Skip to main content
A | B | C | D | E | F | G | I | L | M | N | O | P | Q | R | S | T | V | X | Z

O primeiro Ecobarrio será ourensán

O incesante aumento das necesidades enerxéticas esixe solucións que consigan a sustentabilidade -é dicir, que a enerxía non siga a consumir recursos limitados como os combustibles fósiles-, que a enerxía sexa limpa, e que sexa posible seguir aproveitándose do seu uso sen que contamine nin se esgote.

En Galicia, Comunidade con altas capacidades de produción enerxética, a Xunta afronta moi seriamente o desafío enerxético, sendo boa proba a aprobación das Directrices enerxéticas para o trienio 2018-2020, nas que é prioridade o desenvolvemento de enerxías renovables, cun investimento de 1.300 millóns de euros e coa instalación de 1.200 MW, dos que 1.000 serán para a produción de electricidade en base ao vento, a auga e o sol, e 200 de enerxía térmica a partir de biomasa, solar térmica, xeotermia e aerotermia. A meta é que no 2020 ao redor do 85% do consumo eléctrico e o 34% de calefacción e refrixeración proveñan de fontes renovables e que a biomasa represente o 35% do consumo de combustibles de uso térmico.

Preténdese que en Galicia se desenvolva unha economía verde na que as enerxías renovables vaian ocupando un importante lugar, e os recursos naturais autóctonos substitúan paulatinamente outras fontes enerxéticas, co que non só se dará cumprimento aos requerimentos da UE, senón que se camiñará firmemente cara a unha Galicia sustentable, respectuosa co medio ambiente, e na que se xeneren novas oportunidades de negocio, con novas profesións e, polo tanto, importantes ofertas de emprego especializado.

Paralelo a este cambio enerxético, vaise traballar a prol da eficiencia enerxética, tentando diminuír o consumo a través de medidas como un Plan especial de Aforro na Administración autonómica ou o desenvolvemento do EcoBarrio en Ourense, co que Galicia pasará a ser un referente en xeotermia coa creación da primeira rede de xeotermia de Europa cunha lonxitude de 5 quilómetros. Esta rede permitirá dotar de calefacción, auga quente e servizos básicos a medio cento de edificios do contorno, comprendendo 18 edificios públicos (entre eles 7 centros educativos.), e edificios residenciais das zonas de Covadonga e do Vinteún. O aforro desta iniciativa estímase en 150 millóns de euros anuais.
O proxecto tamén contempla a posta a punto de fachadas e envolventes térmicas; a substitución en edificios e rúas da iluminación actual por tecnoloxía led, o fomento da mobilidade sustentable; e a creación dunha oficina para informar a comunidades e asociacións de veciños sobre as axudas e actuacións en materia de eficiencia enerxética.

A iniciativa -cun investimento de 20M€, e a posibilidade de crear 300 postos de traballo-, prevé mellorar a eficiencia enerxética un 20%, que o 20% da enerxía consumida proveña de fontes renovables e reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro nun 30%.
R.