dos municipios que dispoñan destas unidades, atendendo a planificación, criterios, guías, programas e procedementos establecidos polo Sergas no circuíto de asistencia sanitaria aos trastornos adictivos en Galicia.

Esta planificación permite mellorar a atención aos galegos con trastornos adictivos; garantir un acceso equitativo á asistencia en toda a Comunidade Autónoma de Galicia; coordinar de xeito efectivo a atención prestada nos dispositivos de atención ás drogodependencias con servizos de atención primaria e de saúde mental, e, ademais, establecer unhas directrices comúns para todos os centros galegos en materia de trastornos adictivos.

Outras axudas no ámbito asistencial das drogodependencias

Estas axudas engádense ás xa concedidas en febreiro de 2018 para o desenvolvemento dos programas de atención sanitaria e de asistencia xurídico social á poboación con trastornos adictivos por parte de entidades sen ánimo de lucro da nosa Comunidade Autónoma. En concreto, o Sergas asinou convenios con trece asociacións por un importe de 5.512.668 euros.

As asociacións destinatarias das axudas realizarán a atención integral aos pacientes con trastornos adictivos do uso das drogas e ás súas familias atendendo a criterios, guías e procedementos establecidos polo Sergas.
R.